Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/10/2020

O Goberno de España presenta o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía española

5145F_1602493642_071020-sanchez_plan0.jpg
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou o pasado 7 de outubro o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía española´, que guiará a execución de 72.000 millóns de euros de fondos procedentes do mecanismo de recuperación europea ata 2023.
Un 37% do total vai destinado á transición ecolóxica e preto do 33% á transición dixital

Bruxelas 12 de outubro do 2020.  O Plan de Recuperación, inspirado na Axenda do Cambio, na Axenda 2030 e nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, prevé mobilizar nos próximos tres anos o 50% dos recursos cos que podería contar España grazas ao instrumento  NextGenerationEU. É dicir, este Plan guía a execución de preto de 72.000 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023 e cumpre coas prioridades dos fondos europeos de recuperación: o investimento ”verde” (máis do 37% do total do Plan) e a dixitalización (preto do 33%).
O Plan estrutúrase ao redor das catro transformacións que están no centro da estratexia de política económica: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial. 
O Fondo de Recuperación Europeo consta de dous instrumentos a través dos cales se canalizarán os recursos: o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, con 59.000 millóns en transferencias, e o REACT-EU que permite a España obter financiamento por un importe total de 12.400 millóns.

O Goberno acelera prazos e adianta 27.000 millóns do Plan
Dada a necesidade de responder o máis rápido posible á crise, o Goberno decidiu adiantar nos próximos Orzamentos Xerais do Estado 27.000 millóns de euros deste Plan, n adianto que vai permitir acelerar a súa execución desde o momento no que os Orzamentos Xerais do Estado sexan aprobados. 

Dez políticas tractoras
O Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia estrutúrase ao redor de dez políticas que van incidir directamente nos sectores produtivos con maior capacidade de transformación do tecido económico e social español.
1. Axenda urbana e rural, a loita contra o despoboamento e o desenvolvemento da agricultura. Nesta política concéntrase o 16% dos recursos.
2. Impulso as infraestruturas e os ecosistemas resilientes, que recibirá o 12% dos recursos.
3. A transición enerxética xusta e inclusiva, á que se destinará o 9% dos recursos.
4. Promoción dunha administración para o século XXI que actúe como motor dos cambios tecnolóxicos. A esta política dedicarase o 5% dos recursos.
5. A modernización e dixitalización do ecosistema das empresas, a cal se destinarán o 17% dos fondos.
6. O Pacto pola ciencia e a innovación e o reforzo do Sistema Nacional de Saúde, que contará co 17% dos recursos.
7. A educación e o coñecemento, a formación continua e o desenvolvemento de capacidades. Esta política concentrará o 18% dos recursos.
8. A nova economía dos coidados e políticas de emprego, co 6% dos recursos.
9. O desenvolvemento da cultura e o deporte, co 1,1% dos recursos.
10. E unha modernización do sistema fiscal incrementando a progresividade e redistribución dos recursos para lograr un crecemento inclusivo e sostible.

Colaboración e gobernanza eficaz
Co fin de garantir a correcta execución dos fondos, o Goberno vai reformar e desenvolver estruturas de seguimento e coordinación. Por unha banda vaise constituír unha Comisión  Interministerial presidida polo presidente do Goberno e crearase unha Unidade de Seguimento do Fondo de Recuperación no gabinete de presidencia do Goberno.

Ademais, o executivo tamén vai instrumentalizar unha colaboración específica coas comunidades autónomas e introducirase o Fondo de Recuperación nos debates habituais das próximas conferencias de presidentes autonómicos. Tamén facilitarase unha interlocución continua coas empresas que participan nos proxectos e poranse en marcha mecanismos de rendición de contas periódicos ante a comisión mixta Congreso-Senado da UE.

Doutra banda, para garantir axilidade na absorción dos fondos o Goberno poñerá en marcha unha reforma profunda das normas e leis da Administración xeral de Estado actuando en tres frontes: 
- Deseñando unha gobernanza para os fondos que sexa eficaz, fortalecendo as estruturas administrativas responsables deste reto,
- Acometendo as reformas legais administrativas necesarias para que a xestión dos fondos sexa impecable e sexa executada de maneira transparente e áxil
- E eliminando as trabas administrativas e resolvendo os retrasos na contratación e execución de proxectos para que as trabas burocráticas non freen a recuperación da economía.

Contexto
O plan español de recuperación encádrase na posta en marcha do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) proposto pola Comisión Europea. Este mecanismo constitúe a maior parte do financiamento recadado polo instrumento NextGenerationEU e será empregado para apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros, alí onde as necesidades derivadas do impacto da crise sexan maiores. 

O Mecanismo, ademais, conta cun orzamento de 560 mil millóns de euros, dos cales 310 mil millóns corresponden a subvencións e 250 mil millóns, a préstamos. Este apoio financeiro está destinado a investimentos e reformas que fagan que as economías dos Estados sexan máis resilientes, centrándose nas necesidades de investimento derivadas da transición verde e dixital, e os desafíos económicos e sociais derivados da crise (o emprego, a I+D+i, educación, saúde, a administración pública ou o sector financeiro, entre outros).

Os Estados membros teñen de prazo para presentar os seus borradores de plan de recuperación e resiliencia dende o 15 de outubro ata  o 30 de abril de 2021. O regulamento do MRR está a debate entre o Parlamento e o Consello con vistas a aprobarse antes de finais de ano, momento no que os Estados poderán presentar xa os seus plans definitivos. 


Na presentación do Plan, defínese a estrutura que este está a poñer en marcha para xestionar os fondos do  MRR: 
Constituirase unha Comisión  Interministerial para o Fondo de Recuperación, presidida polo presidente do Goberno. 
Crearase unha Unidade de Seguimento do Fondo de Recuperación na Presidencia do Goberno.
Reactivarase a Conferencia Sectorial de Fondos Europeos, coas comunidades e cidades autónomas, que liderará a ministra de Facenda. 
Reforzarase o diálogo social entre o Goberno e os axentes sociais. Así mesmo, activaranse varios foros ou consellos consultivos de alto nivel nos principais sectores implicados no Plan, con representantes dos axentes sociais, o sector privado e a sociedade civil, como espazos de debate, asesoramento e seguimento dos programas. 
Incorporarase o Fondo de Recuperación aos traballos das Conferencias de Presidentes. Tamén as entidades locais participarán no proceso de  gobernanza.
Así mesmo, xa se está traballando para detectar os pescozos de botella administrativos e  regulatorios existentes e avaliar as necesidades adicionais de recursos para poder executar os fondos da forma máis áxil que sexa posible. 
Ademais, poñeranse en marcha mecanismos de control parlamentario xornais #ante o Parlamento, a través da Comisión Mixta para a UE, sobre execución e resultados do Plan.

En canto á participación das CCAA, dedícase a iso un apartado do documento de preguntas e respostas publicado polo Goberno: 

Poderán as CCAA xestionar os fondos europeos e/ou presentar proxectos ao Plan Nacional de Recuperación e  Resiliencia? Poderán facelo as entidades locais? 

Para que os fondos transformen a economía española, requírese a implicación dun amplo abanico de actores: é vital que todos os niveis da Administración participen na xestión dos fondos. Por iso, impulsarase a  co- gobernanza para a execución dos fondos coas CCAA a través dunha conferencia sectorial específica: serán unha parte fundamental, tanto polo seu coñecemento das necesidades de investimento dos seus territorios, como en virtude das competencias que teñen en ámbitos nos que os fondos se empregarán. 

As CCAA participarán activamente na xestión dos fondos do  MRR por diversas vías. Os Orzamentos Xerais do Estado de cada ano reflectirán nas partidas orzamentarias dos ministerios as dotacións financeiras do MRR nas que se detallarán os programas, convocatorias, programas marco, convenios, etc. dependendo dos diferentes sectores. Nas áreas de competencias das CCAA, estas asinarán convenios cos ministerios implicados para a xestión e execución dos fondos do MRR, que deberán atender aos fitos e obxectivos establecidos no Plan de Recuperación.

As entidades locais terán tamén unha participación activa tanto na proposta como no desenvolvemento dos proxectos. Para iso articularanse mecanismos de colaboración para poñer á súa disposición, no ámbito das súas propias competencias, parte dos fondos europeos.

Fontes: 
A Moncloa
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para España


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante