Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/12/2019

O Pacto Verde Europeo establece como facer de Europa o primeiro continente climáticamente neutro no ano 2050

A presidenta von der Leyen e o vicepresidente executivo Timmermans expoñendo o Pacto Verde Europeo no pleno do Parlamento Europeo. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafo: Etienne Ansotte.jpg
  • O novo acordo introducido hoxe pola Comisión Europea aposta por impulsar a economía, mellorar a saúde e a calidade de vida dos cidadáns, protexer a natureza e sobre todo, non deixar a ninguén atrás neste reto climático.
Bruxelas, 11 de decembro de 2019. A Comisión presentou hoxe no Parlamento Europeo o Pacto Verde Europeo (EU Green Deal, nas súas siglas en inglés), unha folla de ruta para facer que a economía da UE sexa sustentable transformando os retos en materia de clima e medio ambiente en oportunidades en todas as áreas de actuación e facendo que a transición sexa xusta e integradora para todos.

A presidenta Ursula von der Leyen declarou na Eurocámara ao respecto da publicación do novo pacto ambiental que «o Pacto Verde Europeo é a nosa nova estratexia de crecemento, un crecemento que achega máis do que consome. Mostra como transformar o noso modo de vivir e traballar, de producir e consumir, para que vivamos de forma máis sa e as nosas empresas sexan innovadoras. Todos podemos participar na transición e todos podemos aproveitar as oportunidades que brinda. Se somos os primeiros en dar este paso e se o facemos con présa, contribuiremos a que a nosa economía sexa líder mundial. Imos poñer todo o noso empeño en logralo, polo ben do planeta e da vida que sustenta, polo patrimonio natural de Europa, pola biodiversidade, polos nosos bosques e polos nosos mares. Se demostramos ao resto do mundo como ser sustentable e competitivo, podemos convencer a outros países para que se nos unan», sentenciou von der Leyen.

Pola súa banda, o vicepresidente executivo Frans Timmermans declarou o seguinte sobre o EU Green Deal: «Estamos en situación de emerxencia climática e ambiental. O Pacto Verde Europeo representa unha oportunidade para mellorar a saúde e o benestar dos nosos cidadáns mediante a transformación do noso modelo económico. O noso plan define os medios para reducir as emisións, restablecer a saúde do noso medio ambiente, protexer á nosa fauna silvestre, crear novas oportunidades económicas e mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns. A contribución de todos e cada un de nós é importante, todos os países e sectores veranse afectados por esta transformación. Doutra banda, a nosa responsabilidade consiste en garantir que esta transición sexa só iso, unha transición, e que ninguén quede atrás na execución do Pacto Verde Europeo», finalizou o político holandés.

Que representa este Pacto Verde Europeo?
O Pacto Verde Europeo incorpora unha folla de ruta cunha serie de actuacións para impulsar o uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular e deter o cambio climático, reverter a perda de biodiversidade e reducir a contaminación. Describe os investimentos necesarios e os instrumentos de financiamento dispoñibles, e explica como garantir unha transición xusta e integradora. Ademais, o Pacto Verde Europeo abarca todos os sectores da economía, especialmente os do transporte, a enerxía, a agricultura, os edificios e as industrias; como as compañías de siderurxia, do cemento, das TIC, dos téxtiles e dos produtos químicos.

Para transformar en lexislación a ambición política de ser o primeiro continente  climáticamente neutro en 2050, a Comisión presentará nun prazo de 100 días a primeira "Lei do Clima Europea". Para materializar esa ambición en materia de clima e medio ambiente, a Comisión tamén presentará a Estratexia sobre Biodiversidade para 2030, a nova Estratexia Industrial, o Plan de Acción da Economía Circular, a Estratexia «da granxa á mesa» de alimentación sustentable e propostas para unha Europa sen contaminación. Comezarán de inmediato os traballos para endurecer os obxectivos de emisións de Europa para 2030 e fixarase unha senda realista cara ao obxectivo de 2050.

A consecución dos obxectivos do Pacto Verde Europeo esixirá un investimento significativo. Calcúlase que cumprir os obxectivos actuais en materia de clima e enerxía para 2030 requirirá 260.000 millóns de euros de investimento anual adicional, o que representa aproximadamente o 1,5% do PIB de 2018. Para iso haberá que mobilizar aos sectores público e privado. A Comisión presentará a principios de 2020 o Plan de Investimentos para unha Europa Sustentable co fin de contribuír a alcanzar as necesidades de investimento. Polo menos o 25% do orzamento da UE a longo prazo deberá dedicarse á acción polo clima, e o Banco Europeo de Investimentos, que é o banco climático europeo, ofrecerá apoio adicional. Para que o sector privado contribúa a financiar a transición ecolóxica, a Comisión presentará a Estratexia de Financiamento Ecolóxico en 2020.

A loita contra o cambio climático e a degradación do medio ambiente é un reto común, pero non todas as rexións e os Estados membros parten da mesma situación. O Mecanismo para unha Transición Xusta apoiará ás rexións que dependen en gran medida de actividades cun uso moi intensivo de carbono. Axudará aos cidadáns máis vulnerables na transición, facilitando o acceso a programas de reciclaxe profesional e oportunidades de emprego en novos sectores económicos.

En marzo de 2020, a Comisión poñerá en marcha o "Pacto polo Clima" para dar voz e iniciativa aos cidadáns no deseño de novas accións, a difusión de información, o comezo de iniciativas de base e a presentación de solucións que outros poidan repetir.

Os retos mundiais do cambio climático e a degradación do medio ambiente reclaman unha resposta mundial. A Unión Europea seguirá promovendo os seus obxectivos e estándares ambientais nas conferencias das Nacións Unidas sobre biodiversidade e clima e reforzará a súa diplomacia verde. O G7, o G20, as conferencias internacionais e as relacións bilaterais servirán para convencer aos demais para que redobren os seus esforzos. A UE tamén utilizará a política comercial para garantir a sustentabilidade e establecerá asociacións cos veciños dos Balcáns e de África para axudalos nas súas propias transicións.

Próximas etapas
A Comisión solicita ao Parlamento Europeo e ao Consello Europeo que referenden a ambiciosa visión do executivo europeo para a economía e o medio ambiente futuros de Europa, axudando a facela realidade. A Comisión propoñerá as medidas anunciadas no plan de accións clave previsto no Pacto Verde Europeo.

Contexto
O cambio climático e a degradación do medio ambiente representan unha ameaza existencial para Europa e o mundo. Para superar este reto, Europa necesita unha nova estratexia de crecemento que transforme a Unión nunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050, na que o crecemento económico non dependa do uso de recursos e na que non se desatenda a ningún cidadán ou rexión.

A Unión Europea xa conta cun historial sólido de redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro mantendo o crecemento económico. Entre 1990 e 2018, as emisións baixaron un 23%, mentres que o PIB da Unión creceu un 61% no mesmo período. Así o reflicte o informe da Axencia Europea de Medio Ambiente sobre tendencias e proxeccións en Europa en 2019, en termos de mitigación climática e obxectivos enerxéticos. Con todo, aínda queda moito por facer. Dada a súa vasta experiencia, a UE está á vangarda na creación dunha economía verde e integradora.

A Comunicación sobre o Pacto Verde fixa a liña de actuación nos próximos meses e anos. O labor que desenvolverá a Comisión guiarase polas esixencias públicas de actuación e polos datos científicos de carácter incuestionable, contrastados de maneira exhaustiva polo Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), a Plataforma Intergobernamental Científico-Normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas (IPBES), o Panorama dos Recursos Globais (Global Resources Outlook) e os informes de estado e perspectivas de 2019 da Axencia Europea de Medio Ambiente. As propostas basearanse en datos contrastados e irán avaladas por consultas de amplo calado.

A gran maioría dos europeos considera que a protección do medio ambiente é importante (95%). Case 8 de cada 10 europeos (77%) afirma que a protección do medio ambiente pode impulsar o crecemento económico. Os resultados da enquisa do Eurobarómetro relativa ás actitudes dos cidadáns da UE respecto ao medio ambiente confirman o amplo respaldo público á lexislación ambiental europea e ao financiamento da UE para actividades respectuosas co medio ambiente.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante