Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/05/2017

Os eurodeputados salientan a unidade ante o Brexit e piden reformar a UE

O presidente Tusk expón as Orientacións para a negociación do Brexit ante o Parlamento Europeo. © Unión Europea
  • O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, presentou ao pleno as Orientacións para as negociacións co Reino Unido
  • O Parlamento Europeo subliñou a unidade entre as institucións da Unión e os 27 países membros
  • Varios eurodeputados pediron unha reforma da UE que responda as inquietudes dos cidadáns e faga máis visible os beneficios da integración europea

Bruxelas, 18 de maio de 2017. A unidade demostrada polos 27 Estados membros e as institucións comunitarias ante o Brexit debe aproveitarse para acometer unha reforma profunda da Unión en beneficio de todos os cidadáns, segundo os eurodeputados. Así o expresou a maioría da Cámara nun debate no que o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, presentou ao pleno en Estrasburgo as Orientacións para as negociacións co Reino Unido adoptadas polos Estados durante o cumio extraordinario do 29 de abril. O mandato negociador detallado será presentado para a súa aprobación no Consello do 22 de maio, explicou o presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker.

En liña co negociador xefe, Michel Barnier, a maioría de oradores destacaron a unidade entre as institucións da Unión e os 27 países, decididos a actuar xuntos para lograr un acordo equilibrado co Reino Unido.

Os principios básicos das futuras negociacións, enumerados por Barnier, foron o fío condutor do debate:

  • non haberá negociación sobre o marco futuro de relación entre a UE e Reino Unido antes de alcanzar “progresos substanciais” sobre os termos de separación.
  • garantir os dereitos dos cidadáns europeos afectados pola decisión británica de abandonar a UE.
  • preservar o proceso de paz en Irlanda do Norte (en particular a ausencia dunha fronteira física entre Irlanda e Irlanda do Norte).
  • asegurar o respecto por parte de Londres dos seus compromisos financeiros contraídos como Estado membro.

Barnier reiterou a importancia dunhas negociacións transparentes. Estas comezarán xusto tras as eleccións británicas do 8 de xuño.

Numerosos eurodeputados coincidiron en pedir que se utilice a unidade e confianza actual para iniciar, en paralelo ás negociacións para unha “saída ordenada” do Reino Unido, unha reforma da UE que responda as inquietudes dos cidadáns e faga máis visible os beneficios da integración europea. O voto británico en favor do Brexit e o aumento dos populismos nalgúns países, como Francia e Holanda, deben servir de lección aos dirixentes europeos, afirmaron varios deles. Tras mostrar satisfacción pola vitoria de partidos proeuropeos, pediron non ceder ao triunfalismo : “os populismos e nacionalismos non están mortos”.

Máis que nunca, advertiron, é urxente escoitar aos cidadáns e responder as súas demandas dunha UE con normas sociais e ambientais nun mundo globalizado, adaptación do mercado laboral aos desafíos tecnolóxicos, regras fiscais, e seguridade.

Fonte: Parlamento Europeo


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante