Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/07/2019

A UE retira a tarxeta amarela a Taiwan como consecuencia das súas reformas implementadas para combater a pesca ilegal

4573F_15623A UE, a través da Comisión Europea, retirou a tarxeta amarela en materia de pesca a Taiwan. Fonte: © European Union 2002. Fotógrafo: Jan van de Vel.jpg
  • A medida, adoptada pola Comisión Europea, responde ao traballo conxunto e ao diálogo entre esta institución e as autoridades do país asiático durante o últimos tres anos e medio.
Bruxelas, 5 de xullo de 2019. A Unión Europea recoñece as reformas implementadas por Taiwan durante os últimos tres anos e medio para combater a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (siglas INDNR). A Comisión Europea decidiu hoxe retirarlle a tarxeta amarela ao valorar positivamente os progresos realizados por Taiwan tras a importante mellora do seu sistema xurídico e administrativo para combater a pesca  INDNR. 

O comisario maltés Karmenu Vella, titular das carteiras de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, comentou ao respecto o seguinte: «Acollo con satisfacción os considerables esforzos realizados por Taiwan para reformar o seu marco xurídico de pesca, aplicar novos instrumentos de control e mellorar a trazabilidade dos produtos da pesca mariña. O diálogo da UE con Taiwan mostrou unha vez máis que a cooperación internacional é unha motor clave para unha xestión máis sa dos océanos», sentenciou o dirixente europeo.

A UE está moi comprometida coa loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e coopera con outros países do mundo para tal fin. Tras a emisión da tarxeta amarela en outubro de 2015, a Comisión Europea, en nome da UE, e Taiwan desenvolveron durante tres anos e medio unha cooperación e un diálogo intensos.

Como resultado desa cooperación, as autoridades taiwanesas contan agora cunha ampla gama de ferramentas modernas e eficaces para loitar contra a pesca INDNR. Trátase dun importante paso adiante, dado que a frota de longa distancia de Taiwan é a segunda maior do mundo e desempeña, por tanto, un papel central na cadea de subministración internacional de produtos da pesca. Taiwan tamén reforzou as obrigacións impostas aos operadores taiwaneses que posúen buques pesqueiros con pavillón de terceiros países.

Co fin de seguir avanzando nesta dirección, a Comisión propoñerá a creación dun grupo de traballo dedicado á pesca INDNR. Este foro permitirá a ambas as partes manter unha estreita cooperación en asuntos relacionados coa loita contra a pesca INDNR, mesmo a nivel multilateral, rexional e  subregional.

Ademais, a UE e Taiwan seguirán abordando as condicións laborais no sector pesqueiro no marco das súas consultas en materia de dereitos humanos.

Contexto
O valor global da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada estímase de 10.000 a 20.000 millóns de euros anuais. Ao ano captúranse ilegalmente entre 11 e 26 millóns de toneladas de peixes, cifra que equivale polo menos ao 15% das capturas mundiais. A UE é o maior importador mundial de produtos procedentes da pesca.

A loita contra a pesca IDNDR é parte do compromiso da UE coa garantía dun uso sustentable do mar e os seus recursos no marco da política pesqueira común. Así mesmo, constitúe un importante piar da estratexia da UE para a gobernanza dos océanos, que ten por obxecto mellorar dita gobernanza a escala internacional.

As medidas da Comisión baséanse no Regulamento IDNDR da UE, que entrou en vigor no ano 2010, e que establece que só os produtos procedentes da pesca que fosen certificados como legais poden acceder ao mercado da UE. O Regulamento tamén prevé mecanismos específicos de diálogo cos países que non están en condicións de ofrecer as devanditas garantías ou cumprir as súas obrigacións como Estado de abandeiramento, portuario, costeiro e de mercado conforme ao Dereito Internacional. O principal obxectivo destes diálogos é emendar as deficiencias existentes a través dun apoio adecuado aos terceiros países afectados. A miúdo, destes diálogos xorden novos socios comprometidos na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

Desde novembro de 2012, a Comisión mantén diálogos formais con 25 terceiros países aos que advertiu oficialmente da necesidade de adoptar medidas eficaces para loitar contra a pesca INDNR (identificación previa ou tarxeta amarela). Na maioría dos casos observáronse progresos significativos, polo que a Comisión podería pechar satisfactoriamente a fase de diálogo formal e darlles unha tarxeta verde. Ata a data, tan só uns poucos países deixaron de mostrar o compromiso necesario coas reformas. Como resultado, os produtos procedentes da pesca capturada por buques deses países non poden ser importados á UE (identificación ou tarxeta vermella).

Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante