Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/07/2019

A Comisión Europea publica un estudo que avalía as diferenzas na composición dos produtos alimenticios da UE

A Comisión Europea ven de publicar un informe sobre a calidade dual nalgúns productos alimneticios presentes no mercado único europeo. Fonte. © European Union 2017. Fotógrafa: Jennifer Jacquemart.jpg
  • O órgano executivo da UE publicou a finais de xuño os resultados dunha campaña paneuropea de ensaios sobre produtos alimenticios que indica que certos produtos teñen unha marca idéntica ou similar, pero unha composición diferente.
  • Este estudo supón un esforzo máis por parte da Unión na loita contra o problema da calidade dual dos alimentos no mercado único europeo.
Bruxelas, 11 de xullo de 2019. No seu Discurso do estado da Unión de 2017, o presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, comprometeuse a resolver o problema da calidade dual dos alimentos. A Comisión Europea tomou diversas iniciativas e publicou a finais de xuño un estudo oficial tras realizar ensaios con produtos alimenticios en toda a UE utilizando a mesma metodoloxía. Todo iso a fin de comprender mellor a calidade dual dos produtos alimenticios presentes no mercado da Unión. 

O estudo, no que se analizan case 1.400 produtos alimenticios presentes en 19 países da UE e que realizou o Centro Común de Investigación da Comisión, indicou que o 9% dos produtos comparados presentaban diferenzas na súa composición, aínda que a parte frontal do seu envase era idéntica. Outro 22% de produtos cunha composición diferente tiña unha parte frontal similar. O estudo non mostrou un esquema xeográfico coherente. Sobre a base da nova metodoloxía desenvolta, as autoridades nacionais competentes poderán agora realizar, caso por caso, as análises necesarias para detectar prácticas enganosas prohibidas polo Dereito da UE en materia de protección dos consumidores.

O comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, Tibor Navracsics, responsable tamén do Centro Común de Investigación, declarou respecto a isto que «algúns europeos consideran que os produtos alimenticios de marca que compran son diferentes aos dispoñibles noutros lugares e quizais peores. A Comisión instou aos nosos científicos a que axuden obxectivamente a avaliar o alcance de tales diferenzas no mercado único. Os resultados son desiguais. Aínda que me alegro de que non atopasen indicios dunha división entre o leste e o oeste en canto á composición dos produtos alimenticios de marca; preocúpame que descubrisen ata un terzo de produtos sometidos a ensaio con composicións diferentes, aínda que as súas marcas eran idénticas ou similares», sinalou  Navracsics.

Pola súa banda, Věra Jourová, comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, afirmou o seguinte: «Non haberá dobres tratos no mercado único europeo. Coas novas leis que penalizan a calidade dual e confiren poder ás autoridades de consumo, dispoñemos das ferramentas necesarias para poñer fin a esta práctica. Os consumidores europeos poderán facer as súas compras con plena confianza en que compran o que ven», sentenciou a comisaria checa.

Principais conclusións
O estudo avaliou 1.380 mostras de 128 produtos alimenticios diferentes procedentes de 19 Estados membros da UE. Con todo, a mostra non é representativa da gran diversidade de produtos alimenticios presentes no mercado único da Unión Europea. As principais conclusións do estudo son as seguintes:
  • Na maioría dos casos, a composición coincidía coa presentación dos produtos: O 23% dos produtos tiña unha parte frontal do envase idéntica e unha composición idéntica, e o 27% dos produtos indicaba a súa composición diferente en distintos países da UE cunha parte frontal tamén diferente.
  • O 9% dos produtos presentados como idénticos en toda a UE tiña unha composición diferente: A parte frontal do seu envase era idéntica, pero a composición era diferente.
  • Outro 22 % dos produtos presentados tiña unha composición diferente: A parte frontal do seu envase era similar, pero a composición era diferente.
  • Non existe un patrón xeográfico coherente en relación co uso dun mesmo envase ou similar para produtos con composicións diferentes. Ademais, a diferenza na composición dos produtos sometidos a ensaio non constitúe necesariamente unha diferenza na calidade dos produtos.
Medidas da Comisión relacionadas con esta cuestión
Desde que o presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, abordou a cuestión da calidade dual dos produtos en 2017 durante o seu Discurso sobre o estado da Unión, a Comisión Europea puxo en marcha diversas iniciativas:
  • Aclarar cando a calidade dual dos produtos é unha práctica enganosa a través da lexislación en virtude do Novo Marco para os Consumidores acordado recentemente.
  • Crear unha metodoloxía común para o ensaio de produtos alimenticios.
  • Publicar unha serie de orientacións para axudar ás autoridades nacionais a aplicar a lexislación da UE en materia de consumo e alimentos.
  • Dedicar máis de 4,5 millóns de euros a resolver este problema.
  • Ensaiar produtos en toda a UE coa mesma metodoloxía para lograr unha mellor comprensión da calidade dual dos produtos.
Próximas etapas
A Comisión Europea puxo en marcha o 24 de xuño unha nova convocatoria de propostas cun orzamento total de 1,26 millóns de euros para reforzar as capacidades das organizacións de consumidores á hora de ensaiar produtos e detectar prácticas potencialmente enganosas. A data límite para presentar estas solicitudes é o 6 de novembro de 2019.

Contexto
De conformidade co Dereito da UE, a comercialización dun produto como idéntico a outro comercializado noutro Estado membro, mentres que o ben presenta unha composición ou unhas características moi diferentes que non poidan xustificarse por razóns lexítimas e obxectivas, podería inducir a erro aos consumidores de maneira inxusta e ilegal.

O estudo, realizado polo Centro Común de Investigación da Comisión, describe a situación atopada nos mercados dos 19 Estados membros participantes durante o período en que se levou a cabo a enquisa (novembro-decembro de 2018). Os produtos seleccionáronse sobre a base das suxerencias dos Estados membros, por mor das denuncias presentadas ás autoridades ou asociacións de protección dos consumidores. Como primeiro paso, a análise baseouse na información das etiquetas dos produtos e na aparencia da parte frontal do envase dos produtos.

Os ensaios fundamentáronse nunha metodoloxía harmonizada elaborada polo Centro Común de Investigación en cooperación cos Estados membros. Esta metodoloxía permite realizar mostraxes, ensaios e interpretación de datos comparables en toda a UE. Convidouse a todos os Estados membros da UE para recoller información sobre a composición dos produtos alimenticios seleccionados vendidos nos seus mercados. Dezanove Estados membros da UE presentaron información sobre 113 produtos de marca e 15 produtos brancos. Os Estados membros participantes na enquisa foron  Alemaña, Bulgaria,  Chequia,  Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Malta, os Países Baixos e Polonia. 

Cabe sinalar que este último informe sobre a calidade dual nos produtos alimenticios do mercado europeo aportará unha mellor base para o debate sobre a calidade dual no conxunto da UE. Con todo, son necesarios novos pasos e investigacións para que a avaliación sexa máis representativa, e para comprender mellor o vínculo entre a composición e a calidade.



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante