Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/07/2020

Os líderes europeos dan luz verde ó maior pacto financeiro da historia da UE

5069F_1595431560_Consello_Europeo.png Ver máis...

  • A Decisión sobre Recursos Propios facultará á Comisión para contraer empréstitos nos mercados de capitais no nome da UE por un importe máximo de 750 000 millóns de euros a prezos de 2018. 
  • Os ingresos transferiranse ós programas da UE de conformidade con «Next Generation EU», vinculado ó MFP tradicional. Este proporcionará 360 mil millóns de euros en préstamos e 390 mil millóns en subvencións. 
  • O MFP 2021-2027 contará cun orzamento de 1,0743 billóns de euros. Xunto coas medidas extraordinarias de recuperación de «Next Generation EU», mobilizaranse 1,8243 billóns de euros.  
  • O 30% dos gastos do MFP e de «Next Generation EU» destinaranse a proxectos relacionados co clima. 
  • Proporcionaranse novos recursos para reembolsar os fondos obtidos no marco de «Next Generation EU» 

Bruxelas, 21 de xullo de 2020- A petición dos xefes de Estado e de Goberno, a Comisión Europea presentou a finais de maio un paquete de medidas de gran alcance que a axuntaba o marco financeiro plurianual (MFP) e medidas específicas de recuperación no marco de Next Generation EU. Debido a isto, entre os días 17 e 21 de xullo, os líderes europeos reuníronse con carácter extraordinario para chegar a un acordo político sobre tales medidas. 

O debate estruturouse entorno ós seguintes elementos: 

1- MARCO FINANCEIRO PLURIANUAL (MFP) 2021-2027 

Abarcará sete anos, de 2021 a 2027, e terá unha contía de 1, 0743 billóns de euros. Co reforzo de Next Generation EU, tamén servirá como instrumento principal para a aplicación do paquete de recuperación en resposta ás consecuencias socioeconómicas da pandemia de COVID-19. 

Comprenderá os seguintes ámbitos de gasto (rúbricas), que reflexan as prioridades políticas da UE:  

  • Mercado único, innovación e economía dixital (rúbrica 1) 
  • Cohesión, resiliencia e valores (rúbrica 2) 
  • Recursos naturais e medio ambiente (rúbrica 3)
  • Migración e xestión de fronteiras (rúbrica 4) 
  • Seguridade e defensa (rúbrica 5) 
  • Veciñanza e resto do mundo (rúbrica 6) 
  • Administración pública europea (rúbrica 7) 
 
Ademais, serán 5 000 millóns os dispoñibles para a nova reserva de axuste ó Brexit, que se creará coa finalidade de contrarrestar os danos derivados da saída do Reino Unido nos Estados membros e nos sectores máis gravemente afectados. O Consello Europeo invitou á Comisión Europea a que presente unha proposta ó respecto a máis tardar en novembro de 2020. 

O Consello adoptará o Regulamento sobre o MFP tras obter a aprobación do Parlamento Europeo, tal e como sinala o artigo 312.2 do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE) 


2- NEXT GENERATION EU

Presentará unha capacidade de 750 mil millóns de euros. O financiamento será posible mediante a Decisión sobre o sistema de recursos propios, que permitirá de maneira excepcional que a Comisión Europea tome prestados nos mercados financeiros ata 750 mil millóns de euros en nome da UE para destinalos á recuperación da crise durante o período 2021-2024. 

Posteriormente, mediante subvencións (390 mil millóns de euros) e préstamos (360 mil millóns de euros) e en sintonía coas prioridades da UE, dirixiranse os fondos ás novas necesidades específicas de financiamento derivadas da crise sanitaria. O reembolso deste financiamento terase que producir antes de que finalice 2058. 

Os importes obtidos mediante Next Generation EU asignaranse ós seguintes programas: 

  • Horizonte Europa: 5 000 millóns de euros.
  • RescEU: 1 900 millóns de euros.

Mecanismo de Recuperación e Resiliencia 

  • A maior parte do financiamento recadado por Next Generation EU (máis do 80%) será empregado para apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros, alí onde as necesidades derivadas do impacto da crise sexan maiores. 
  • Contará cun orzamento de 672 500 millóns de euros, dos cales 360 000 millóns euros correspóndense con préstamos e 312 500 millóns euros con subvencións.
  • O 70% das subvencións concedidas polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia comprometerase en 2021 e 2022. O 30% restante comprometerase enteiramente a finais de 2023. Por regra xeral, o volume máximo dos préstamos para cada Estado membro non superará o 6,8% da súa Renda Nacional Bruta (RNB) 
  • A clave de reparto dos compromisos no marco do Mecanismo para os anos 2021-2022 establecerase con arranxo ó criterio de desemprego durante o período 2015-2019. Para o ano 2023, este criterio é substituído pola perda do PIB real rexistrada durante 2020 e pola perda acumulada do PIB real rexistrada durante o período 2020-2021. 
  • Os EEMM terán que elaborar Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia que expoñan o programa de reformas e investimentos do Estado membro para o período 2021-2023. Os plans serán revisados e adaptados segundo proceda en 2021 para ter en conta a asignación definitiva de fondos correspondente a 2023. 
  • A Comisión Europea avaliará estes Plans Nacionais nun prazo de dous meses a partir da súa presentación. A contribución efectiva á transición ecolóxica e dixital será imprescindible para acadar unha avaliación positiva. 
  • O Consello, por maioría cualificada e a proposta da Comisión Europea, aprobará a avaliación dos Plans de Recuperación mediante un acto de execución que o Consello tería que adoptar nun prazo de catro semanas a partir da proposta. 
  • O desembolso das subvencións unicamente será realizado se se cumpriron as metas e os obxectivos establecidos nos Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia. 
  • No suposto de que un ou varios Estados membros consideren que existen desviacións graves do cumprimento das metas e obxectivos, poderase solicitar ó presidente do Consello Europeo que remita a cuestión ó seguinte Consello Europeo. 

3- RECURSOS PROPIOS
 
Para facilitar o reembolso do financiamento obtido mediante Next Generation EU, os xefes de Estado e de Goberno acordaron instaurar novos recursos propios. Nunha primeira etapa, instaurarase un novo recurso propio baseado nos residuos plásticos non reciclados, que se aplicará a partir do 1 de xaneiro de 2021. 

No primeiro semestre de 2021, a Comisión Europea presentará propostas relativas a un mecanismo de axuste en fronteira das emisións de carbono e a un imposto dixital, que servirán de base para recursos propios adicionais, con vistas á súa instauración a máis tardar o 1 de xaneiro de 2023.  

Na mesma liña, a Comisión presentará unha proposta de revisión do réxime de comercio de dereitos de emisión (ETS), que podería facerse extensivo ó transporte aéreo e marítimo. 

Por último, no transcurso do próximo MFP, traballarase para instaurar outros recursos propios, entre os que podería atoparse un imposto sobre as transaccións financeiras. 

Os ingresos xerados polos novos recursos propios empregaranse para o reembolso anticipado dos empréstitos contraídos no marco de Next Generation EU. 



ANTECEDENTES 

O 23 de abril, o Consello Europeo reuníanse por cuarta vez mediante videoconferencia para facer un seguimento da resposta da UE ó brote da COVID-19. Nese momento, os xefes de Estado e de Goberno europeos acordaron traballar en favor do establecemento dun Fondo de Recuperación “temporal, específico e acorde cos custos extraordinarios da crise” e vinculado ó orzamento a longo prazo da UE, que apoiaría a recuperación económica dos Estados membros na súa saída da crise. Sería a Comisión Europea a encargada de “precisar o vínculo co Marco Financeiro Plurianual, que en calquera caso  deberá adaptarse para xestionar a actual crise e as súas consecuencias”  Consecuentemente, a Comisión Europea presentou a súa proposta a finais de maio.  

O 19 de xuño, o Consello Europeo volveu cambiar impresións sobre a proposta da Comisión relativa ó Plan de Recuperación e ó MFP 2021-2027, decidindo reunirse de maneira presencial a mediados de xullo para comezar as negociacións sobre a base de propostas concretas. 


MÁIS INFORMACIÓN 


Decisión do Consello de 26 de maio de 2014 sobre o sistema de recursos propios da UE 




Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante