Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/12/2019

Ángeles Vázquez proclama na COP25 que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións da UE en lograr a neutralidade climática

A conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Ánxeles Vázquez, na clausura da COP25 en Madrid. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg Ver máis...
  • Na xornada de clausura do Cume Mundial do Clima en Madrid, a conselleira de Medio Ambiente presentou a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e subliñou o esforzo realizado para situar á comunidade galega á vangarda de España e de Europa, converténdoa en todo un referente de sustentabilidade.
  • Vázquez lembra que o Goberno galego foi un dos primeiros en afrontar con determinación os principais obxectivos marcados pola UE en materia de quecemento global, xestión de residuos e aproveitamento dos recursos naturais.
  • No evento "Galicia resiliente: comunidade e clima", a Xunta expuxo as súas principais metas e liñas de actuación para afrontar o quecemento global.
Madrid, 13 de decembro de 2019. Galicia camiña con paso firme e apoiándose nas ferramentas máis adecuadas para ser unha das primeiras rexións en alcanzar o ambicioso obxectivo da neutralidade climática para o ano 2050. Así o proclamou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que foi a encargada de conducir o evento "Galicia  resiliente: comunidade e clima" organizado pola Xunta no marco do Cume Mundial do Clima COP25, o encontro internacional máis importante sobre cambio climático que desde o pasado 2 de decembro reúne en Madrid a máis de 50 xefes de Estado e de Goberno.

Durante a xornada de clausura da COP, Vázquez presentou as liñas principais da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE 2050), aprobada pola Xunta o pasado 3 de outubro e que, durante os próximos cinco anos, poñerase en práctica a través dun plan rexional integrado con 170 medidas, que implican a todos os departamentos autonómicos e terán un investimento estimado de máis de 1.250 millóns de euros.

Grazas a esta folla de ruta para afrontar un problema «global» en clave galega, o Goberno autonómico camiñará cara á neutralidade climática -é dicir, compensar as emisións que non poden ser eliminadas, coas absorcións da propia contorna natural- reducindo, por unha banda, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) grazas a unha aposta decidida polas enerxías renovables; e por outro, potenciando a capacidade natural de absorción de carbono de Galicia a través dunha idónea xestión das masas forestais e dos ecosistemas.

«Somos unha das primeiras rexións españolas en aprobar nosa propia guía de actuación en materia de cambio climático. E tamén queremos que Galicia sexa unha das primeiras rexións de Europa en lograr reducir a 0 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro», asegurou a conselleira, quen engadiu que a receita da Xunta para lograr estes obxectivos pasa por dotarse de ferramentas ambiciosas e efectivas, como a propia  EGCCE 2050, para afrontar os tres grandes retos da sociedade actual: o cambio climático, a xestión dos residuos e o aproveitamento sustentable dos recursos.

Así, Vázquez subliñou que Galicia acaba de pechar «o círculo» marcado desde a UE ao dotarse de dúas novas ferramentas clave: a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 e o anteproxecto da Lei de Residuos, documentos que onte mesmo recibiron a aprobación do Consello da Xunta.

Con esta tripla receita, segundo explicou Ángeles Vázquez, a Xunta está a converter a Galicia en parte da solución ao problema do quecemento global, ata conseguir unha transición enerxética sustentable, e á vez nun referente no proceso de cambio do actual modelo de consumo e de uso dos recursos naturais cara a outro máis eficiente e sustentable.

En materia enerxética, a responsable de Medio Ambiente volveu poñer a Galicia como exemplo polo seu «firme compromiso coas enerxías renovables». Un compromiso, incidiu, que se traduce en feitos, como que sexa a segunda rexión española que produce máis enerxía de fontes limpas ou que o 56% da súa xeración eléctrica sexa electricidade renovable. Respecto a a produción de enerxías renovables, a titular de Medio Ambiente revelou que o nivel produtivo galego é «máis alto que o da maioría de países europeos e similar ao doutros de primeiro nivel en canto a patróns ambientais, como Suecia».

Así mesmo, a conselleira recoñeceu que a riqueza natural da comunidade non só é un patrimonio de incalculable valor, senón tamén un gran aliado na loita contra o cambio climático. Pero advertiu que mesmo nesa «Galicia verde e azul» xa se están percibindo cambios, que se manifestan nas temperaturas, na distribución da choiva ao longo do ano ou nos fenómenos meteorolóxicos extremos.

Esta constatación de que na comunidade tamén se están facendo visibles os efectos do quecemento global, precisamente, levou á Xunta de Galicia a asumir a loita contra o cambio climático e a necesidade de afrontar a medio prazo unha transición enerxética progresiva, xusta e sustentable como unha das máximas prioridades de acción do seu goberno.

De feito, Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en poñerse a traballar nesta liña e, como lembrou a conselleira, tamén é unha das poucas -concretamente, a cuarta- que xa ten aprobada a súa propia folla de ruta para facer fronte nas próximas décadas a este fenómeno ambiental. O reto principal da EGCCE é conseguir a resiliencia e avanzar ata alcanzar no ano 2050 o obxectivo da neutralidade climática, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego e do medio rural para lograr estes obxectivos. De feito, Galicia é a cuarta comunidade que máis reduciu as súas emisións  GEI desde 1990.

«Está claro que necesitamos actuar para facer fronte ao cambio climático», advertiu a conselleira, quen aproveitou a súa presenza nun cume internacional de máximo nivel nesta materia para facer un chamamento a que a actuación das autoridades competentes sexa «global, porque todos somos parte dun único planeta».

Participación do Sergas e o  Xera
O evento organizado hoxe pola Xunta no marco da COP25 tamén contou coa intervención do xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema Piñeiro. Baixo o título "A traxectoria do Sergas como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a  resiliencia, unha proposta para repensar," Fernández-Campa falou sobre a transformación que experimentou o sistema de saúde pública de Galicia desde a aprobación da primeira Estratexia Sergas 2014, á que se lle deu continuidade coa Estratexia 2020, e que definiron os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación a seguir para consolidar un modelo sanitario innovador, sustentable e centrado nos cidadáns.

Do mesmo xeito, o xerente do Sergas profundou tamén nos traballos previos e de diagnoses que se están facendo para dotar ao sistema de saúde galego da súa propia Estratexia de Economía Circular, un plan estratéxico na liña do documento marco que aprobou a Xunta onte, pero adaptada ás necesidades específicas que presenta neste sentido o ámbito sanitario.

Para pechar o acto, o director do Xera fixo unha presentación titulada "Contribución da industria forestal á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e as metas fixadas no Acordo de París". Dita exposición centrouse na importancia que ten este sector na transición cara a economía circular, a mitigación do cambio climático e a fixación de poboación no rural, favorecendo a prosperidade ao proporcionar produtos e servizos renovables. O termo «sustentabilidade», como lembrou Lema Piñeiro, acuñouse na industria forestal. 

Por esta razón, a Xunta traballa coa cadea de valor, nun esforzo compartido xa que a industria forestal é a panca de cambio que axudará a resolver as demandas actuais da sociedade mellorando as vivendas; proporcionando mellor alimentación e embalaxes sustentables; revolucionando a industria téxtil con tecidos baseados en madeira; achegando novos produtos sanitarios que democraticen o acceso á hixiene; ou ofrecendo novas solucións enerxéticas e materiais que eviten o consumo de derivados fósiles.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante