Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

02/10/2018

A conselleira de Medio Ambiente presenta no Consello Consultivo de Política Medioambiental a postura que defenderán as comunidades ante o Consello de Ministros europeos do mes de outubro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Madrid na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios.jpg
  • No seu primeiro acto público como conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, subliña que a Xunta asume con “responsabilidade e ilusión” a representación autonómica no Consello de Medio Ambiente da UE durante o segundo semestre do ano
  • Galicia defenderá ante a UE que se introduzan obxectivos máis ambiciosos de redución de emisións na proposta de regulamento comunitario sobre vehículos lixeiros e tamén se pronunciará sobre as conclusións preparatorias da Conferencia das Partes de Cambio Climático de decembro
Madrid, 1 de outubro de 2018. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Madrid na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, unha reunión na que trasladou cal será a postura das comunidades autónomas españolas sobre os asuntos do Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea do próximo 9 de outubro.

Este foi o primeiro acto no que participa Vázquez Mejuto tras o seu nomeamento como conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e despois de que o pasado mes de xuño Galicia tomara oficialmente o relevo da man do País Vasco como voceira das comunidades ante o Consello de Ministros europeos do ramo.

Ao remate da reunión, que estivo presidida pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente subliñou que asume esta representación “con responsabilidade e ilusión” e convencida de que o medio ambiente debe estar “por riba de todas as cuestións e políticas públicas, xa que é a base e o soporte da nosa vida”.

Nesta liña, incidiu na importancia do papel que deben asumir todas as administracións e en concreto, a Xunta de Galicia, resaltando a súa “posición activa” a nivel estatal na loita contra o cambio climático e a prol da implantación dun modelo de economía circular.

Con este obxectivo, durante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE previsto para o 9 de outubro, Galicia será a encargada de defender tres cuestións clave para Europa en materia medioambiental. A primeira delas será reclamar, en relación á proposta dun regulamento comunitario sobre normas de emisións de CO2 para vehículos lixeiros (turismos e furgonetas), que se incremente a achega do transporte aos obxectivos comúns de redución de emisións de gases efecto invernadoiro, a aposta por medios alternativos de transporte e o apoio aos incentivos para o uso de vehículos limpos.

O próximo Consello de Ministros europeos tamén servirá para que as comunidades españolas se pronuncien sobre o documento de conclusións que se debaterá na Conferencia das Partes de Cambio Climático (COP 24) que se celebrará en Katowice (Polonia) no mes de decembro. Vázquez Mejuto explicou que a posición común ante esta cita irá na liña de apoiar accións contra o cambio climático, promover campañas de concienciación e avanzar cara a unha contratación pública verde, un aspecto no que, lembrou, Galicia ocupa unha posición destacada e na que xa leva meses traballando.

Por último, Vázquez Mejuto indicou que o próximo Consello de Ministros europeos tamén servirá para que as comunidades reclamen un maior esforzo de toda Europa co fin de que, de aquí a 2020, se poña remedio a factores que inciden de forma determinante na perda da biodiversidade como a degradación do solo, o aumento das especies invasoras, a contaminación mariña e terrestre e o cambio climático.

Galicia ostentará a representación autonómica ante o Consello de Medio Ambiente da UE e participará nos grupos de traballo desta institución en materia medioambiental durante o segundo semestre deste ano, un período no que está previsto que os ministros se reúnan en dúas ocasións: o próximo 9 de outubro e o 20 de decembro.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante