Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/02/2020

Aberta a convocatoria do Premio da UE para Mulleres Innovadoras 2020

Foto de familia das gañadoras do Premio da UE para Mulleres Innovadoras 2019. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafo: Thomas Padilla.jpg
  • Este galardón recoñece ás mulleres líderes no campo da Innovación de toda a Unión Europea. 
  • O obxectivo do premio é inspirar á próxima xeración para que siga os pasos destas mulleres innovadoras.
  • A data límite para presentar as solicitudes é o próximo 21 de abril de 2020.
Bruxelas, 11 de febreiro de 2020. A Comisión Europea lanzou hoxe a sétima edición do Premio da UE para Mulleres Innovadoras. Este galardón recoñece ás mulleres líderes no campo da Innovación e ten como obxectivo inspirar á próxima xeración para que siga os seus pasos.

O concurso finánciase no marco de Horizonte 2020, o programa de investigación e innovación da UE. Tres "Mulleres Innovadoras" recibirán 100.000 euros cada unha, e outros 50.000 euros serán outorgados a unha "Innovadora en ascenso", unha empresaria excepcional ao comezo da súa carreira profesional.

A comisaria europea de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade,  Mariya Gabriel, inaugurou hoxe o concurso no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, declarando ao respecto que «os prexuízos e estereotipos de xénero de longa duración, así como a falta de modelos de conduta visibles, seguen afastando ás nenas e mulleres das carreiras relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía. Temos que facer moito máis para dar visibilidade ás mulleres europeas que fixeron contribucións clave á ciencia, a investigación, a innovación e máis aló. O Premio da UE para Mulleres Innovadoras recompensa o talento e contribúe a crear unha Europa inclusiva e que empodera ás mulleres», remarcou Gabriel.

O concurso está aberto ás mulleres de toda a UE e dos países asociados ao programa Horizonte 2020 que fundasen ou cofundasen unha empresa existente e activa antes do 1 de xaneiro de 2018. Pódese obter máis información sobre os criterios de elixibilidade das candidaturas e de adxudicación dos premios nesta ligazón.

A data límite para presentar solicitudes é o próximo 21 de abril de 2020. Despois, un xurado de expertos independentes avaliará e seleccionará ás catro gañadoras, que serán anunciadas na segunda metade do ano.

Contexto
Europa necesita máis innovadores para seguir sendo competitiva nos próximos decenios e estimular o crecemento económico. As mulleres están insuficientemente representadas no que respecta á creación de empresas innovadoras. Trátase dun potencial sen explotar para Europa, que necesita optimizar todos os recursos dispoñibles para seguir sendo competitiva e atopar solucións aos desafíos da nosa sociedade cambiante. Por iso, a Comisión Europea creou en 2011 o Premio da UE para Mulleres Innovadoras de cara aumentar a conciencia pública sobre esta cuestión e alentar ás mulleres innovadoras a aproveitar as oportunidades comerciais e empresariais e a converterse en empresarias.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante