Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/06/2018

A UE presenta novas normas para reducir o lixo mariño

4308F_1528122925_ue-normas-para-reducir-basura-marina.png
  • Prohibirase a comercialización de produtos de plástico dun só uso para os cales haxa alternativas alcanzables
  • Trátase dunha gran oportunidade para que a industria europea desenvolva o seu papel de líder mundial en novas tecnoloxías e materiais

Bruxelas, 4 de xuño de 2018. A cantidade de residuos de plásticos nos océanos e mares non cesa de aumentar e, por esa razón, a Comisión Europea (CE)  propón novas normas a nivel da Unión Europea para os dez produtos de plástico dun só uso que se atopan con máis frecuencia nas praias e mares de Europa, así como para as artes de pesca perdidas e abandonadas.

Os produtos de plástico de usar e tirar representan o 70 % de todos os residuos mariños. Por iso, a CE propón prohibir a comercialización deste tipo de plásticos para os que existen alternativas alcanzables. No caso dos produtos para os que non haxa alternativas facilmente dispoñibles, o obxectivo será limitar o seu uso impoñendo un obxectivo de redución do consumo a nivel nacional; aplicar requisitos de deseño e etiquetaxe e impoñer obrigacións de xestión e limpeza de residuos aos produtores.

A nivel mundial, os plásticos representan o 85 % do lixo mariño. Con todo, estes plásticos non quedan unicamente no mar. Tamén chegan aos nosos pulmóns e as nosas mesas, xa que os  microplásticos están presentes no aire, a auga e os alimentos, con efectos descoñecidos para a nosa saúde. Por iso resulta imprescindible afrontar o problema que expoñen os plásticos, xa que non estamos unicamente ante un problema ambiental senón un que pode afectar á saúde pública.

Novas medidas para reducir o consumo de plástico

En 2015 a Comisión Europea púxose a traballar para afrontar o problema das bolsas de plástico. Desde entón, o 72 % dos europeos afirma reducir o uso dese tipo de bolsas (segundo  Eurobarómetro). Agora, ponse o foco nos dez produtos de plástico dun só uso e das artes de pesca que, xuntos, representan o 70 % do lixo mariño en Europa.

Así, entre as novas normas para reducir o  consumo de plástico destacan a prohibición de comercializar plásticos dun só uso cando haxa alternativas facilmente dispoñibles e alcanzables. Esta prohibición aplicarase aos  bastoncillos de algodón, os cubertos, os pratos, as  palliñas, os axitadores de bebidas e os paus de globos de plástico, que deberán estar fabricados exclusivamente con materiais máis sustentables.

No caso das artes de pesca, que supoñen o 27 % de todo o lixo que se atopa nas praias, a Comisión proponse completar o actual marco político con sistemas de responsabilidade dos produtores. Os produtores de artes de pesca de plástico terán que sufragar os custos da recollida de residuos polas instalacións portuarias receptoras e os do seu transporte e tratamento. Tamén deberán correr cos gastos das medidas de sensibilización. 

Por outra banda, os Estados membros terán que reducir o uso dos recipientes alimentarios e dos vasos de plástico e estarán obrigados a recoller o 90 % das botellas de bebidas de plástico dun só uso de aquí a 2025 mediante, por exemplo, sistemas de consigna. Así mesmo, deberán aumentar as accións de sensibilización sobre os efectos negativos de tirar plásticos dun só uso e sobre os sistemas de reutilización e as opcións de xestión de residuos.

A Comisión tamén propón novas normas na etiquetaxe. Así, algúns produtos deberán levar unha etiqueta clara e normalizada que informe sobre o modo de eliminación dos residuos, o seu impacto ambiental negativo e a presenza de plásticos neles.

Próximos pasos

Agora, as propostas da Comisión van transmitirse no Parlamento Europeo e no Consello para a súa adopción. A Comisión insta ás demais institucións a que as traten como un asunto prioritario e a que ofrezan aos cidadáns europeos resultados tanxibles antes das eleccións de maio de 2019.

Por outra banda, para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), a Comisión poñerá en marcha unha campaña de sensibilización a nivel da UE para chamar a atención sobre a importancia das decisións dos consumidores e o papel dos cidadáns para combater a contaminación por plásticos e o lixo mariño.

Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante