Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

31/01/2020

A Unión Europea mobiliza 10 millóns de euros do programa Horizonte 2020 para a investigación do Coronavirus

Stella Kyriakides, comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, anunciando a medida de urxencia da UE contra o Coronavirus. Fonte: © European Union 2020. Fotógrafo: Dati Bendo.jpg
  • A Comisión Europea puxo en marcha esta medida ante a declaración formal da Organización Mundial da Saúde (OMS) na que o novo brote de coronavirus é catalogado como unha emerxencia de saúde pública de interese internacional. 
  • Espérase que este financiamento sirva para apoiar de dous a catro proxectos de investigación.
Bruxelas, 31 de xaneiro de 2020. A Comisión Europea está a impulsar a urxente investigación sobre o coronavirus con 10 millóns de euros provenientes do seu programa de investigación e innovación: o Horizonte 2020. O Executivo europeo lanzou unha solicitude urxente de manifestacións de interese para proxectos de investigación que permitan avanzar na comprensión da nova epidemia de coronavirus, contribuír a un manexo clínico máis eficiente dos pacientes infectados polo virus, así como á preparación e resposta da saúde pública.

Neste sentido, a comisaria europea de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Mariya Gabriel, comentou respecto a istoque están «a traballar para mitigar as consecuencias dunha posible maior propagación do brote de Coronavirus na UE», engadindo que «grazas ao financiamento de investigación de emerxencia de Horizonte 2020, saberemos máis sobre a enfermidade. Enorgulléceme que, tras os progresos realizados nos últimos anos, os nosos centros de supercomputación estean preparados para axudar aos investigadores no seu labor de desenvolvemento de novos tratamentos e vacinas. Seremos capaces de protexer mellor ao público e de afrontar con maior eficacia os brotes actuais e futuros».

Pola súa banda, Stella Kyriakides, comisaria europea de Saúde e Seguridade Alimentaria, declarou o seguinte: «Necesitamos ver unha resposta  multifacética de todo o goberno ao Coronavirus e a investigación é unha parte esencial disto. Necesitamos saber máis sobre o virus para orientar mellor nosas medidas de prevención e asegurar unha mellor atención aos nosos cidadáns. Este é precisamente o obxectivo do financiamento da investigación de emerxencia Horizonte 2020 que anunciamos hoxe».

A Comisión puxo en marcha esta medida, xa que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixo unha declaración formal na que o novo brote de coronavirus é catalogada como unha emerxencia de saúde pública de interese internacional. A enfermidade segue propagándose en China e noutros países, e os primeiros casos rexistráronse en Europa. A Comisión Europea está a traballar estreitamente coa OMS e outros axentes internacionais para garantir unha resposta europea e mundial rápida, eficiente e coordinada ao brote.

Espérase que este financiamento sirva para apoiar de dous a catro proxectos de investigación. A Comisión está a utilizar todos os medios de que dispón para que o labor de investigación poida comezar canto antes. Os solicitantes teñen ata o 12 de febreiro, é dicir, só dúas semanas, para responder (en comparación cos tres meses que normalmente teñen) e os acordos de subvención tamén deberían asinarse moi rapidamente. As subvencións estarán suxeitas a cláusulas de intercambio rápido de datos para garantir que as autoridades poidan aplicar inmediatamente os resultados da investigación na súa resposta. Esta rápida acción é posible grazas a unha disposición de Horizonte 2020 para a "Mobilización de fondos de investigación en caso de emerxencias de saúde pública".

Ademais, varios proxectos financiados pola UE xa están a contribuír á preparación e a resposta ao brote de 2019- nCOV, por exemplo:
  • O Arquivo Europeo de Virus - GLOBAL (EVAg) xa respondeu a unhas 200 solicitudes de 55 países para dar acceso aos produtos necesarios para o diagnóstico da infección por Coronavirus.
  • O proxecto PREPARE, unha ampla rede que apoia a preparación dos hospitais en Europa e axuda a comprender mellor a dinámica do brote.
  • A Comisión tamén está a traballar con outros financiadores da investigación por conduto da rede "Colaboración mundial en materia de investigación para a preparación para as enfermidades infecciosas" (GloPID-R), que coordina a resposta da investigación e atende ás necesidades prioritarias da investigación.
Contexto
Os coronavirus (CoV) son unha gran familia de virus que causan enfermidades que van desde o arrefriado común ata enfermidades máis graves como a síndrome respiratoria do Oriente Medio (MERS-CoV) e a síndrome respiratoria agudo severo (SARS-CoV).

As autoridades chinesas han identificado un grupo de novas infeccións por coronavirus 2019- nCoV na cidade de  Wuhan, China. Xa se detectaron casos en varios países de Asia, pero tamén en Australia, Europa e América do Norte. O novo coronavirus (2019- nCoV) é unha nova cepa que non foi identificada previamente en humanos.

Ao 30 de xaneiro de 2020, notificáronse 7.824 casos confirmados en laboratorio de 2019- nCoV, incluídas 170 mortes. A enfermidade xa se propagou a 19 países fóra de China, e seguen aparecendo novos casos diariamente.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante