Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/10/2019

Galicia defende a concordancia entre o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e outros regulamentos europeos como o de control

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, falando hoxe no Consello de Ministros de Pesca da UE co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • A conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, asistiu en Luxemburgo ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.
  • Dentro da delegación española, o goberno galego defende a necesidade de seguir traballando para facilitar o acceso das entidades asociativas do sector pesqueiro como as confrarías ás axudas do FEMP.
  • En relación ás consultas anuais de 2020 da UE con Noruega, a Xunta insiste no interese de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau ártico noruegués para a frota galega sen que vaia en detrimento das cotas doutras especies de interese para España.
  • De cara á sesión anual da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat), Galicia avoga polo aumento substancial da cota do bonito do Norte toda vez que se está a comprobar que hai unha abundancia importante deste recurso.
Luxemburgo, 15 de outubro de 2019. A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, a necesidade de seguir traballando ante a Unión Europea para facilitar o acceso das entidades asociativas do sector, como as confrarías de pescadores, ás axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Neste sentido, Galicia defendeu dentro da delegación española que participou no Consello de Ministros de Pesca da UE a necesidade da coordinación deste regulamento do fondo con outras normativas europeas como a de control, xa que é o que marcará os criterios de concesións das axudas.

Así llo transmitiu hoxe no marco do encontro celebrado en Luxemburgo, ao que Galicia asistiu en representación do resto das comunidades autónomas españolas en materia de pesca acompañando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e no que se debateu a proposta de regulamento sobre o FEMP que rexerá entre os anos 2021 e 2027. Outro dos aspectos nos que segue a insistir a comunidade autónoma galega de cara a este novo fondo é a necesidade de mellorar a habitabilidade da frota, para que así haxa unha remuda xeracional, e de habilitar axudas con este obxectivo.

Na sesión de hoxe do Consello de Ministros tamén se intercambiaron pareceres sobre as consultas anuais de 2020 da UE con Noruega que se celebrarán na Comisión de Pesqueiras do Atlántico Nordeste do 18 ao 22 de novembro e que se enmarcan no acordo bilateral de pesca entre a UE e Noruega. Neste eido, Galicia defendeu dentro da delegación española a necesidade de manter os criterios establecidos froito do acordo histórico, e insiste no interese de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau ártico noruegués para a frota galega -tamén coñecido como bacallau de cohesión-, pero sen que isto vaia en detrimento das cotas doutras especies de interese para España.

Tamén se debateu sobre o posicionamento da Unión Europea de cara á sesión anual da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat), que se celebrará entre o 18 e o 25 de novembro en Palma de Mallorca. De cara a este encontro, a Xunta de Galicia trasladou ao Goberno central a importancia de que non se instaure unha cota para a quenlla e que se aumente substancialmente a cota do bonito do Norte, toda vez que se está a comprobar que hai unha abundancia importante e que se necesita máis cota, tendo en conta que a frota galega practica a pesca selectiva desta especie e cada vez máis centrada na frota artesanal.

Ademais Galicia insistiu na defensa por parte da delegación española dunha pesqueira sustentable do marraxo e da necesidade de manter un equilibrio entre os aspectos ambientais e socioeconómicos na súa pesca, así como na importancia de que se estenda a todas as frotas a normativa relativa ao cercenamento de aletas de quenlla ou finning, un regulamento que a frota española cumpre escrupulosamente. Neste sentido, a comunidade autónoma galega defende a harmonización da normativa para outros estados co obxectivo de evitar desvantaxes competitivas á hora de pescar e comercializar.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante