Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/07/2019

A Xunta de Galicia forma a persoal investigador candidato a obter unha das axudas do prestixioso Consello Europeo de Investigación

A Xunta forma a persoal investigador candidato a unha das axudas do prestixioso Consello Europeo de Investigación. Fonte: © Xunta de Galicia.jpg
  • A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu un taller de preparación de propostas a este tipo de convocatorias no marco do Programa Oportunius.
  • O obxectivo deste encontro é ofrecer formación e asesoramento ás persoas candidatas para que concorran con éxito a estas axudas.
  • A través do Oportunius, téñense formado máis de 120 investigadores e investigadoras, dos cales 7 resultaron beneficiarios dunha axuda e outros 15 foron finalistas.
  • A iniciativa enmárcase no programa Talento 2021, que persegue a xeración, atracción e retención de talento investigador en Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou hoxe no taller de preparación de propostas para concorrer ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) no que participaron 25 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas e dos institutos do CSIC en Galicia. O obxectivo deste encontro foi ofrecer formación e asesoramento experto para a preparación de candidaturas ás diferentes convocatorias de axuda do ERC.

Esta actividade enmárcase no Programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación, que persegue o posicionamento da comunidade galega como un entorno investigador atractivo para o retorno, atracción e xeración de investigadores ERC, contemplando incentivos para o persoal investigador que xa ten unha axuda do ERC e para o que aspira a conseguir unha.

Desde a posta en marcha deste programa, no ano 2014, tense achegado formación a máis de 120 investigadores e investigadoras, sendo 7 os beneficiarios dunha axuda ERC e outros 15 finalistas, é dicir, superaron as primeiras fases de avaliación destas convocatorias. Este último dato «é un bo indicador do alto nivel de excelencia do persoal investigador galego, dado o altísimo nivel de esixencia destas axudas», declarou Patricia Argerey.

A directora de Gain explicou os tres itinerarios que contempla o Programa Oportunius, dirixidos respectivamente a beneficiarios dunha axuda do ERC, finalistas e candidatos. Cada un destes itinerarios inclúe accións de apoio específicas:
  •  O primeiro, para o persoal investigador beneficiario dunha axuda do ERC disposto a desenvolver o seu proxecto en Galicia, ofrece un contrato de persoal investigador distinguido, recursos económicos complementarios ao financiamento ERC e apoio económico de continuidade tras a finalización da vixencia da Grant ERC.
  • O segundo itinerario, para persoal investigador adscrito a un organismo de investigación galego finalista dunha Grant ERC, ofrece soporte económico e asesoramento experto para aumentar as posibilidades de éxito en próximas convocatorias. Actualmente, Galicia conta con 15 persoas nesta situación e tres que pasaron a primeira fase e están pendentes da avaliación da segunda fase, polo que aínda poderían resultar gañadoras.
  • Finalmente, o terceiro itinerario, dirixido a persoal investigador con potencial para presentarse a convocatorias do ERC dos organismos de investigación de Galicia, inclúe soporte para valorar e enfocar unha posible candidatura.
O Programa Oportunius enmárcase dentro do Programa Talento 2021 para xerar, reter e atraer 1.500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i. A través desta iniciativa, a Administración autonómica estima unha mobilización próxima aos 47 millóns de euros, dos que a Xunta aportará 6 millóns. Inclúe outras iniciativas autonómicas que buscan atraer e reter talento en Galicia, como o Programa Principia, que apoia a incorporación de persoal tecnólogo mozo para desenvolver tarefas de I+D+i tanto no sector público como privado; e o Programa Talento Sénior, para impulsar a contratación de persoal de alta cualificación para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos e privados non universitarios.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante