27/11/2019
O Parlamento Europeo aproba á nova Comisión de Ursula von der Leyen
- A Comisión recibiu 461 votos a favor, 157 en contra e 89 abstencións por parte dos europarlamentarios.
- A presidenta e o seu equipo de comisarios asumirán os seus respectivos cargos o 1 de decembro dando inicio a un mandato de cinco anos.
- O Parlamento Europeo avaliou aos candidatos nas audiencias públicas das semanas previas e hoxe confirmou a súa capacitación.
- Ursula von der Leyen se converte na primeira muller en ocupar o cargo de presidente da Comisión Europea, liderando a maior porcentaxe de mulleres nun equipo de comisarios.
Bruxelas, 27 de novembro de 2019. Concluído o proceso de audiencias aos comisarios, o Parlamento Europeo deu o seu visto bo no pleno de hoxe en Estrasburgo á nova Comisión Europea liderada pola política alemá Ursula von der Leyen. Tras a presentación de Ursula von der Leyen do seu equipo, os eurodeputados confirmaron en votación nominal o seu respaldo ao colexio de comisarios no seu conxunto, con 461 votos a favor, 157 en contra e 89 abstencións.
Durante a súa intervención ante a Eurocámara, a presidenta electa reiterou a maioría dos compromisos asumidos en xullo, e polos candidatos a comisario ao longo do proceso de audiencias. Asegurou que a UE contará co investimento e a lexislación apropiada para liderar internacionalmente en ámbitos como a protección ambiental e o cambio climático, o crecemento, a inclusión, a innovación e dixitalización, a protección da democracia, os valores europeos, os dereitos dos cidadáns e o Estado de dereito.
Tamén confirmou un cambio de competencias que os eurodeputados solicitaran durante as audiencias aos candidatos a comisarios.
Antes da votación, os grupos políticos reuníronse brevemente para decidir o sentido do seu voto. Posteriormente, os líderes dos grupos interviñeron ante o pleno para xustificar a súa postura na votación de investidura.
Cabe apuntar que a representación feminina na nova Comisión é a máis elevada na historia da institución. Ademais da presidenta, o novo equipo contará con 11 mulleres e 15 homes.
Resultados das anteriores votacións de investidura da Comisión Europea
- Outubro de 2014, presidente Jean-Claude Juncker, 423 votos a favor, 209 en contra e 67 abstencións ( PE con 751 membros).
- Febreiro de 2010, presidente José Manuel Durao Barroso, 488/137/72 (736 membros).
- Novembro de 2004, presidente José Manuel Durao Barroso, 478/84/98 (732 membros).
- Setembro de 1999, presidente Romano Prodi, 510/51/28 (626 membros).
- Xaneiro de 1995, presidente Jacques Santer, 417/104/59 (626 membros).
Próximos pasos
Tras a luz verde por parte do Parlamento, a nova Comisión Europea debe ser nomeada formalmente polos xefes de Estado e de Goberno. O seu mandato de cinco anos comezará o próximo 1 de decembro.