Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/01/2020

O Parlamento Europeo aproba o acordo do Brexit

O Parlamento aproba o acordo de retirada do Reino Unido e xa só debe ser aprobado polo Consello. Fonte: © European Union 2020 (EP).jpg
  • O acordo de saída supera o penúltimo escollo para a súa entrada en vigor.
  • O Consello Europeo debe aínda aprobalo por maioría cualificada.
Bruxelas, 29 de xaneiro de 2020. O acordo para a saída do Reino Unido da UE recibiu este mércores a luz verde do Parlamento Europeo, que o aprobou con 621 votos a favor,  por 49 en contra e 13 abstencións. Na sesión, os eurodeputados analizaron o camiño percorrido e os desafíos pendentes nun debate no que estivo presente a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o negociador xefe da UE, Michel Barnier, e a presidencia croata do Consello Europeo.

Durante o debate, a maioría de eurodeputados destacaron que a retirada do Reino Unido non supón o final da relación bilateral e incidiron en que os vínculos entre os pobos de Europa son sólidos e hanse manter. Sinalaron que a UE debe extraer leccións deste proceso útiles para o seu futuro e agradeceron ao Reino Unido e aos seus representantes a contribución nas súas décadas de pertenza ao club europeo.

Moitos relatores advertiron de que as negociacións sobre a futura relación serán difíciles, sobre todo tendo en conta os prazos previstos no acordo de saída.

Participación do Parlamento Europeo na definición da relación futura
O grupo de coordinación para Reino Unido, que liderará o presidente da comisión de Exteriores, o eurodeputado alemán David McAllister traballará estreitamente co grupo de traballo -"task force"- para as relacións co Reino Unido e coordinarase coas comisións parlamentarias de Exteriores e Comercio Internacional.

O Parlamento Europeo seguirá atentamente os avances do negociador xefe da UE, Michel Barnier, e continuará influíndo nas negociacións a través de resolucións. O acordo final deberá recibir o visto bo de toda a Eurocámara.

Declaración do presidente do Parlamento, David Sassoli
Tras a histórica votación, o presidente da Eurocámara, o italiano David Sassoli confesou respecto a isto o seguinte: «Entristéceme profundamente pensar que chegamos a este punto. (...) Cincuenta anos de integración non poden disolverse facilmente. Teremos que traballar duro para construír unha nova relación, centrada nos intereses e a protección dos dereitos dos cidadáns. Non será sinxelo. Haberá momentos complicados que poñerán a proba a nosa relación. Xa o sabiamos desde que comezou o brexit. Pero estou seguro de que lograremos superar as diferenzas e atopar un punto de encontro», asegurou Sassoli.

Próximos pasos
O acordo de retirada será agora sometido a votación no Consello Europeo, que debe apoialo por maioría cualificada.

O período transitorio que comeza este 1 de febreiro terminará ao final de decembro de 2020. Calquera acordo sobre a relación futura deberá estar listo para entón se debe entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2021.

O devandito período transitorio poderá alongarse unha vez por un prazo dun ou dous anos, pero a decisión debe adoptarse na Comisión Mixta UE-Reino Unido creada no acordo de saída antes do 1 de xullo.

O Parlamento Europeo terá que pronunciarse sobre a relación futura. Se o acordo alcanzado tamén afecta a competencias que a UE comparte cos Estados membros, deberá ser ratificado así mesmo polos parlamentos dos 27 países da Unión.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante