Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/10/2020

Informe sobre o estado da natureza europea

5165F_1603878514_biodiversidad_2.png
  • A Comisión Europea publicou a súa avaliación máis recente sobre o estado da natureza na UE, na que subliña a necesidade de actuar conforme ao previsto na Estratexia da UE sobre Biodiversidade. 
  • O informe establece que a maior parte dos hábitats protexidos na UE atópanse nun estado deficiente e algúns deles presentan unha tendencia continua de deterioración.  
  • O informe alarma que a continua degradación dos hábitats protexidos conducirá inevitablemente á erosión da biodiversidade europea, co consecuente perigo para a saúde e a prosperidade humana.
En Bruxelas, 26 de outubro de 2020. A Comisión Europea publicou o informe máis completo sobre o estado da natureza na Unión Europea, no que fai un seguimento da situación das especies e os hábitats máis vulnerables de Europa protexidos pola lexislación da UE en materia de protección da natureza.

O informe establece que a degradación das especies e os hábitats protexidos segue avanzando, principalmente por mor da agricultura intensiva, a urbanización, as actividades  silvícolas non sostibles, os cambios nos hábitats de auga doce, a contaminación do aire, da auga e do chan, o cambio climático, a sobreexplotación dos animais mediante actividades de aproveitamento ilegal e a caza e a pesca insostibles. Neste sentido, o informe conclúe que, se non se frea este tipo de actividades prexudiciais para as contornas naturais europeos, a degradación conducirá inevitablemente á erosión da nosa biodiversidade e dos servizos vitais que esta presta, co consecuente perigo para a saúde e a prosperidade humanas.

O informe subliña a clara necesidade de actuar conforme ao previsto na Estratexia da UE sobre Biodiversidade e na Estratexia «da granxa á mesa» para situar á biodiversidade de Europa na senda da recuperación de aquí a 2030. A avaliación, baseada nun informe técnico da Axencia Europea de Medio Ambiente, pon de manifesto que, aínda que moitas especies e hábitats protexidos conseguen resistir a pesar da forte presión á cal están sometidos, a maior parte deles atópanse nun estado deficiente ou malo na UE, e algúns deles presentan unha tendencia continua de deterioración. De feito, só o 15 % dos hábitats da UE atópase en bo estado. 

O informe mostra tamén que as medidas de conservación específicas dan resultados. O lince ibérico, o reno de bosque e a londra, animais que foron obxecto de importantes proxectos de conservación, están a recuperarse. As iniciativas levadas a cabo no marco do programa  LIFE da UE, os réximes agroambientais específicos da política agrícola común e a rede Natura 2000 seguen tendo unha influencia benéfica, pero ese efecto debe ampliarse considerablemente. 

Aconséllase, por exemplo, a restauración das  turberas e outros humidais, que podería non só achegar beneficios á natureza, senón que tamén podería contribuír significativamente á loita contra o cambio climático e a creación de oportunidades de emprego nas zonas rurais e periféricas.

Contexto
Cada seis anos, os Estados membros da UE presentan un informe sobre o estado e as tendencias de conservación das especies e os tipos de hábitats protexidos polas Directivas europeas. O actual ciclo de presentación de informes é o exercicio de recollida de datos sobre o estado da natureza europea máis amplo e completo xamais realizado. O informe ofrece unha análise dos datos sobre o estado e as tendencias de todas as especies de aves silvestres presentes na UE (460 especies), 233 tipos de hábitats e aproximadamente outras 1 400 especies de plantas e animais silvestres de interese europeo.

Estes coñecementos guiarán a acción da UE en materia de biodiversidade nos próximos anos e proporcionarán unha base de referencia esencial para supervisar os avances realizados cara á consecución dos obxectivos da nova Estratexia da UE sobre Biodiversidade de aquí a 2030. 

Máis información




Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante