Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/06/2020

A Comisión Europea presenta a Estratexia da UE en materia de vacinas contra a COVID-19

5026F_1593089093_Estratexia_de_vacinas.jpg
  • A Estratexia pretende acelerar o desenvolvemento, a fabricación e a utilización de vacinas contra a COVID-19. A UE ten o interese de que a vacina estea dispoñible con carácter universal. 
  • A Comisión Europea apoiará os esforzos por acelerar o desenvolvemento e a dispoñibilidade de vacinas seguras e eficaces nun prazo de entre 12 e 18 meses.

Bruxelas, 25 de xuño de 2020- A Estratexia persegue os seguintes obxectivos: 

  • Garantir a calidade, a seguridade e a eficacia das vacinas. 
  • Garantir un acceso rápido ás vacinas para os EEMM e a súa poboación. 
  • Garantir o acceso equitativo a unha vacina alcanzable o antes posible. 

Así mesmo, baséase en dous pilares: 

  • Garantir a produción de vacinas na UE e subministración suficiente para os EEMM grazas a compromisos anticipados de mercado con produtores de vacinas con cargo ó Instrumento para a Prestación de Asistencia Urxente. Ademais destes compromisos, poderán ofrecerse fondos adicionais e outras formas de axuda. 
  • Adaptar o marco normativo da UE á urxencia actual e aproveitar a flexibilidade normativa existente para acelerar o desenvolvemento, a autorización e a dispoñibilidade de vacinas, mantendo ó mesmo tempo os estándares de calidade, seguridade e eficacia da vacina. 

1-APOIO Ó DESENVOLVEMENTO E PRODUCIÓN DE VACINAS NA UE 

A) Compromisos anticipados de mercado 

Coa finalidade de apoiar ás empresas a efectos do desenvolvemento e produción rápidos dunha vacina, a Comisión Europea celebrará acordos individuais con produtores de vacinas en nome dos EEMM. A cambio do dereito a comprar un número determinado de doses de vacinas nun período dado, a Comisión financiará unha parte dos custos iniciais afrontados por tales produtores, en forma de compromisos anticipados de mercado. O financiamento facilitado considerarase un pago a conta das vacinas que os EEMM compren realmente. 

O financiamento correspondente será en gran parte a cargo do Instrumento para a Prestación de Asistencia Urxente, que conta cun orzamento de 2 700 millóns de euros. Prestarase apoio adicional mediante préstamos do Banco Europeo de Investimento (BEI) 

B) Criterios de financiamento 

Ó adoptar a decisión de financiamento sobre que vacinas apoiar, terase en conta unha serie de criterios non exhaustivos, tales como: solidez da formulación científica e tecnoloxías empregadas, rapidez de entrega á escala precisa, custos, reparto de riscos, responsabilidade, cobertura de distintas tecnoloxías, diálogo temperán cos reguladores da UE, solidariedade mundial e capacidade de subministración mediante o fomento da capacidade de produción dentro da UE. 

Sempre existe o risco de que as vacinas candidatas que recibisen apoio fallen durante os ensaios clínicos. Polo tanto, esta Estratexia é similar a unha póliza de seguros, ó transferir parte dos riscos da industria ás autoridades públicas a cambio de garantir que os EEMM teñan un acceso equitativo e alcanzable á vacina, no suposto de que se acade unha. 


2- UN MARCO NORMATIVO FLEXIBLE 

Os procesos reguladores serán flexibles, pero seguirán sendo rigorosos. Xunto cos EEMM e a Axencia Europea do Medicamento (EMA), a Comisión aproveitará na medida do posible a flexibilidade prevista na normativa da UE para acelerar a autorización e a dispoñibilidade de vacinas que funcionen contra a COVID-19. Isto inclúe un procedemento acelerado de autorización, flexibilidade en relación co etiquetado e envasado, e unha proposta para establecer excepcións temporais a determinadas disposicións da lexislación sobre organismos modificados xeneticamente (OMX) para acelerar os ensaios clínicos de vacinas e medicamentos contra a COVID-19 que conteñan OMX. 

Invítase ás empresas cunha vacina prometedora que xa estea en fase de ensaios clínico ou a punto de inicialos a poñerse en contacto coa Comisión Europea na dirección EC-VACCINES@ec.europa.eu 


3- CONTEXTO GLOBAL 

A UE está contribuíndo ó esforzo mundial de realización de probas, tratamento e vacinación universal mobilizando recursos a través de doazóns internacionais e agrupando esforzos cos países e as organizacións sanitarias mundiais. A campaña de doazóns no marco da resposta mundial á crise provocada pola COVID-19 recadou 9 800 millóns de euros ata finais de maio de 2020. Está en curso unha segunda iniciativa en cooperación con Global Citizen e outros socios gobernamentais e non gobernamentais, que culminará nun cumio mundial de doazóns o 27 de xuño. 

A Comisión Europea está comprometida co principio de acceso universal, equitativo e alcanzable ás vacinas, especialmente nos países máis vulnerables, e está disposta a estudar cos socios internacionais se un número significativo de países estaría de acordo en agrupar recursos para reservar conxuntamente futuras vacinas de empresas tanto para eles como para os países de renda media e baixa á vez. Os países de renda alta poderían actuar como un grupo internacional de compradores inclusivo, o que aceleraría o desenvolvemento de vacinas seguras e eficaces e facilitaría o máximo acceso a elas para todos os que a precisen en todo o mundo.  



Máis información 




Fonte: Comisión Europea

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante