Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/10/2019

Brexit: A Comisión recomenda ao Consello Europeo que referende o acordo alcanzado sobre o Protocolo revisado relativo a Irlanda/Irlanda do Norte

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, saludando ao primeiro ministro británico, Boris Johnson, tras as últimas negociacións polo Brexit. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafo: Lejeune Xavier.jpg
  • O brazo executivo da UE tamén aconsella ao Consello a aprobación dunha Declaración Política revisada sobre o marco da futura relación UE-Reino Unido.
Bruxelas, 17 de outubro de 2019. A Comisión Europea recomendoulle hoxe ao Consello Europeo (artigo 50) que referende o acordo alcanzado a nivel negociador sobre o Acordo de Retirada da UE por parte do Reino Unido (Brexit), incluído un Protocolo revisado sobre Irlanda/Irlanda do Norte, e que aprobe unha Declaración Política revisada sobre o marco da futura relación UE-Reino Unido. A Comisión tamén aconsella que o Parlamento Europeo dea a súa aprobación a este acordo. O Brexit sae así da súa situación de bloqueo como consecuencia das intensas negociacións mantidas en Bruxelas entre a Comisión Europea e os negociadores do Reino Unido durante os últimos días.

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, declarou o seguinte ao respecto: «Este acordo é un compromiso xusto entre a UE e o Reino Unido. É unha proba do compromiso e a vontade de ambas partes de facer o mellor para os cidadáns da UE e do Reino Unido. Agora temos un novo Protocolo que protexe a paz e a estabilidade na illa de Irlanda e protexe plenamente o noso mercado único. Espero que agora podamos levar isto á práctica e proporcionar a certeza que os nosos cidadáns e empresas merecen», remarcou o presidente do brazo executivo da Unión.

Pola súa banda, o negociador xefe do Brexit para a Comisión Europea, Michel Barnier,  fixo balance das negociacións coa delegación británica durante estas xornadas: «Tivemos discusións difíciles nos últimos días. Conseguimos atopar solucións que respectan plenamente a integridade do mercado único. Creamos unha solución nova e legalmente operativa para evitar unha fronteira dura e protexer a paz e a estabilidade na illa de Irlanda. É unha solución que funciona para a UE, para o Reino Unido e para as persoas e empresas de Irlanda do Norte».

O Protocolo revisado proporciona unha solución xuridicamente operativa que evita unha fronteira dura na illa de Irlanda, protexe a economía de toda a illa e o Acordo do Venres Santo (Belfast) en todas as súas dimensións e salvagarda a integridade do mercado único. Esta solución responde ás circunstancias únicas da illa de Irlanda co obxectivo de protexer a paz e a estabilidade.

Todos os demais elementos do Acordo de Retirada permanecen inalterados en canto ao fondo, de conformidade co acordo alcanzado o 14 de novembro de 2018. O Acordo de Retirada achega seguridade xurídica cando a retirada do Reino Unido da UE creou moita incerteza: os dereitos dos cidadáns, o acordo financeiro, un período de transición polo menos ata finais de 2020, a gobernanza, os Protocolos sobre Xibraltar e Chipre, así como unha serie doutras cuestións relacionadas coa separación.

A Declaración Política revisada
Polo que se refire á normativa, Irlanda do Norte seguirá axustándose a un conxunto limitado de normas relacionadas co mercado único da UE para evitar unha fronteira difícil: lexislación sobre mercadorías, normas sanitarias para os controis veterinarios ("normas sanitarias e fitosanitarias"), normas sobre produción e comercialización de produtos agrícolas, IVE/IVE e impostos especiais aplicables ás mercadorías e normas sobre axudas estatais.

En materia aduaneira, o Territorio Aduaneiro Único UE-Reino Unido, tal como acordouse en novembro de 2018, foi suprimido do Protocolo sobre Irlanda/Irlanda do Norte, a petición do actual Goberno do Reino Unido. Os negociadores da UE e do Reino Unido atoparon agora unha nova forma de alcanzar o obxectivo de evitar unha fronteira aduaneira na illa de Irlanda, garantindo ao mesmo tempo que Irlanda do Norte siga formando parte do territorio aduaneiro do Reino Unido. Este acordo protexe, plenamente, a integridade do mercado único e da unión aduaneira da UE e evita todo control regulamentario e aduaneiro na fronteira entre Irlanda e Irlanda do Norte.

Por último, a UE e o Reino Unido acordaron crear un novo mecanismo de "consentimento", que dará aos membros da Asemblea de Irlanda do Norte unha voz decisiva sobre a aplicación a longo prazo da lexislación comunitaria pertinente en Irlanda do Norte. A Comisión estivo en estreito contacto co Goberno irlandés sobre este punto.

Principal cambio da Declaración Política revisada
O principal cambio da Declaración Política refírese á futura relación económica entre a UE e o Reino Unido, onde o actual Goberno do Reino Unido optou por un modelo baseado nun Acordo de Libre Comercio (ALC). A Declaración Política prevé un ambicioso ALC con aranceis e continxentes nulos entre a UE e o Reino Unido. Nel, afírmase que uns compromisos firmes en igualdade de condicións deberían garantir unha competencia aberta e leal. A natureza precisa dos compromisos será proporcional á ambición da futura relación e terá en conta a conexión económica e a proximidade xeográfica do Reino Unido.

Próximos pasos
Correspóndelle ao Consello Europeo (segundo o artigo 50) aprobar o Acordo de Retirada revisado na súa totalidade, así como a Declaración Política revisada sobre o marco da futura relación.

Antes de que o Acordo de Retirada poida entrar en vigor, debe ser ratificado pola UE e o Reino Unido. Polo que respecta á UE, o Consello da Unión Europea debe autorizar a firma do Acordo de Retirada antes de envialo ao Parlamento Europeo para a súa aprobación. O Reino Unido debe ratificar o acordo de conformidade coas súas propias disposicións constitucionais.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante