Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/01/2019

Presidencia romanesa do Consello da UE: 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2019

4475F_1546857724_2019-romanian-presidency-cobranding.png
  • As prioridades da Presidencia romanesa réxense por este lema: cohesión, valor común europeo entendido como unidade, igualdade de trato e converxencia
  • O programa da Presidencia presta especial atención a catro prioridades: a Europa da converxencia, unha Europa máis segura, Europa como actor de peso a nivel mundial e a Europa dos valores comúns.
Bruxelas, 7 de xaneiro de 2019. Asumen a Presidencia do Consello, por quendas de seis meses, os distintos Estados membros da UE. Durante cada semestre, o Estado de quenda preside as sesións en todos os niveis do Consello, garantindo así a continuidade do traballo da UE nesa institución. No primeiro semestre de 2019, marcado pola histórica saída do Reino Unido da UE, a aprobación do próximo orzamento comunitario, a reforma da  eurozona e as eleccións europeas de maio, Romanía preside o Consello da Unión Europea por primeira vez desde a súa entrada en 2007. 

Entre as prioridades que Romanía marcou na súa axenda semestral está a converxencia económica na UE, a seguridade, o papel internacional de Europa e os valores comúns, entre os que constan a loita contra o racismo, a intolerancia, a xenofobia, o populismo e o antisemitismo. Así, o programa da Presidencia presta especial atención a catro prioridades: a Europa da converxencia, unha Europa máis segura, Europa como actor de peso a nivel mundial e a Europa dos valores comúns.

O Día de Europa, a Presidencia celebrará tamén un cume en  Sibiu, coa que se orientará o debate sobre o futuro de Europa. É a primeira vez que Romanía ocupa a Presidencia  rotatoria do Consello.

Colaboración en grupos de tres 

Os Estados membros que exercen a Presidencia colaboran estreitamente en grupos de tres, denominados «tríos». Este sistema foi instaurado polo Tratado de Lisboa en 2009. O trío fixa os obxectivos a longo prazo e elabora un programa común cos temas e principais asuntos que abordará o Consello nun período de 18 meses. Con arranxo a este programa, cada un dos tres países elabora o seu programa semestral con maior detalle.

O trío actual está integrado polas Presidencias de Romanía, Finlandia e Croacia.

Labores da Presidencia

A Presidencia encárgase de impulsar os traballos do Consello referentes á lexislación da UE, garantindo a continuidade do programa da UE, a orde dos procesos lexislativos e a cooperación entre os Estados membros. Para iso, a Presidencia ten que actuar como un intermediario recto e imparcial.

A Presidencia ten dous labores principais:

1. Planificar e presidir as sesións do Consello e as reunións dos seus órganos preparatorios
A Presidencia preside as sesións das diferentes formacións do Consello (a execepción da de Asuntos Exteriores) e as reunións dos órganos preparatorios, entre os que se contan comités permanentes, como o Comité de Representantes Permanentes (Coreper), e grupos de traballo e comités encargados de temas específicos.

A Presidencia ocúpase de que os debates discorran adecuadamente e de que se apliquen correctamente o Regulamento Interno e os métodos de traballo.

Organiza tamén diversas reunións formais e informais en Bruxelas e no país que exerce a Presidencia  rotatoria.

2. Representar ao Consello nas relacións con outras institucións da UE
A Presidencia representa ao Consello nas relacións con outras institucións da UE, en particular coa Comisión e o Parlamento Europeo. O seu labor é tentar chegar a acordos sobre expedientes lexislativos mediante diálogos tripartitos, reunións informais de negociación e reunións do Comité de Conciliación.

A Presidencia traballa en estreita coordinación con:
  • o presidente do Consello Europeo
  • a alta representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade
Apoia a ambos no seu labor e en ocasións pode estar chamada a desempeñar determinadas funcións en nome da alta representante, como representar ao Consello de Asuntos Exteriores ante o Parlamento Europeo ou presidir o Consello de Asuntos Exteriores cando este trate cuestións da política comercial común


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante