Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/10/2019

A Xunta avanza cara a Galicia Verde coa aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050

Con esta Estratexia contra o cambio climático, Galicia adopta unha posición de vangarda cara a neutralidade climática. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • O presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avoga porque a transición ecolóxica «sexa unha transición e non unha improvisación».
  • A folla de ruta aprobada no Consello desenvolverase con Plans Integrados plurianuais, o primeiro dos cales xa está redactado e inclúe 170 medidas cun investimento asociado de máis de 1.250 millóns de euros para o período 2019-2023.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019. O titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu en que «queremos que Galicia sexa aínda máis verde» e para acometer ese desafío o Consello da Xunta aprobou hoxe a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, unha ambiciosa folla de ruta que converte a Comunidade na cuarta rexión española en aprobar unha guía de actuación neste eido.

O presidente da Xunta destacou a importancia de cumprir o obxectivo de forma gradual e xusta. E avogou porque a transición ecolóxica «sexa unha transición e non unha improvisación e que sexa xusta e non inxusta». «Todo o que hoxe propoñemos está medido desde o punto de vista das consecuencias sociais, económicas, laborais e medioambientais», concluíu Feijóo.

E nese camiño para traballar de xeito planificado e serio contra o quecemento global, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 aprobada hoxe terá como eixes imprescindibles tanto o sector primario como o medio natural. Para o seu desenvolvemento e posta en práctica, redactaranse Plans Rexionais Integrados de Enerxía e Clima. O primeiro deles, aprobado en paralelo á Estratexia, identifica un total de 170 medidas cun investimento asociado de máis de 1.250 millóns de euros.

Os numerosos retos a abordar en relación a esta problemática estrutúranse en catro obxectivos: mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro, adaptación aos seus impactos, investigación e innovación, e dimensión social.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta detallou algunhas das medidas concretas para atender eses catro obxectivos: axudas dirixidas ao sector residencial para mellorar a eficiencia enerxética; mellora dos plans de prevención e actuación ante eventos extremos para reducir a vulnerabilidade da poboación ante eles; plans de adaptación ao cambio climático dos terremos marítimo-terrestres de competencia autonómica; desenvolvemento da estratexia térmica dentro da aposta polas renovables ou o fomento do uso de equipamento en réxime asociativo no sector primario. Ademais, a Xunta dará exemplo coa renovación progresiva da frota de vehículos.

Durante a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou a Estratexia Galega de Cambio Climático 2050 como «a resposta en clave galega a unha necesidade global». Nesta liña, subliñou o traballo previo que permitiu redactar un documento completo, transversal e consensuado grazas a un amplo proceso participativo no que estiveron representadas distintas administracións, as tres universidades, entidades económicas e sociais, empresas, organizacións ecoloxistas e centros tecnolóxicos e de investigación, entre outros.

Con esta Estratexia e co primeiro Plan Rexional Integrado que permitirá empezar a poñela en práctica, a conselleira de Medio Ambiente explicou que se persegue un dobre obxectivo: facer de Galicia un “referente” do cambio cara a un modelo económico baixo en emisións, e acadar canto antes a chamada “neutralidade climática” na comunidade.

«Hoxe Galicia dá un paso crucial e decisivo en materia de cambio climático e transición enerxética», resumiu Ángeles Vázquez, quen tamén subliñou a posición de vangarda que asume a comunidade galega ao aprobar a súa propia folla de ruta para cumprir os obxectivos e os ditados da Unión Europea fronte ao quecemento global.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante