Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/10/2018

O compromiso da UE para limpar os mares tamén beneficia ás empresas

4415F_1539944508_Spyros-Spyridon.jpg
Bruxelas, 19 de outubro de 2018. Os políticos locais e rexionais apoian as propostas para actualizar e simplificar os esforzos para aumentar a cantidade de refugallos de buques que chegan aos portos.

As rexións e cidades da Unión Europea mostraron o seu apoio aos plans para reducir a cantidade de plásticos e combustibles vertidos ao mar, subliñando que unhas normas claras, un control da súa aplicación coherente e unhas tarifas moderadas axudarían aos portos e buques a manter limpo o mar. O Comité Europeo das Rexións tamén se pronunciou a favor dos plans da UE por motivos económicos, argumentando que os cambios beneficiarían ao turismo e ao desenvolvemento dunha economía circular.

As recomendacións da asemblea de políticos locais e rexionais da UE contribúen ao debate sobre unha actualización significativa da normativa da UE, que se pretende adaptar aos cambios do Convenio internacional para previr a contaminación polos buques (MARPOL), mellorando o control da súa aplicación e tratando conxuntamente as normas aplicables aos buques e aos portos marítimos. A revisión forma parte dunha iniciativa máis ampla da Comisión Europea para simplificar e alixeirar a lexislación da UE.

O relator do  CDR sobre « Portos limpos, mares limpos – Instalacións portuarias receptoras a efectos da entrega de refugallos de buques»,  Spyros  Spyridon (O/PPE), afirmou: «Uns mares máis limpos tradúcense nun desenvolvemento económico sustentable, especialmente no sector do turismo, que é un alicerce da economía de Grecia, e moi importante tamén para moitos outros países da UE. Os buques deberían estar obrigados a entregar os residuos nos portos marítimos, e necesitamos que todos estes portos poidan xestionalos a un custo razoable. O reto consiste en crear incentivos para que os buques realicen a entrega de refugallos en porto, sen que teñan que soportar unha carga financeira excesiva, procedementos adicionais ou outras disposicións que esixan moito tempo. No seu conxunto, as propostas da Comisión responden a estes obxectivos. As propostas tamén simplifican e aclaran as normas, polo que deberían disipar moitas das ambigüidades para as compañías navieras, as autoridades portuarias e os manipuladores de residuos».

O Sr.  Spyridon, membro da delegación grega do  CDR en representación da rexión de Ática, engadiu: «Cremos que é especialmente urxente abordar o problema dos residuos plásticos, e queremos que os sistemas de limpeza dos gases de escape estean incluídos na Directiva, o que non sucedía antes. Outros desafíos son a flexibilidade, as tarifas e o control da aplicación. Hai moitos aspectos locais e rexionais na xestión portuaria e as tarifas polos refugallos non deberían fixarse de forma centralizada. A Comisión é plenamente consciente da necesidade de flexibilidade, o cal é moi positivo. Pero tamén necesitamos un control rigoroso do cumprimento, para evitar a competencia desleal e que os buques anden á procura selectiva do porto máis favorable. Por tanto, precísase un marco único de sancións, sobre o que se deberá advertir moi claramente ás compañías navieras e aos portos».

Tamén agregou que, aínda que critica que nas propostas non se aborden fórmulas para limitar o volume dos residuos, así como algunhas cuestións técnicas, ao  CDR gustaríalle que a UE propugnase unha extensión do ámbito xeográfico de aplicación da lexislación, de modo que os portos das concas marítimas e rexións adxacentes á UE conten con boas razóns para adherirse voluntariamente ás mesmas obrigacións.

O ditame foi aprobado con algunhas emendas.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante