Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/12/2017

A Comisión Europea e o Goberno británico acordan as condicións básicas do Brexit

May e Juncker presentan conxuntamente o acordo para a primeira fase do Brexit. © Unión Europea
  • Os negociadores británicos e da UE chegaron a un acordo sobre os tres puntos básicos da primeira fase das negociacións: dereitos dos cidadáns, fronteira de Irlanda e factura de RU a pagar polos compromisos adquiridos
  • A Comisión Europea recomendou ao Consello Europeo que determine que se avanzou o suficiente na primeira fase das negociacións co Reino Unido con arranxo ao artigo 50
  • Se o Consello Europeo dá luz verde na súa reunión do 15 de decembro, o Brexit entrará na súa segunda fase de negociacións

Bruxelas, 11 de decembro de 2017. A Comisión Europea recomendou o pasado venres ao Consello Europeo que determine que se avanzou o suficiente na primeira fase das negociacións co Reino Unido con arranxo ao artigo 50 do Tratado da UE (TUE). Corresponde agora ao Consello Europeo (artigo 50) do 15 de decembro de 2017 tomar unha decisión que confirme esa recomendación, e permitir con iso que as negociacións pasen á súa segunda fase.

A valoración da Comisión, coa que a primeira ministra Theresa May mostrou o seu acordo durante unha reunión co presidente Jean-Claude Juncker, baséase nun informe conxunto acordado polos negociadores da Comisión e do Goberno do Reino Unido.

A Comisión considera que se conseguiron avances suficientes en cada un dos tres ámbitos prioritarios, concretamente os dereitos dos cidadáns, o diálogo en relación con Irlanda e Irlanda do Norte e a liquidación financeira, como se contemplaba nas Orientacións do Consello Europeo do 29 de abril de 2017. O negociador da Comisión garantiu a protección das eleccións vitais dos cidadáns da UE residentes no Reino Unido. Os dereitos dos cidadáns da UE que viven no Reino Unido e dos nacionais do Reino Unido que viven nos vinte e sete Estados membros restantes seguirán sendo os mesmos despois de que o Reino Unido haxa saído da Unión. A Comisión asegurou tamén que os procedementos administrativos serán sinxelos e de custo reducido para os cidadáns da UE no Reino Unido.

Polo que respecta á liquidación financeira, o Reino Unido mostrou o seu acordo con que os compromisos contraídos pola Unión Europea na súa configuración actual de vinte e oito Estados membros sexan respectados por todos estes Estados, incluído o propio Reino Unido. En canto á fronteira entre Irlanda e Irlanda do Norte, o Reino Unido recoñece as circunstancias excepcionais da illa de Irlanda e asumiu importantes compromisos co fin de evitar que dita fronteira sexa ríxida.

Os detalles da avaliación da Comisión figuran na Comunicación da Comisión sobre a evolución das negociacións co Reino Unido.

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, declarou: «Esta é unha negociación difícil, pero conseguimos un primeiro avance decisivo. Estou satisfeito co trato equitativo que alcanzamos co Reino Unido. Se os vinte e sete Estados membros están de acordo coa nosa valoración, a Comisión Europea e o negociador principal Michel Barnier están dispostos a empezar a traballar de inmediato na segunda fase das negociacións. A miña intención é continuar mantendo a forte implicación do Parlamento Europeo ao longo do proceso, posto que o Parlamento Europeo deberá ratificar o acordo de retirada definitivo». Pola súa banda, o negociador principal da Comisión Europea, Michel Barnier, sinalou: «A Comisión basea a súa valoración nos avances reais e xenuínos alcanzados en cada un dos nosos tres ámbitos prioritarios. Unha vez alcanzado un acordo sobre eles, e esquecendo o pasado, podemos seguir adiante e debater a nosa relación futura con confianza e seguridade».

 

Próximos pasos

Se o Consello Europeo (artigo 50) considera que se avanzou o suficiente, os negociadores da Comisión Europea e do Goberno do Reino Unido iniciarán a elaboración dun acordo de retirada con arranxo ao artigo 50 do Tratado da Unión Europea, sobre a base do informe conxunto e do resultado das negociacións sobre outros aspectos da retirada. En consonancia coas Orientacións do 29 de abril de 2017, e unha vez que os Estados membros expresen o seu acordo coa valoración da Comisión, a Comisión está disposta a comezar inmediatamente a traballar sobre calquera posible réxime transitorio e a iniciar un debate que examine a relación futura entre a Unión Europea e o Reino Unido. 


Antecedentes 

O 29 de marzo de 2017, o Reino Unido notificou ao Consello Europeo a súa intención de retirarse da Unión ao amparo do artigo 50 do TUE. O 29 de abril de 2017, o Consello Europeo (artigo 50) adoptou unha serie de orientacións políticas. O 22 de maio de 2017, o Consello de Asuntos Xerais (artigo 50) autorizou á Comisión Europea a establecer negociacións co Reino Unido e aprobou as directrices de negociación. As negociacións deben concluírse como moi tarde no outono de 2018 para dar ao Consello tempo suficiente para concluír o acordo de retirada previa aprobación do Parlamento Europeo, e ao Reino Unido para aprobalo de conformidade cos seus propios procedementos, antes do 29 de marzo de 2019.

 
Ligazón á Comunicación da Comisión ao Consello Europeo (art. 50)
Fonte: Comisión Europea 

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante