Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/01/2020

A entrada en vigor en todo o mundo do límite de 0,5% de xofre nos combustibles para buques posibilitará un aire máis limpo no ano 2020

Esta limitación do xofre nos combustibles para transporte náutico mellorará a calidade do aire da atmosfera. European Union 2002. Fotógrafo: Jan van de Vel.jpg
  • A Unión Europea é un exemplo internacional a seguir no seu enfoque de limitación de uso do xofre en combustibles para naves náuticas. 
Bruxelas, 3 de xaneiro de 2020. Desde o pasado 1 de xaneiro de 2020, o contido máximo de xofre dos combustibles para uso marítimo redúcese ao 0,5% (fronte ao 3,5% anterior) a escala global, o que reducirá a contaminación atmosférica e protexerá a saúde e o medio ambiente. As emisións de óxido de xofre (SOx) procedentes dos motores de combustión dos buques causan choiva aceda e xeran un po fino que pode provocar enfermidades respiratorias e cardiovasculares, así como unha redución da esperanza de vida.

A comisaria de Transportes, Adina Vălean, declarou que «o transporte marítimo é unha actividade global, e a redución das emisións require solucións globais. A entrada en vigor do límite global de xofre representa un fito importante para todo o sector marítimo, xa que contribuirá a reducir máis as emisións de contaminantes atmosféricos nocivos, o que beneficiará directamente a cidades e comunidades de todo o planeta, incluídas as grandes cidades situadas nas costas meridionais de Europa. Tamén demostra que o esforzo concertado da UE e a  OMI, xunto co firme compromiso do sector, poden achegar importantes beneficios para o medio ambiente e a saúde dos nosos cidadáns».

Pola súa banda, Virginijus Sinkevičius, comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, anunciou que «o Pacto Verde Europeo permitirá alcanzar a meta de cero emisións e, por tanto, a neutralidade climática e unha contorna libre de toxicidade. A Unión aspira a protexer o benestar dos nosos cidadáns, pero tamén a garantir unhas contornas, mares e océanos sans e limpos no marco dunha economía azul sustentable, sen emisións de carbono, e na que todas as partes, incluído o transporte marítimo, traballen xuntas. Acollemos con satisfacción a redución nos límites de xofre a nivel global e nas zonas de control de emisións para que cada vez haxa máis cidadáns nas costas da Unión que poidan respirar aire limpo», remarcou o político lituano.

A Unión, exemplo internacional a seguir no seu enfoque de limitación do xofre
Desde 2012, a UE actuou con contundencia para reducir o contido de xofre dos combustibles para uso marítimo a través da Directiva sobre o xofre. En 2016, a Organización Marítima Internacional (OMI) mantivo 2020 como data de entrada en vigor do límite global do 0,5% de xofre.

Ademais, nalgúns ecosistemas moi fráxiles, como o mar Báltico e o mar do Norte, designados como «zonas de control de emisións de xofre» (SECA), o contido máximo de xofre xa se reduciu ao 0,10% en 2015. Estes límites de xofre máis estritos reduciron a concentración de dióxido de xofre ao redor das zonas SECA a menos da metade, o que conleva beneficios para a saúde das persoas nas rexións costeiras e nos portos, mentres que o impacto económico total no sector foi mínimo.

Próximos pasos para a sustentabilidade no transporte marítimo
Sobre a base do éxito da aplicación dos límites na zona de control de emisións (ECA), espérase que a introdución do límite global de xofre arroxe resultados similares. A UE tamén está a traballar activamente no contexto do Convenio de Barcelona sobre a posible designación por parte da OMI de zonas de control de emisións noutras augas da UE, por exemplo, o Mediterráneo.

A UE esforzouse por desempeñar un papel activo na loita contra as emisións marítimas en xeral, tanto a nivel comunitario como global. En 2018, a OMI acordou reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes do transporte marítimo en polo menos un 50% para 2050. A UE e os seus Estados membros desempeñaron un papel fundamental na negociación e a finalización do acordo para o sector, que na actualidade representa entre o 2 e o 3% das emisións mundiais de CO2. Xa comezaron as negociacións na OMI para traducir este acordo en medidas concretas.

Para facer fronte á contaminación por plásticos nos océanos, a UE adoptou novas normas sobres as instalacións portuarias receptoras, asegurándose de que os refugallos xerados a bordo dos buques ou recuperados do mar recóllanse e traten nos portos. 

A UE tamén está a traballar coa OMI para responder ás preocupacións sobre os vertidos de augas procedentes dos sistemas de postratamento utilizados polos buques. O obxectivo é garantir a plena sustentabilidade destes sistemas, posiblemente mediante o establecemento de requisitos lexislativos máis estritos e uniformes.

Ademais, o Pacto Verde Europeo presentado pola presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, en decembro de 2019 establece novas medidas para aumentar a sustentabilidade do transporte marítimo, como a ampliación do comercio de dereitos de emisión europeo ao sector marítimo.

Antecedentes
O transporte marítimo ten un impacto directo na calidade do aire en moitas cidades costeiras europeas. Os gases de escape procedentes dos buques son unha importante fonte de contaminación atmosférica, en particular as emisións de óxido de xofre como consecuencia da combustión de  fuelóleo. Os óxidos de xofre son prexudiciais para o sistema respiratorio humano e dificultan a respiración.

Os buques empregan tradicionalmente fuelóleos para a súa propulsión, que poden ter un contido de xofre de ata un 3,5%. A efectos de comparación, o contido de xofre dos combustibles utilizados nos camións ou turismos non debe superar o 0,001%. A Directiva sobre o xofre de 2012, que se revisou en 2016, reduciu as emisións de SOx mediante o establecemento de niveis máximos de contido de xofre nos combustibles para uso marítimo e incorporou novas normas establecidas pola Organización Marítima Internacional no Dereito da Unión, tanto dentro de zonas rexionais protexidas como fóra destas.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante