Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/10/2019

A Comisión Europea propón as posibilidades de pesca no Atlántico e o Mar do Norte para o ano 2020

A pesca sustentable progresou notablemente nos últimos anos na UE. Fonte: © European Communities 2002. Fotógrafo: Jan van de Vel.jpg
  • A cota de pesca aumenta en 32 poboacións de peces e redúcese noutras 40.
Bruxelas, 24 de outubro de 2019. Antes da reunión do Consello de Pesca dos días 16 e 17 de decembro, a Comisión Europea adoptou hoxe a súa proposta de posibilidades de pesca en 2020 para 72 poboacións de peixes no Atlántico e o Mar do Norte: para 32 poboacións, a cota de pesca aumenta ou se mantén; mentres que para outras 40 a cota redúcese. As posibilidades de pesca, ou totais admisibles de capturas (TAC), son cotas fixadas para a maioría dos caladoiros comerciais co fin de manter ou restablecer a saúde das poboacións de peixes, permitindo ao mesmo tempo que a industria pesqueira se beneficie da maior cantidade de capturas posible.

O comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, declarou ao respecto que «a proposta de hoxe consolida os nosos esforzos por unha pesca sustentable en augas do Atlántico e do Mar do Norte. Nos últimos anos experimentamos un aumento constante do número de poboacións sas e, en consecuencia, tamén dos beneficios do noso sector pesqueiro. Isto é o resultado dunha xestión responsable e de esforzos continuos de implementación, principalmente por parte dos nosos pescadores, que son os primeiros en aplicar as nosas medidas de conservación e tamén os que máis se benefician do aumento dos rendementos. Con este compromiso sostido, 2020 será outro ano de progreso para a pesca europea», remarcou o político  maltés.

En consonancia cos obxectivos e o marco xurídico da Política Pesqueira Común (PPC), a Comisión propón posibilidades de pesca de "rendemento máximo sustentable" (RMS) para poboacións cunha avaliación científica completa, e de "niveis cautelares" para outras poboacións. A proposta segue o ditame do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM).

A pesca sustentable progresou considerablemente na UE: en 2019, captúranse 59 poboacións de peixes en niveis de RMS, fronte ás 53 de 2018 e ás 5 de 2009. Isto significa que a presión pesqueira sobre as propias poboacións limítase a un nivel que permita un futuro san para a biomasa das poboacións de peixes, tendo en conta ao mesmo tempo os factores socioeconómicos. A Comisión está a traballar cos Estados membros para axudar aos pescadores para alcanzar o obxectivo de pescar todas as poboacións a niveis sustentables para 2020, tal como establece a Política Pesqueira Común. A medida que aumenta o tamaño dalgunhas poboacións de peixes clave -por exemplo, o eglefino no Mar Céltico e o linguado na Canle de Bristol- tamén aumenta a rendibilidade do sector pesqueiro, cun beneficio bruto estimado de 1.300 millóns de euros en 2019.

A proposta de hoxe vaise someter a debate e decisión dos Estados membros da UE no Consello de Pesca dos días 16 e 17 de decembro en Bruxelas, e aplicarase a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Detalles da proposta
Para 2020, os plans plurianuais para o Mar do Norte e as augas occidentais proporcionan o marco para adaptar as medidas de xestión ás pesqueiras mixtas complexas, así como para evitar variacións extremas dos TAC. Por exemplo, a Comisión propón limitar a diminución dos TAC para a pescada do Norte e do Sur ao -20%, utilizando a parte superior do rango de  RMS segundo o plan plurianual para as augas occidentais. As poboacións teñen unha biomasa sa, polo que unha redución limitada da presión pesqueira bastaría para mantelas en boa forma, segundo os científicos.

O TAC de eglefino no Mar Céltico podería aumentar masivamente segundo o ditame do  CIEM (+100%), pero a Comisión propón un aumento do 30%, utilizando a parte inferior do rango de RMS, co fin de protexer a vulnerable poboación de bacallau capturada como captura accesoria de eglefino.

Nos casos en que non existen plans plurianuais, a Comisión recorreu ás estratexias de xestión dos consellos consultivos, que foron avaliadas polo CIEM como sustentables. Por exemplo, para o xurelo do Sur, a Comisión propuxo seguir a estratexia de xestión do Consello Consultivo de Peláxicos, que recomenda unha redución da cota do 50%.

A Comisión tamén propuxo medidas de salvaguarda para garantir que a cantidade de bacallau e merlán no Mar Céltico se recupe a niveis seguros. Estas medidas consisten nunha maior selectividade, vedas e un control adecuado para evitar os descartes ilegais.

Así mesmo, a Comisión propón manter o sistema de intercambio de cotas para as capturas accesorias. Trátase de cotas establecidas para as poboacións capturadas como capturas accesorias noutras pesqueiras obxectivo sas. Este sistema garante que os Estados membros que non dispoñan de cotas para unha destas poboacións de capturas accesorias poidan seguir pescando outras poboacións obxectivo. Os importes exactos dos TAC de capturas accesorias e as súas medidas de acompañamento publicaranse nunha fase posterior, unha vez que o CIEM emita o seu ditame científico.

Desde o 1 de xaneiro de 2019, a obrigación de desembarque aplícase ás frotas pesqueiras da UE: todas as capturas de especies comerciais reguladas (incluídas as capturas accesorias) deben desembarcarse e deducirse da cota de cada Estado membro. Na proposta de hoxe, a Comisión xa deduciu das capturas aconselladas as cantidades correspondentes ás exencións acordadas á obrigación de desembarque.

A proposta abarca as poboacións xestionadas unicamente pola UE e as xestionadas en cooperación con terceiros países, como Noruega, ou a través das Organizacións Rexionais de Pesca (ORP). As negociacións internacionais sobre moitas das poboacións afectadas están aínda en curso, e outras están á espera de ditames científicos. Para estes, as cifras incluiranse nunha fase posterior.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante