Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/07/2018

O BEI facilita un préstamo de 50 millóns de euros para financiar unha planta de biomasa en Galicia

4365F_1532956415_infographic_tree_climate_es_754x492.jpg
  • Estará situada na localidade de Curtis-Teixeiro, na Coruña, e abastecerase dos residuos forestais recollidos nun radio de 100 quilómetros
  • O proxecto permitirá crear 35 novos postos de traballo directos e outros 100 indirectos
  • Trátase da primeira planta de biomasa financiada polo BEI baixo o marco do Plan Juncker

Curtis, 30 de xuño de 2018. O Banco Europeo de Investimentos (BEI) concedeu un préstamo de 50 millóns de euros a unha filial de Greenalia S.A para financiar a posta en marcha dunha planta de xeración de enerxía eléctrica a partir de biomasa que se está construíndo nas localidades coruñesas de Curtis e Teixeiro, nunha parcela de 103.000 m² de iniciativa pública. Trátase da primeira planta de biomasa financiada polo BEI baixo o marco do Plan de Investimentos para Europa e permitirá xerar 324 GWh ao ano a partir de residuos forestais recollidos nun radio de cen quilómetros ao redor da nova instalación.

O financiamento proporcionado polo BEI, xunto a outro préstamo de 50 millóns de euros facilitado por varias entidades financeiras, implementarase mediante unha estrutura de Financiamento de Proxecto e permitirá construír e operar esta nova instalación que terá unha capacidade de aproximadamente 50 MW.

Para producir esta enerxía, a planta utilizará preto de 500.000 toneladas de biomasa forestal ao ano. Desta forma, o proxecto contribuirá ao mantemento dos bosques da zona e á prevención de incendios, incentivando a recollida de residuos de madeira de pequeno tamaño que son normalmente refugados para uso industrial. A biomasa utilizada pola planta será certificada polos sistemas FSC ou PEFC.  

Unha vez entre en funcionamento, previsto para o ano 2020, a planta de Curtis-Teixeiro permitirá aumentar a xeración de enerxía a partir de fontes renovables e cumprir así cos obxectivos de redución de emisións de dióxido de carbono marcados polo Plan de Acción Nacional de Enerxías Renovables (PANER) 2011-2020.

Ademais do impacto ambiental positivo, este proxecto financiado polo BEI xerará beneficios económicos e sociais, promovendo a creación de emprego e o crecemento económico en zonas rurais. A construción da planta permitiu a contratación de 400 persoas e, unha vez que estea en marcha, creará 35 postos de traballo permanentes e ao redor doutros cen indirectos dentro da cadea de subministración de residuos.

O  BEI facilita este préstamo baixo o marco do Plan de Investimentos para Europa, coñecido como ”Plan Juncker”. O seu apoio permite incrementar a capacidade do Grupo BEI para financiar proxectos de investimento que, en liña cos criterios do ”Plan Juncker”, desenvolver actividades que pola súa estrutura ou natureza teñen un perfil de risco máis elevado. Este proxecto é un dos primeiros que se poñen en marcha baixo a nova regulación do sector aprobada en España no ano 2013. Greenalia conseguiu ser adxudicataria na primeira poxa de novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables, realizada en España a principios de 2016.

O BEI e a acción contra ao cambio climático

O Banco da UE é a institución multilateral que máis financiamento facilita en todo o mundo para loitar contra o cambio climático. A esta prioridade o BEI dedicou o ano pasado máis do 25% da súa actividade total.  

En 2017, o BEI facilitou 870 millóns de euros en España para financiar proxectos destinados ao desenvolvemento de medios de transporte máis limpos e á posta en marcha de novos procesos produtivos menos contaminantes e máis respectuosos co medio ambiente.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante