Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/11/2019

O Parlamento Europeo decide o 27 de novembro se apoia á Comisión von der Leyen

A presidenta electa da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no pleno do Parlamento en Estrasburgo.jpg
  • O pleno votará, o próximo 27 de novembro en Estrasburgo, se dá o seu apoio á nova Comisión Europea, o que permitiría ao Executivo de Ursula von der Leyen iniciar o seu mandato o vindeiro 1 de decembro.
Bruxelas, 21 de novembro de 2019. A presidenta electa da Comisión Europea, Ursula von  der Leyen, presentará ao seu equipo e o seu programa de traballo ante o pleno da  Eurocámara, tras o cal se celebrará un debate e a continuación a votación. Para asumir as súas funcións, a Comisión no seu conxunto debe ser apoiada polo pleno do Parlamento, por maioría simple dos votos emitidos e con votación nominal.

Lexitimidade democrática
A votación prodúcese despois de que o Parlamento avaliase a idoneidade dos comisarios designados para desempeñar as súas funcións, caso por caso, nun proceso de audiencias públicas acometido entre setembro e novembro.

Este procedemento ten por obxectivo garantir que o organismo executivo da UE teña a lexitimidade democrática necesaria para actuar en interese dos europeos.

Os eurodeputados elixiron a Ursula von der Leyen como presidenta da Comisión en xullo.

Atraso pola retirada de candidatos
O voto final de aprobación da Comisión no seu conxunto estivo previsto nun primeiro momento para o pleno do 23 de outubro, pero o rexeitamento por parte do Parlamento de tres dos candidatos inicialmente presentados por Ursula von der Leyen, e a súa consecuente retirada e substitución, obrigaron a atrasar a decisión final.

A comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo identificou conflitos de intereses nos casos de László Trócsányi (candidato de Hungría) e Rovana Plumb (candidata de Romanía), mentres que Sylvie Goulard (candidata de Francia) non recibiu o apoio das comisións parlamentarias de Mercado Interior e de Industria para encargarse da carteira de Mercado Interior no brazo executivo da UE.

Olivér Várhelyi (Hungría), Adina-Ioana Vălean (Romanía) e Thierry Breton (Francia) foron propostos como substitutos e, finalmente, superaron o escrutinio do Parlamento ao pasar as súas respectivas audiencias públicas durante a segunda semana de novembro.

Esta mañá os líderes dos grupos políticos e o presidente do Parlamento Europeo, David  Sassoli, deron por concluído o proceso de avaliación e acordaron que a votación final para dar luz verde á nova Comisión podía celebrarse na seguinte sesión plenaria prevista para o 27 deste mes.

Pode seguir o debate e o voto en directo a través da páxina web do propio Parlamento ou ben a través da súa páxina de Facebook.

Fonte: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante