Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

26/09/2019

Donald Tusk avoga na Asemblea Xeral da ONU polo multilateralismo e a orde internacional e alerta sobre a emerxencia ambiental

O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, durante a súa intervención na Asemblea Xeral da ONU. Fonte: © European Union 2019.jpg
  • O presidente do Consello Europeo interveu horas máis tarde no Cume das Nacións Unidas sobre a Acción Climática para remarcar o compromiso europeo na loita global contra o cambio climático.
Nova York, 26 de setembro de 2019. Este xoves, o presidente do Consello Europeo, Donald  Tusk, dirixiuse aos líderes mundiais en nome da UE durante a 74ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas (AXNU) que está a ter lugar estes días na cidade de Nova York. Na súa intervención ante o resto de dirixentes mundiais, Tusk quixo remarcar tres puntos clave: a defensa da orde internacional, a alerta sobre a emerxencia ambiental que afrontan as nacións na actualidade, xunto á aposta polo multilateralismo como vía de resolución de conflitos internacionais. 

Ao comezo do seu discurso, o presidente Tusk quixo sinalar que o patriotismo do século  XXI debe ter unha dimensión mundial para non converterse en mero egoísmo nacional, ao declarar ao respecto que «a historia das nosas nacións mostra o fácil que é transformar o amor da patria propia en odio cara aos veciños; o fácil que é transformar o orgullo da propia cultura en desprezo da cultura allea; o fácil que é utilizar os eslóganes da propia soberanía contra a soberanía dos demais», apuntou o presidente do Consello Europeo.

Nesa mesma liña, o líder europeo fixo fronte á Asemblea un chamamento en defensa da orde internacional baseada nas normas: «A nosa vida pode volverse un inferno se non atopamos aquí, nas Nacións Unidas, solucións adecuadas ás ameazas mundiais, tales como os conflitos armados e o terrorismo, a proliferación nuclear ou a destrución do noso medio ambiente», remarcou Tusk.

Neste punto da súa alocución, o presidente Tusk fixo referencia tamén á actual emerxencia ambiental: «Estamos a chegar rapidamente a un punto a partir do cal soamente poderemos limitar o horrible dano ambiental en lugar de contrarrestalo», manifestou con preocupación. Nese sentido, Donald Tusk destacou o papel de líder da UE na aplicación do Acordo de París e a súa aspiración a converterse no primeiro continente neutro en carbono. Só en 2017, a UE e os seus Estados membros gastaron 20.000 millóns de euros en axuda aos países en desenvolvemento para facer fronte ao cambio climático e adaptarse ao mesmo.

Finalmente, o presidente Tusk avogou pola protección da verdade na vida pública, a liberdade, o imperio da lei e a solidariedade internacional: «Para protexer o imperio da lei, hai que aceptar verdadeiramente que a lei está por riba do poder e non nas mans deeste. Se se queren seguir os principios da solidariedade internacional, sempre hai que axudar ao máis débil cando é atacado polo máis forte e desapiadado. Como no caso de Ucraína, por exemplo», sentenciou.

Donald Tusk, na mesma liña que toda a UE, puxo en valor o multilateralismo como única solución eficaz no complexo mundo actual, e reiterou o seu compromiso coas Nacións Unidas. En xuño de 2019, o Consello Europeo subliñou nas súas Conclusións que a necesidade de propiciar solucións multilaterais é agora máis urxente que nunca. A UE seguirá traballando coas Nacións Unidas e prestándolles o seu apoio, dentro do seu empeño por fomentar, desenvolver e reformar a orde internacional baseada en normas. Nestas circunstancias, a Unión Europea continuará estando á vangarda dunhas Nacións Unidas reformadas e máis eficaces.

Durante esta 74ª edición da AXNU, a UE e os seus Estados membros quixeron abordar tres prioridades que se reforzan entre si: a prevención de conflitos, a paz e a seguridade; un programa positivo común, en especial para protexer os dereitos humanos; xunto á participación conxunta en desafíos mundiais como a migración, a dixitalización e a loita antiterrorista.

Cume das Nacións Unidas sobre a Acción Climática
Ese mesmo día, o presidente  Tusk reafirmou no Cume das Nacións Unidas sobre a Acción Climática, a determinación de Europa de liderar a loita contra o cambio climático. Para demostrar o liderado da UE en materia ambiental, Donald Tusk introduciu no seu discurso varias iniciativas europeas a desenvolver como o Pacto Verde Europeo exposto pola presidenta electa da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, xunto a un aumento futuro do financiamento por parte do Banco Europeo de Investimentos (BEI) a fin de obter resultados en materia de acción polo clima e sustentabilidade ambiental. 

Este cume internacional aspiraba a fomentar a acción polo clima e a acelerar a aplicación do Acordo de París. Por iso, con vistas á celebración da cita climática, a Comisión Europea aprobou un plan que reitera o compromiso da UE de liderar a loita contra o cambio climático. A Unión Europea está en vías de lograr o seu obxectivo de reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro para 2030. Ademais, proporciona máis do 40% do financiamento público mundial destinado a combater o cambio climático.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante