Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/07/2021

O novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) en chave galega

5389F_1626786138_imaxepesca.jpg
  • O obxectivo do fondo é acadar unha pesca sostible e conservar os recursos biolóxicos mariños; conseguir mares e océanos sans, seguros e xestionados de maneira sostible; aumentar a seguridade alimentaria grazas ao subministro de alimentos mariños; e avanzar no crecemento dunha economía azul sostible.
  • A Xunta de Galicia destacou a implicación galega na xestión do novo FEMPA e anunciou a creación da Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación que estará orientada a optimizar e aproveitar os novos fondos.
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021. O pasado 6 de xullo aprobouse o novo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, que substitúe ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. O regulamento, froito do acordo político acadado entre o Consello e o Parlamento Europeo, contempla un orzamento total de 6 108 millóns de euros, destinados a protexer, xestionar e empregar de maneira sostible os océanos e os seus recursos, contribuíndo tamén aos obxectivos do Pacto Verde Europeo.

O FEMPA esténdese de 2021 a 2027 e apoiará a Política Pesqueira Común (PPC), a política marítima da UE e a axenda da UE para a gobernanza internacional dos océanos. Complementariamente, tamén axudará no cumprimento dos obxectivos do Pacto Verde Europeo, a folla de ruta das políticas climáticas e medioambientais da Unión Europea.

Este fondo aplicarase de maneira retroactiva desde xaneiro de 2021. Permitirá aos Estados membros apoiar a adopción de medidas que vaian a prol do cumprimento da PPC e traballar para garantir o cumprimento das normas e acadar a igualdade de condicións para todos os operadores marítimos. 

Os obxectivos desta medida económica son: acadar unha pesca sostible e conservar os recursos biolóxicos mariños; conseguir mares e océanos sans, seguros e xestionados de maneira sostible; aumentar a seguridade alimentaria grazas ao subministro de alimentos mariños; e avanzar no crecemento dunha economía azul sostible.

Con esta aprobación, a Unión Europea quere dar un impulso especial aos pescadores máis novos, á pesca de baixura e ás rexións ultra periféricas. Tamén se inclúen de novo axudas para aquelas persoas que cesen a súa actividade; para o despezamento de buques por cese permanente de actividade; ou compensacións por embarcación/pescador no caso de cese temporal durante un prazo máximo de doce meses.

Malia o recorte xeral de case o 5% do financiamento, España é o Estado membro que máis diñeiro recibirá deste programa europeo, con 1 100 millóns de euros entre 2021 e 2027. Do total dos 6 108 millóns, 5 311 destinaranse á xestión pesqueira, acuicultura e apoio da frota e o resto (797 millóns de euros) empregaranse para financiar a investigación científica, a supervisión e control pesqueiro, a vixilancia e seguridade marítima ou a análise de mercados. Ademais:
  • Os fondos destinados para a xestión pesqueira, acuicultura e apoio da frota son de xestión compartida e canalizaranse a través de programas nacionais operativos confinanciados polo orzamento da UE e os países da UE, aplicándoselle o Regulamento de Dotación Común 2021-2027. Neste sentido, o Programa Operativo español do FEMPA está aínda en fase de elaboración e espérase que se formalice nos próximos meses para poñer en marcha os fondos canto antes.
  • O resto de fondos serán xestionados directamente pola Comisión, que se encargará de promover prioridades horizontais.
A PERSPECTIVA GALEGA NO FEMPA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, colaborou nun informe de valoración sobre o FEMPA, onde se destacan os seus elementos positivos e que suporán un avance para o sector marítimo galego, como por exemplo:
  • A inclusión do marisqueo e a pesca de baixura dentro da definición de “pesca costeira artesanal”, a efectos de ter un trato privilexiado para percibir fondos. 
  • Con respecto ao punto anterior, os Estados membros estarán obrigados a ter en conta seus Plans Operativos as necesidades específicas do sector da pesca costeira artesanal e describir os tipos de accións consideradas para o seu desenvolvemento sostible.
  • Acordouse a posibilidade de que o FEMPA apoie a primeira adquisición dunha embarcación se esta é de segunda man e ten polo menos tres anos de antigüidade.
  • Co novo fondo, os membros da tripulación (e non só os propietarios dos buques, como estaba previsto anteriormente) terán dereito a recibir unha compensación polo cese permanente da súa actividade. Ademais, tamén se aceptou que o FEMPA conceda indemnizacións por paralización temporal durante 12 meses e non só durante 6 meses como propoñía a Comisión Europea.
  • O FEMPA tamén concederá unha axuda de almacenamento no caso de “acontecementos excepcionais que xeren unha perturbación significativa dos mercados”.
Moitas destas propostas xa foran obxecto de debate no ditame O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) máis aló de 2020: unha inversión nas comunidades costeiras de Europa, liderado por Galicia e aprobado no 129º Pleno do Comité das Rexións, celebrado en maio de 2018. No documento, a nosa comunidade reivindicou que os obxectivos da futura FEMP se centrasen na actividade marítimo-pesqueira e na acuicultura sostible no mar e en auga doce e traballou por que se reforzara a dimensión territorial das políticas e se apoiara ás comunidades costeiras de Europa na súa posible transición para diversificar as industrias marítimas tradicionais, mediante o apoio a inversións en actividades complementarias e servizos medioambientais, culturais e educativos no sector pesqueiro. Da mesma maneira, destacou a importancia da pesca costeira artesanal e a necesidade de proporcionar incentivos ás novas xeracións, facendo que a profesión pesqueira resulte máis atractiva e fomentando as comunidades costeiras da Unión, aspectos que finalmente foron reflectidos no novo fondo.

O fondo FEMPA, trala súa aprobación no Parlamento Europeo, tamén foi celebrado polos eurodeputados galegos e cualificado como “o máis galego da historia”, en tanto que recolle moitas reivindicacións da cadea mar–industria en Galicia para a o sector da pesca e da acuicultura, destacando a concesión de subvencións directas a PEMES do sector e de instrumentos financeiros para grandes empresas; a contribución nunha pesca, acuicultura e transformación máis sostibles e o apoio á economía azul, comunidades costeiras e promoción da gobernanza internacional dos océanos

Por último, sinalar que en maio de 2021, a Xunta de Galicia destacou a implicación galega na xestión do novo FEMPA e anunciou a creación da Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación que estará orientada a optimizar e aproveitar os novos fondos en beneficio do sector marítimo e pesqueiro galego. A creación deste departamento non está só motivada pola importancia do sector pesqueiro na nosa comunidade, senón tamén porque Galicia é a comunidade autónoma que prevé recibir máis fondos do programa operativo.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante