Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/11/2020

A Comisión Europea anuncia novas medidas para facer fronte á segunda onda de coronavirus

5186F_1605177858_photo-1584467735867-4297ae2ebcee.jpg
  •   A Comisión Europea adopta novas medidas para reforzar a súa resposta á COVID 19 baseandose nos tests rápidos, nun protocolo único de rastrexo e nun mellor fluxo de información entre os países.

 Bruxelas, 12 de Novembro de 2020. A Comisión Europea saca unha batería de medidas adicionais para loitar contra o coronavirus durante esta segunda onda da pandemia que está atravesando o vello continente. O máis importante, destaca a comunicación da institución, é traballar nunha resposta común para mermar o impacto do virus na sociedade

 Mellora do fluxo de información e unha comunicación eficaz cos cidadáns

Garantir unha información precisa e exhaustiva sobre os datos epidemiolóxicos é esencial para facer un bo seguimento da propagación do virus a nivel rexional e nacional. Por iso se pide ós Estados membros que faciliten todos os datos ó Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades e á Comisión.

 Ademais, os Estados membros deben lanzar novas campañas de comunicación para combater a información falsa e enganosa entre a cidadanía.

 Probas de diagnóstico máis rápidas e eficaces

A presidenta da Comisión Europea anuncia a través desta comunicación que se destinarán cen millóns de euros para adquirir tests rápidos no marco do instrumento de asistencia urxente. Engade ademais que a fiabilidade destas probas aumentou sensiblemente dende o comezo da pandemia. O obxectivo destes tests rápidos é compensar a escaseza de PCR e aliviar a saturación dos laboratorios, que agora mesmo están tardando varios días en comunicar os resultados debido á gran cantidade de probas que se fan. Desde a institución, publlican unha Recomendación sobre as estratexias para as probas de diagnóstico da COVID 19. Nesta guía anímase ós estados a utilizar as probas rápidas de antíxeno e danse directrices para a realización das probas a nivel nacional, rexional e local. 

A Comisión Europea pidelles ós Estados membros que presenten antes de finais de novembro estratexias nacionais para a realiación de probas. Entretanto, a institución traballa para enviarlles os tests rápidos ós Vinte e sete e publica unha serie de condicións. No caso de que os países impoñan ós viaxeiros que chegan a obriga de someterse a unha proba previa e o país de orixe non teña capacidade suficiente para realizarlla, será o país receptor o que deba ofrecer esta posibilidade de someterse á proba despois da chegada do pasaxeiro.

 Aplicacións de rastrexo e campaña de vacinación

A Comisión Europea incide na necesidade de traballar conxuntamente para que a estratexia sexa máis eficaz e evitar a confusión entre a cidadanía. Así, insta a todos os Estados membros a que vencellen as súas aplicacións móbiles de rastrexo do virus á plataforma creada recentemente pola Unión Europea, a European Federation Gateaway Service. Tamén incide en favorecer a comunicación entre os expertos dos  países para xestionar a crise do COVID 19. Por último, a presidenta Ursula Von der Leyen quere que cada país comunique o estado dos seus hospitais, e en concreto do servizo das UCI, para coñecer o nivel de saturación do mesmo e poder así favorecer a colaboración entre os Vinte e sete.

 Agora o obxectivo céntrase en unir esforzos para frear esta vaga do virus e en traballar para deseñar a campaña de vacinación. Neste sentido a Comisión Europea xa publicou unha serie de etapas clave que deberán seguir os Estados membros para asegurar que a campaña sexa eficaz.

 Seguridade nas viaxes

Ínstase ós países a seguir a Recomendación do Consello relativa a un enfoque común da restricción da libre circulación. Actualmente tamén se traballa por unificar os sistemas de corentena na Unión Europea e nos vindeiros días estrearase ademais un formulario dixital único de localización de pasaxeiros.

 Suministros esenciais

A Comisión lanza un novo procedimento de adiquisición conxunta de equipos médicos para a vacinación. Ademais, amplía a suspensión temporal do IVA sobre a importación de equipos sanitarios procedentes de terceiros países.

 Ampliación de corredores verdes

Mediante esta nova comunicación proponse ampliar o enfoque dos corredores verdes para garantir o bo funcionamento do transporte intermodal e seguir así mantendo o suminsitro de bens e apoiando o tecido económico da Unión.

 Contexto

As novas medidas xorden como resposta ó incremento da taxa de infeccións por COVID 19 en toda Europa. Sen entrar a analizar en profundidade as causas do gran impacto desta segunda onda da pandemia, desde a Comisión apuntan a que saímos de maneira rápida da primeira onda e tamén a que as medidas de prevención a seguir foron relaxadas.

Canto ás reunións de Nadal, a Comisión Europea avanza que serán diferentes pero insta ás familias e parellas a rencontrarse. Con este fin hai varias iniciativas en marcha para a harmonizar as normas dos distintos países e evitar o peche de fronteiras.

 Máis información:

Fundación Galicia Europa

Comisión Europea

Comisión Europea
Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante