Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/02/2019

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal intensificará a cooperación transfronteiriza cun novo Plan de investimentos e actuacións en I+D+i

Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Galicia-Norte de Portugal.jpg
  • Hoxe reuniuse en Vigo a Asemblea e o Consello Superior dos órganos directivos desta Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)
  • No encontro, tamén se fixo balance dos logros acadados durante 2018 a través de iniciativas como o programa de mobilidade académica ‘Iacobus’, o ‘Job Day’ ou o premio literario ‘Nortear’
Vigo, 18 de febreiro de 2019. A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Galicia-Norte de Portugal intensificará a cooperación transfronteiriza a través, entre outras iniciativas, da redacción dun novo Plan de investimentos conxuntos para o período 2021-2027 e actuacións en materia de I+D+i.

Así se acordou hoxe na reunión da Asemblea e do Consello Superior dos órganos directivos desta AECT. No encontro participaron por parte da Xunta o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos; e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Na xuntanza aprobáronse o orzamento e o Plan de actividades de 2019. Deste último documento destacan especialmente algunhas das accións para desenvolver no presente ano, tales como unha Cimeira entre as autoridades de Galicia e o Norte de Portugal, xunto ao Goberno español e o Goberno portugués, sobre incendios forestais, emerxencias e protección civil; a realización dun Fórum de Demografía da Eurorrexión; así como un encontro de cooperativas.

Cómpre subliñar tamén a realización de varias iniciativas relacionadas coa promoción e desenvolvemento do turismo da Eurorrexión e os Camiños de Santiago, así como as novas convocatorias previstas de Iacobus Estadías e Papers.

Ademais, a Asemblea da Eurorrexión aprobou o inicio dos traballos de redacción dun novo Plan de investimentos conxuntos para o próximo período de programación (2021–2027), dando continuidade ao actual, que supuxo que, por primeira vez, dúas rexións fronteirizas decidisen conxuntamente o destino dos seus fondos durante todo un ciclo orzamentario comunitario. A AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal financia as súas actividades mediante fondos propios dos seus socios (Xunta de Galicia e CCDR- N), así como coa participación en proxectos europeos.

Balance do 2018
No encontro aprobáronse as contas financeiras do pasado ano e fíxose tamén balance das principais actividades levadas a cabo durante o exercicio 2018, tales como a xestión e o seguimento da 5ª convocatoria e a apertura da convocatoria 2018/2019 do Programa Iacobus, incluíndo dúas novas iniciativas e un orzamento total de 235.000€. As novas iniciativas son: a inclusión de 22 centros tecnolóxicos homologados (12 de Galicia e 10 do Norte de Portugal) como institucións participantes no Iacobus-Estadías; e a posta en marcha da primeira convocatoria Iacobus-Artigos Científicos ou Papers. En canto a resultados do Programa Iacobus-Estadías, cun orzamento de 185.000€, foron seleccionados 159 proxectos dos 253 presentados, o que demostra o gran interese e éxito do programa. Mentres que en Iacobus-Papers, cun orzamento de 50.000€, foron seleccionadas 34 das 37 publicacións científicas presentadas.

Tamén se resaltou o desenvolvemento das actividades culturais enmarcadas no programa Nortear, como a entrega do 4º premio literario Nortear á obra “Ver” da nova autora Sara Brandão e o lanzamento da 5ª edición; a estrea da creación artística “Clementina”, baseada na vencedora da 1ª edición deste premio, que tivo lugar en Vila Nova de Gaia; a exposición realizada en Santiago de Compostela; ou as Conversas Nortear, que se desenvolveron na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e no Liceo de Ourense.

Outros eventos importantes do 2018 foron o Cume de Turismo da Eurorrexión, realizada no Porto; o evento eurorrexional do sector da xardinería organizado en Allariz; e o Job Day do sector TIC levado a cabo en Vigo e que contou coa participación de 12 empresas galegas e do norte de Portugal, no que se produciron 58 contratacións.

Seguindo cos eventos de 2018, destacou tamén a visita dunha delegación de representantes de zonas fronteirizas de Latinoamérica (Colombia, Perú, Ecuador e Chile) para coñecer a experiencia e as boas prácticas da política rexional de cooperación transfronteiriza da Eurorrexión.

Por último, destacouse tamén o seminario sobre a prestación de servizos públicos transfronteirizos nos territorios arraianos de Galicia e o Norte de Portugal, con visita posterior ás Eurocidades Tui–Valença e Tomiño–Vila Nova de Cerveira.

Dos proxectos europeos desenvolvidos durante o ano 2018, salientáronse as actuacións realizadas no proxecto 0101 GNP, AECT do programa POCTEP - INTERREG V-A; o proxecto BlueHuman do Programa Espazo Atlántico; así como os proxectos Cross-Border Public Services e Territorial Impact Assessment for Cross-Border Cooperation do Programa de Cooperación ESPON 2020.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante