Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/01/2020

A Comisión Europea adopta o seu programa de traballo para o ano 2020

O vicepresidente Maros àefovi presentando o novo programa de traballo da Comisión. Fonte: © European Union 2020. Fotógrafo: Bernard de Keyzer.jpg
  • Trátase dunha folla de ruta ambiciosa por parte do Executivo europeo para favorecer unha Unión Europea que se esforce por lograr máis resultados.
Bruxelas, 29 de xaneiro de 2020. A Comisión Europea adoptou hoxe o seu programa de traballo para o ano 2020. Nel figuran as medidas que a Comisión adoptará en 2020 para que as orientacións políticas da presidenta Ursula von der Leyen redunden en beneficios tanxibles para os cidadáns, as empresas e a sociedade de Europa. O obxecto deste primeiro programa de traballo é aproveitar de maneira frutífera as oportunidades que brindará a dobre transición dixital e ecolóxica.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fixo as seguintes observacións ao respecto: «A Comisión comprometeuse a abordar os nosos desafíos xeracionais, como o cambio climático, a dixitalización e a migración. Comprometémosnos a cumprir o Pacto Verde Europeo e a mellorar as oportunidades dos cidadáns e as empresas europeas na transformación dixital. Este programa de traballo contribuirá a unha Unión que se esforza por lograr máis resultados», asegurou a política alemá.

Pola súa banda, Maros Šefčovič, vicepresidente responsable de Relacións Interinstitucionais e Prospectiva, considera que «facer realidade as nosas ambicións esixe un esforzo conxunto de todas as institucións, os Estados membros e os principais interlocutores. Por tanto, o programa de traballo da Comisión tamén reflicte as principais prioridades do Parlamento Europeo e do Consello Europeo. Ademais, por primeira vez, integramos o noso coñecemento das tendencias a longo prazo que van moldeando as nosas economías e sociedades. A prospectiva estratéxica será a guía do noso labor á hora de formular políticas con garantía de futuro que respondan con firmeza ás necesidades de todos os europeos e reforcen a posición xeopolítica da nosa Unión».

Acometer a transición cara a unha Europa xusta, climáticamente neutra e dixital
En 2020, a Comisión Europea empezará a traducir as seis ambicións principais da presidenta von der Leyen en iniciativas concretas que se negociarán e aplicarán en cooperación co Parlamento Europeo, os Estados membros e outros interlocutores:
  • Un Pacto Verde Europeo. Tras presentar as primeiras iniciativas clave en decembro de 2019 e xaneiro de 2020, a Comisión propoñerá lexislación europea en materia de clima que consagre xuridicamente o obxectivo de neutralidade en carbono para 2050. Un Pacto Europeo polo Clima axuntará todos estes esforzos, coa participación das rexións, as comunidades locais, a sociedade civil, as escolas, a industria e os particulares. A UE tamén establecerá negociacións internacionais para a CdP26 de Glasgow. A Comisión presentará iniciativas para facer fronte á perda de biodiversidade e, a través dunha estratexia "da granxa á mesa", axudará aos agricultores para ofrecer alimentos de alta calidade, alcanzables e seguros de maneira máis sostible.
  • Unha Europa adaptada á era dixital. Unha nova estratexia europea en materia de datos permitirá á Unión Europea aproveitar ao máximo o enorme valor dos datos non persoais como un activo reutilizable e en constante expansión na economía dixital. Isto abarcará o mellor uso posible do potencial dos datos dixitais e o desenvolvemento e a asimilación dunha intelixencia artificial que respecte os valores europeos e os dereitos fundamentais. Unha nova estratexia industrial para Europa reforzará as capacidades europeas industriais e de innovación, á vez que a normativa sobre servizos dixitais reforzará o mercado único neste sector e contribuirá a achegar ás empresas máis pequenas a claridade xurídica e a igualdade de condicións que necesitan.
  • Unha economía ao servizo das persoas. Tras presentar as súas primeiras ideas sobre unha Europa social forte en xaneiro de 2020, a Comisión tomará medidas para integrar a dobre transición dixital e climática na economía social de mercado da UE, única en si mesma, velando por que a economía combine a xustiza social, a sustentabilidade e o crecemento económico. Respectando as tradicións nacionais, a Comisión presentará propostas para garantir salarios mínimos xustos para os traballadores na UE, un réxime europeo de  reaseguro de desemprego e iniciativas para velar por unha fiscalidade eficaz e equitativa. A Comisión tamén propoñerá unha Garantía Infantil europea para que os nenos teñan acceso aos servizos básicos e reforzará a Garantía Xuvenil para apoiar a educación dos mozos, así como a formación e as oportunidades de emprego que necesitan.
  • Unha Europa máis forte no mundo. A Comisión formulará novas estratexias para colaborar cos veciños da UE como son África e os Balcáns Occidentais. A Comisión seguirá impulsando a apertura de negociacións de adhesión con Macedonia do Norte e Albania. Paralelamente, tentará manter o impulso propoñendo vías para mellorar o proceso de adhesión, por exemplo, en relación co método de ampliación e un marco reforzado en materia de investimentos. Tamén se seguirá co compromiso da defensa, da posta ao día e a modernización da orde baseada en normas, a fin de adaptalo ás realidades actuais. Para reforzar o papel xeopolítico da Comisión, todas as iniciativas do programa de traballo terán unha forte dimensión exterior.
  • Promoción do estilo de vida europeo. A Comisión presentará un novo Pacto sobre Migración e Asilo, que constituirá o elemento central da reforma da política de asilo. Apoiará tamén a protección sanitaria dos europeos e liderará a loita contra o cancro. Haberá iniciativas que contribúan a aumentar o investimento na  cualificación dos cidadáns e a axudalos a facer fronte aos retos que supoñen as transicións dixital e ecolóxica. A Comisión tamén presentará unha nova estratexia da Unión da Seguridade na que se establezan os ámbitos nos que a Unión pode achegar valor engadido á hora de axudar aos Estados membros a garantir a seguridade, desde a loita contra o terrorismo e a delincuencia organizada á prevención e a detección das ameazas híbridas, a mellora da ciberseguridade e o aumento da resiliencia das infraestruturas críticas.
  • Un novo impulso á democracia europea. Xunto coas demais institucións e socios da UE, a Comisión poñerá en marcha a "Conferencia sobre o Futuro de Europa", de forma que os cidadáns participen na formulación das accións da UE. A Comisión seguirá velando por unha sólida cultura do Estado de Dereito na UE. Así mesmo, estudarase a maneira en que as novas realidades demográficas afectan a todos os ámbitos, desde o emprego ata a protección social, a sanidade, a facenda pública e a política rexional, a conectividade dixital, as cualificacións e a integración, e darase respostas, por exemplo, mediante iniciativas en relación co envellecemento.
No anexo 1 do programa de traballo figura unha lista completa dos 43 novos obxectivos políticos clasificados segundo as seis ambiciones principais.

Aplicación da descontinuidade política
Ao elaborar o programa de traballo, a Comisión examinou todas as propostas que están pendentes de decisión polo Parlamento Europeo e o Consello, e vai propoñer a retirada ou a derrogación de 34 delas. Algunhas non coinciden coas novas prioridades políticas da Comisión; no caso da maioría delas, a Comisión mantén o seu firme compromiso de alcanzar os obxectivos que perseguen. A Comisión Europea reflexionará sobre formas mellores e máis eficaces de perseguir os obxectivos e consultará ao Parlamento Europeo e ao Consello antes de oficializar as retiradas.

No anexo 4 do programa de traballo figura unha lista completa das propostas por retirar.

Reforzo da formulación e aplicación das políticas de fronte ao futuro
A partir de 2020, a Comisión Europea fará un maior uso da súa capacidade de  prospectiva estratéxica para determinar as tendencias a longo prazo e mellorar a definición das prioridades do Executivo europeo e a formulación de políticas baseadas en datos contrastados. Un marco reforzado de mellora da lexislación velará por que as políticas ofrezan resultados tanxibles e faciliten a vida das persoas e as empresas. En particular, o principio de "unha máis, unha menos" velará por que as novas cargas introducidas se compensen suprimindo para os cidadáns e as empresas, sobre todo as pemes, custos administrativos equivalentes a nivel da UE no mesmo ámbito. Unha plataforma chamada Fit-for-future apoiará tamén os esforzos de simplificación da Comisión.

No anexo 2 do programa de traballo figura unha lista completa das propostas de simplificación da normativa.

Cumprimento do programa conxunto
A Comisión Europea cooperou estreitamente co Parlamento Europeo, os Estados membros e os comités consultivos para elaborar o seu programa de traballo antes de presentalo. Mantendo este espírito de equipo, a Comisión, o Parlamento Europeo e o Consello establecerán negociacións para fixar unha listaxe de prioridades comúns en relación coas cales os co-lexisladores acordarán actuar con rapidez.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante