Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/07/2019

A Xunta pon en valor a participación da USC no Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación para avanzar no descubrimento temperán de fármacos

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, na súa visita hoxe ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Fonte: © Xunta de Galicia.jpg
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou hoxe o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC para coñecer os primeiros resultados da plataforma Innopharma tras a súa participación no Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación.
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para cofinanciar a súa participación nesta grande infraestrutura de investigación a nivel internacional.
  • A iniciativa permítelle á USC incrementar capacidades, captar, atraer e reter talento, así como fortalecer o seu posicionamento e incrementar a súa proxección internacional.
  • A Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa de Vigo, son as primeiras entidades galegas que forman parte destas grandes infraestruturas científicas de investigación europeas.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2019. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou esta mañá o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela para coñecer in situ os primeiros resultados da participación da Plataforma Innopharma da USC no Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC nas súas siglas en inglés) EU-Openscreen, dedicado ao descubrimento temperán de fármacos e, en xeral, ás ciencias da vida.

Os Consorcios Europeos de Infraestruturas de Investigación son estruturas de interese europeo que permiten acercar aos grupos de investigación de toda Europa as instalacións científicas internacionais de alto nivel. Ademais, xogan un papel fundamental na produción de ciencia excelente, pois atraen talento e actúan como catalizadores para o desenvolvemento de novos conceptos, teorías e tecnoloxías transferibles á industria e aos mercados. Así mesmo, constitúen plataformas fundamentais para a formación das futuras xeracións de científicos e tecnólogos.

En concreto, o consorcio ERIC EU-OpenScreen, integrado por oito países europeos, pon a disposición de institucións académicas e científicas, pemes e organizacións industriais, compostos químicos e as tecnoloxías máis avanzadas que permitirán acelerar a aplicación do coñecemento para mellorar a calidade de vida da poboación. Permiten liderar o descubrimento temperá de fármacos en todo o mundo, a través do acceso aberto transnacional ás máis avanzadas tecnoloxías, experiencia e recursos químicos e biolóxicos.

Os primeiros retornos da participación nesta iniciativa chegaron en forma de proxecto europeo, xa que a USC participa no proxecto europeo EU-Openscreen-Drive formado por socios de EU-OpenScreen, e que conta con un orzamento de 5 millóns de euros para o período 2019-2023. Por outra banda, a coordinadora da Plataforma Innopharma da USC, Mabel Loza, é a representante científica por parte de España na Asemblea de Membros de EU-Openscreen.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) aporta o 50% do financiamento do custo de participación da USC neste consorcio europeo ata 2020, mentres que o outro 50% achégao a propia universidade compostelá. Xunto á Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) participa tamén noutro Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC). Neste caso, centrado na bioloxía e na ecoloxía mariña. É a primeira vez que entidades galegas forman parte destas estruturas.

O apoio da Xunta de Galicia á plataforma de farmacoxenómica Innopharma remóntase á súa creación, xa que naceu a través dun proxecto do Fondo Tecnolóxico Europeo, cofinanciado polo Ministerio de Economía, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de achegar a investigación básica en novos mecanismos terapéuticos e a súa aplicación industrial e fomentar a internacionalización e liderado da USC neste ámbito.

Ademais, inscríbese na Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía, que apoia este sector polo seu potencial a nivel internacional e pola súa capacidade para dinamizar outros sectores tradicionais, xerando valor económico e social e, máis concretamente, no apoio ao ecosistema galego de descubrimento temperán de fármacos.

Outros proxectos de I+D+i
Nesta mesma liña sitúanse outras iniciativas como a Incubadora de descubrimento temperán de fármacos, promovida pola Xunta de Galicia, en colaboración coa multinacional Janssen/JNJ e a Fundación Kaertor; BioIncubatech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía nos ámbitos da saúde e das tecnoloxías alimentarias a pemes, liderada pola USC, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, Uninova e GAIN; ou o Hub de Innovación Dixital Datalife, liderado polo clúster Bioga, que aglutina os principais axentes do ámbito biotecnolóxico, saúde e agroalimentario.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante