Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/01/2021

Asinado o primeiro acordo interinstitucional sobre as prioridades lexislativas da UE ata 2024

5232F_1610553869_portugal_.jpg
Bruxelas, 13 de xaneiro de 2021. A finais de ano,  Ursula  von  der  Leyen, presidenta da Comisión, David  Sassoli, presidente do Parlamento Europeo, e a chanceler  Angela Merkel, en nome da Presidencia do Consello, asinaron a declaración conxunta sobre as prioridades lexislativas para 2021. Ademais, por primeira vez na historia as tres institucións tamén acordaron uns obxectivos políticos plurianuais comúns, ao asinar as primeiras conclusións conxuntas para o período 2020-2024. O 1 de xaneiro, deu inicio a Presidencia portuguesa do Consello, cuxo programa de traballo enmárcase nesta axenda política consensuada polas tres principais institucións comunitarias.

A declaración conxunta sobre as prioridades lexislativas para 2021
Cada ano, o Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión debaten e acordan as prioridades lexislativas da UE para o ano seguinte. Para dotar a estes acordos dun compoñente oficial, as tres institucións asinan unha declaración conxunta anual que permite ás institucións colaborar máis estreitamente para facer fronte aos retos futuros.

Baseada no programa de traballo da Comisión para 2021, as prioridades deste ano, recollen as seguintes iniciativas:
  1. Aplicar o Pacto Verde Europeo velando por que a transición climática sexa xusta e que ninguén quede atrás, o que debería permitir á UE alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050.
  2. Configurar a Década Dixital, creando un mercado único de servizos dixitais que funcione realmente dentro de límites éticos e seguros, formulando un marco para unha intelixencia artificial fiable e fomentando o liderado europeo con obxectivos dixitais para 2030 e unha economía dos datos dinámica.
  3. Conseguir unha economía que funcione para as persoas, garantindo que a recuperación chegue á sociedade no seu conxunto, progresando no mercado único, profundando na Unión Económica e Monetaria e reforzando as industrias europeas, nun esforzo por lograr unha maior xustiza social e una maior prosperidade.
  4. Facer que Europa sexa máis forte no mundo, consolidando a marca europea de liderado responsable a escala mundial, e unha asociación sólida, e mostrándose dispostos a dar un novo impulso ás relacións  transatlánticas.
  5. Fomentar unha Europa libre e segura, traballando para lograr un novo pacto sobre asilo e migración e para garantir o control eficaz das fronteras exteriores. A UE protexerá a libre circulación, reforzando o marco de Schengen e mellorando a resposta de Europa ás crises sanitarias.
  6. Protexer e reforzar a democracia e defender os valores europeos comúns, fortalecendo en maior medida a capacidade da UE para defender e protexer o Estado de Dereito, os dereitos e as liberdades fundamentais, e consolidando os fundamentos democráticos de Europa.
Obxectivos políticos plurianuais comúns do Parlamento Europeo, Comisión e Consello para 2020-2024
Pola súa banda, as primeiras conclusións conxuntas concretan as prioridades acordadas polas tres institucións para orientar o programa lexislativo da UE ata 2024. Deste xeito, presentan un ambicioso programa político e lexislativo para a ata 2024, que inclúe:
  • A recuperación completa da pandemia de COVID-19 mentres se constrúe unha Unión Europea da Saúde.
  • A transición cara a unha sociedade máis xusta, máis saudable, máis verde e máis dixital.
  • O liderado mundial na loita contra o cambio climático.
  • Apostar polas solucións dixitais en Europa a fin de establecer a soberanía dixital da UE.
  • Facer que a economía europea sexa máis resistente e  robusta.
  • Defender os valores europeos comúns e fortalecer o modelo democrático europeo. 
  • Ampliar o papel da UE como actor global.
Tanto a declaración conxunta para 2021 como os obxectivos políticos plurianuais consolidan o compromiso das tres institucións por adoptar rapidamente as propostas lexislativas necesarias para impulsar a recuperación da UE da pandemia de COVID-19, aproveitando ao mesmo tempo as oportunidades que ofrecen as transicións climática e dixital.

En paralelo, as institucións europeas tamén se comprometeron a colaborar cos cidadáns para que estes teñan máis posibilidades de explicarse sobre o seu futuro, en especial a través da próxima Conferencia sobre o Futuro de Europa.

A Presidencia portuguesa do Consello
Desde o pasado 1 de xaneiro e ata o 30 de xuño de 2021, Portugal asume a presidencia  rotatoria do Consello da Unión Europea. Baixo o lema «É hora de actuar: por unha recuperación xusta, verde e dixital» , o país luso ten tres grandes prioridades para a Unión Europea: promover unha recuperación estimulada polas transicións climática e dixital; facer realidade o piar europeo de dereitos sociais da Unión Europea como como elemento clave para garantir unha transición xusta e inclusiva e reforzar a autonomía estratéxica de Europa, manténdoa aberta ao mundo, pero garantindo que as normas comerciais internacionais aplíquense de forma adecuada e garantan unhas condicións de competencia equitativas.

Para a consecución destas tres prioridades, a Presidencia portuguesa enumera cinco liñas de acción no marco do acordo interinstitucional anteriormente mencionado:
  • Europa  resiliente: Promover a recuperación, a cohesión e os valores europeos.
  • Europa verde: Promocionar á UE como líder na acción climática.
  • Europa dixital: Acelerar a transformación dixital para cidadáns e empresas.
  • Europa social: Reforzar e fortalecer o modelo social europeo.
  • Europa global: Lograr unha Europa aberta ao mundo.

Máis información:


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante