Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/02/2020

A Comisión Europea pon en marcha unha consulta pública a nivel da UE sobre o Plan Europeo de Loita contra o Cancro

Na UE se diagnostica anualmente cancro a 3,5 millóns de persoas, sendo a 2ª causa de defunción na Unión tras as enfermidades cardiovasculares. Fonte:© European Union 2020. Fotógrafo: Dati Bendo.jpg
  • A consulta axudará a configurar este plan europeo, detectará ámbitos de actuación clave e estudará posibles medidas futuras.
  • Na UE se diagnostica cada ano cancro a uns 3,5 millóns de persoas, convertendo esta enfermidade nun grave problema de saúde que afectará, directamente, ao 40% dos cidadáns da Unión no futuro e terá serias repercusións para os sistemas sanitarios e as economías europeas. 
  • Con todo, como o 40% dos casos de cancro poden evitarse, a marxe de actuación e o potencial de redución do número de casos na UE son enormes. 
Bruxelas, 4 de febreiro de 2020. A Comisión Europea pon en marcha hoxe, con motivo do Día Mundial contra o Cancro, unha consulta pública a nivel da UE sobre o Plan Europeo de Loita contra o Cancro. A consulta axudará a configurar o Plan, detectará ámbitos de actuación crave e estudará posibles medidas futuras.

Na Unión Europea, cada ano diagnostícase cancro a 3,5 millóns de persoas. Trátase dun grave problema de saúde que afectará directamente ao 40% dos cidadáns da Unión e terá importantes repercusións nos sistemas sanitarios e as economías europeas. Con todo, dado que o 40% dos casos de cancro poden evitarse, a marxe de actuación e o potencial para reducir o número de casos na UE son enormes. Tal como anunciou a presidenta Von  der Leyen nas súas orientacións políticas e tal como estableceu a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, na súa carta de mandato, a Comisión Europea presentará un plan europeo para reducir o sufrimento causado polo cancro e axudar aos Estados membros a mellorar o control desta enfermidade e os coidados dispensados.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou o seguinte ao respecto: «Todos temos un amigo, un compañeiro ou un familiar que pasou por iso. Todos experimentamos ese sentimento de tristeza e indefensión. Pero hai algo que podemos facer, tanto individual como colectivamente, tanto a nivel dos Estados membros como da Unión Europea. Non partimos de cero, por suposto, pero podemos facer moito máis que o que estamos a facer. Hoxe, no Día Mundial contra o Cancro, emprendemos un camiño común que derivará no Plan Europeo de Loita contra o Cancro. Xuntos podemos marcar a diferenza: mediante a prevención, a investigación, a nova estratexia en materia de datos e a igualdade de trato en toda Europa.»

Pola súa banda, Margaritis Schinas, vicepresidente para a Promoción do noso Modo de Vida Europeo, fixo as seguintes observacións: «Dun modo ou outro, o cancro preocúpanos a todos. Cando falamos de promover o noso Modo de Vida Europeo, referímonos tamén aos valores, a dignidade e as sinerxias: esas deberían ser as bases de calquera política sobre o cancro. O Plan Europeo de Loita contra o Cancro é un novo e importante paso cara adiante na consecución deses ideais e inicia unha nova era en materia de coidados e prevención do cancro. Deseñemos xuntos un Plan Europeo de Loita contra o Cancro que estea centrado no paciente, que achegue esperanza e brinde oportunidades a todos os pacientes europeos, así como ás súas familias e amigos. Podemos gañar esta batalla!».

Finalmente, a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides recoñeceu que «o cancro é un ámbito no que os cidadáns esperan medidas decisivas por parte da Unión. Unha Europa que se esforza por lograr máis resultados é unha Europa que escoita aos seus cidadáns e preocúpase polo seu benestar. Niso consiste o Plan Europeo de Loita contra o Cancro: en establecer a diferenza para os cidadáns, os pacientes e os sistemas sanitarios europeos. O éxito do Plan dependerá do pleno compromiso dos cidadáns, os pacientes con cancro, as partes interesadas e outros axentes, tanto a nivel europeo, como a nivel nacional e local. Convido a todo o mundo a participar, de modo que deseñemos un plan o máis ambicioso e eficiente posible. Xuntos podemos marcar a diferenza», finalizou a política chipriota.

Plan Europeo de Loita contra o Cancro
O Plan Europeo de Loita contra o Cancro da Comisión, o cal se presentará antes de finais de ano, propoñerá medidas concretas en cada fase clave da enfermidade:
  • Medidas de prevención: a prevención é a forma máis sinxela e eficaz de reducir a incidencia do cancro na UE. Este tipo de medidas podería incluír unha mellora do acceso a dietas saudables, unha mellor cobertura da vacinación, medidas destinadas a reducir os factores de risco ambientais, como a contaminación e a exposición a substancias químicas, ou outras como o fomento da investigación e a sensibilización.
  • Detección e diagnóstico precoces: entre as medidas destinadas a mellorar os resultados sanitarios mediante o diagnóstico precoz poderían incluírse o aumento da cobertura da poboación obxectivo en materia de cribado de cancro, un maior uso das solucións dixitais e a prestación dunha asistencia técnica máis completa aos Estados membros.
  • Tratamento e coidados: as medidas para mellorar os resultados en materia de coidados e de tratamento do cancro poderían incluír a mellora do acceso a tratamentos de calidade, a adopción de novas terapias, medidas que garantan que os medicamentos esenciais estean dispoñibles a prezos alcanzables e o fomento da innovación e a investigación.
  • Calidade de vida: entre as medidas destinadas a garantir a mellor calidade de vida posible para os pacientes con cancro, os sobreviventes e os coidadores poderían incluírse medidas para mellorar a reinserción profesional e previr a discriminación, así como a prestación de coidados paliativos e a transferencia de boas prácticas.
A Comisión Europea pon en marcha hoxe a consulta pública con ocasión do acto «Plan Europeo de Loita contra o Cancro: Loitemos por máis», celebrado no Parlamento Europeo. Este acto, inaugurado pola presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, reúne a cidadáns, pacientes con cancro e sobreviventes para que compartan os seus testemuños persoais, así como a un amplo abanico de partes interesadas, desde líderes políticos ata profesionais sanitarios e ONG.

Próximos pasos
O obxectivo da consulta pública é permitir que os cidadáns e as partes interesadas contribúan e expresen a súa opinión sobre o mellor modo de abordar esta cuestión na UE. Os resultados da consulta teranse en conta ao deseñar o Plan Europeo de Loita contra o Cancro, así como ao determinar os ámbitos de aplicación e o alcance das futuras medidas. A consulta terá unha duración de 12 semanas. Doutra banda, a Comisión tamén pon hoxe en marcha unha consulta sobre a folla de ruta do Plan, que durará catro semanas.

A partir de hoxe e ata xullo a Comisión Europea debaterá elementos específicos do Plan cos Estados membros e celebrará consultas específicas coas partes interesadas. O Plan Europeo de Loita contra o Cancro presentarase antes de finais deste ano 2020.

Contexto
Combater o cancro é crucial para o futuro de Europa, xa que na UE a día de hoxe diagnostícase un novo caso de cancro cada 9 segundos. O cancro é a segunda causa de mortalidade, por detrás das enfermidades cardiovasculares. Ademais, a incidencia do cancro supón unha enorme carga para os sistemas sanitarios e sociais, exerce presión nos orzamentos gobernamentais e repercute negativamente na produtividade e o crecemento da economía, así como na saúde dos traballadores da Unión. Trátase dunha enfermidade complexa causada por unha combinación de múltiples factores, como a predisposición xenética, a influencia do medio ambiente ou do estilo de vida e os axentes infecciosos.

De aquí ao ano 2035, os casos de cancro poderían duplicarse e, se non se toman novas medidas, esta enfermidade podería converterse na principal causa de morte na Unión Europea. Con todo, o 40% dos casos poden evitarse se se aplican as recomendacións para reducir o risco que figuran no Código Europeo contra o Cancro.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante