Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/01/2019

Apoio á ciencia española: o BEI facilita 1.200 millóns de euros baixo o programa InnovFin da UE

o BEI facilita 1.200 millóns de euros baixo o programa InnovFin da UE.jpg
  • O acordo é a maior operación de apoio á I+D+i realizada ata agora polo banco da UE
  • O financiamento do  BEI, apoiado polo programa de investigación e desenvolvemento da UE  Horizon 2020, contribuirá a desenvolver proxectos de investigación en diversas áreas e a reter e atraer talento investigador  
Bruxelas, 25 de xaneiro de 2019. A ciencia española recibiu o préstamo de maior contía facilitado ata agora polo Banco Europeo de Investimentos (BEI) para apoiar a I+D+i.: 1.200 millóns de euros, que se destinarán a financiar as actividades que desenvolven os centros e institucións de investigación públicas en España ata o ano 2020. O préstamo permitirá apoiar investimentos en diferentes áreas científicas e tecnolóxicas, especialmente as máis ligadas á industria española, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento de patentes e de novas liñas de investigación.

O  BEI outorga estes fondos baixo o marco do programa  InnovFin para a Ciencia, unha iniciativa conxunta do Grupo  BEI e a Comisión Europea deseñada, especificamente, para fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación en Europa, e co apoio do programa de investigación e innovación  Horizon 2020 da UE.

Os proxectos financiados pola UE grazas a este préstamo do BEI mobilizarán un investimento total de 2.486 millóns de euros e terán un efecto positivo para a atracción e retención do talento investigador en España.

Os fondos facilitados polo  BEI serán xestionados, entre outros, pola Axencia Estatal de Investigación, creada en 2015 para a xestión e financiamento dos fondos públicos destinados a actividades de I+D+i. Estes recursos permitirán apoiar proxectos de investigación dos Organismos Públicos de Investigación (OPIS) e das Infraestruturas Científicas e Técnicas Singulares (ICTS), presentes en diferentes comunidades autónomas. Centros como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto de Saúde Carlos III, o Instituto Xeolóxico Mineiro, o Instituto Español de Oceanografía ou o Centro de Investigacións Enerxéticas e Ambientais poderanse beneficiar do financiamento en condicións vantaxosas do BEI. Os fondos do Banco da UE distribuiranse en diferentes áreas de coñecemento: Bioloxía, Química e Ciencias da Terra; Enxeñería e Tecnoloxía; Agricultura; Física, Matemáticas e Astronomía; Ciencias Sociais e Humanidades, e Ciencias da Saúde.

Esta é a terceira operación do  BEI co Goberno Español para facilitar fondos para proxectos científicos en España. A primeira, asinada no ano 2013, permitiu proporcionar 625 millóns de euros para I+D+i. O segundo acordo facilitou 515 millóns de euros no ano 2014.

Sobre o programa  InnovFin e o Grupo  BEI

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a institución de financiamento a longo prazo da Unión Europea cuxos accionistas son os seus Estados membros. O  BEI facilita financiamento a longo prazo a proxectos de investimento viables co fin de contribuír ao logro dos obxectivos da política da UE.

Produtos financeiros  InnovFin

A Comisión Europea e o Grupo Banco Europeo de Investimentos (BEI e  FEI), no marco de Horizonte 2020, o programa de investigación e de innovación da UE para o período 2014-2020, lanzaron unha nova xeración de instrumentos financeiros e de servizos de asesoramento en 2014 para axudar ás empresas innovadoras a acceder máis facilmente ao financiamento. A iniciativa «Financiamento da UE para os innovadores– InnovFin» ofrece unha gama de produtos a medida que proporcionará financiamento en apoio da investigación e a innovación (I+i) das pequenas, medianas e grandes empresas e os promotores de infraestruturas de investigación.

A iniciativa «Financiamento da UE para os innovadores– InnovFin» está apoiada por fondos asignados en virtude de Horizonte 2020 e polo Grupo  BEI, e apoia actividades de I+i que son, pola súa propia natureza, máis arriscadas e máis difíciles de avaliar que os investimentos tradicionais, e que por tanto adoitan atopar dificultades para acceder ao financiamento. Todos os instrumentos desta iniciativa veñen motivados pola demanda existente, sen ningunha distribución previa das dotacións entre sectores, países ou rexións. As empresas e outras entidades situadas nos Estados membros da UE e nos países asociados a Horizonte 2020 son elexibles para converterse en beneficiarios finais. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante