Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/10/2019

A Comisión Europea e o BEI anuncian o lanzamento da ”Plataforma Consultiva Europea de Investimento en Drons”

Os drons son un dos principais mercados tecnolóxicos en auxe en todo o mundo polas grandes potencialidades que ofrecen en termos de mobilidade aérea. Fonte: European Union 2019. Fotógrafo: © Leon Kuegeler.jpg
  • Esta iniciativa permitirá potenciar a innovación e as inversións nun mercado tecnolóxico en pleno auxe na actualidade.
Bruxelas, 17 de outubro de 2019. A Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) anunciaron hoxe o lanzamento dunha "Plataforma Consultiva Europea de Investimento en Drons" (European Drone Investment Advisory Platform na súa voz inglesa) para apoiar a innovación e o investimento en drons. Os avións  teledirixidos -ou aeronaves non tripuladas- considéranse, en xeral, como un dos principais protagonistas do futuro da aviación. O obxectivo da iniciativa é mellorar o acceso á axuda da UE neste ámbito e desenvolver unha mellor comprensión do mercado para mellorar o investimento máis aló de 2021.

A comisaria de Transportes, Violeta Bulc, dixo respecto diso que «os drons ofrecen un enorme potencial para moitos sectores económicos. Baseándose na iniciativa da Comisión, a UE estableceu recentemente normas sobre os requisitos para os avións  teledirixidos e as operacións con naves teledirixidas que proporcionan un marco xurídico estable. Agora, xunto co BEI, queremos ir un paso máis aló apoiando investimentos adicionais e garantindo o liderado europeo en tecnoloxía innovadora e aplicacións intelixentes ao servizo das persoas e as empresas», declarou a política eslovena.

Pola súa banda, o vicepresidente do BEI, Vazil Hudák, expresou a súa satisfacción por esta colaboración coa Comisión: «Estamos moi contentos de apoiar á Comisión Europea nesta iniciativa. As novas tecnoloxías limpas, dixitais e automatizadas, como as aeronaves non tripuladas, están a cambiar profundamente o transporte tal como o coñecemos». «A tecnoloxía está a desenvolverse a un ritmo incríblemente rápido. Hoxe en día, os drons poden controlar o tráfico, realizar inspeccións de infraestruturas, xestionar multitudes e ofrecer solucións intelixentes de mobilidade, engadindo así unha nova dimensión á forma en que vivimos e viaxamos na actualidade», sinalou Hudák.

O alcance dos investimentos futuros pode ir desde a infraestrutura dos propios drons, as actividades comerciais realizadas con estes avións teledirixidos, as plataformas  multimodais para a entrega de paquetes, ata as zonas de despegamento e aterraxe dos drons e outros proxectos relacionados coa mobilidade aérea urbana. As opcións de financiamento existentes da UE xa están dispoñibles no marco financeiro actual, especialmente a través do Plan de Investimentos para Europa, Horizonte 2020 e o Mecanismo Conectando Europa. A posta en marcha da plataforma vai seguida dun estudo que será xestionado polo Centro Europeo de Asesoramento sobre Investimentos (EIAH), que avalía o potencial de mercado e as necesidades de investimento en todos os Estados membros da UE. Os resultados poñerán de relevo os posibles mecanismos de apoio futuros que poderían integrarse nos próximos programas do Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE.

Contexto
As novas normas da UE sobre os requisitos técnicos dos drons e as operacións con estes avións teledirixidos constitúen a base dun dos maiores mercados de aeronaves teledirixidas do mundo. Están a levarse a cabo outros traballos lexislativos, incluídos os denominados "escenarios estándar europeos" para as operacións con drons, que facilitarán as operacións comerciais con avións teledirixidos sen necesidade de autorización previa. 

A Comisión Europea tamén está a desenvolver un marco para a prestación de servizos no espazo U, cuxo obxectivo é permitir operacións complexas con naves non tripuladas cun alto grao de automatización. Por último, está a levarse a cabo unha revisión sistemática de todas as normas de aviación da UE para identificar os cambios necesarios para mellorar a aplicabilidade ás operacións con avións non tripulados na categoría "certificados", similar á que existe na aviación tripulada.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante