Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/06/2018

HORIZON EUROPE, o novo programa marco que sustituirá ao H2020 no periodo 2021-2027

Horizonte Europa .jpg
  • A Comisión propón destinar 100.000 millóns de euros á investigación e a innovación para o próximo orzamento da UE a longo prazo (2021-2027).

Bruxelas, 19 de xuño de 2018. O novo programa, Horizonte Europa, que parte dos logros e éxitos do anterior programa de I+D+i (Horizonte 2020), manterá á UE á vangarda da investigación e a innovación a escala mundial. Horizonte Europa é o programa de investigación e innovación máis ambicioso ata o momento.

Horizonte Europa seguirá potenciando a excelencia científica a través do Consello Europeo de Investigación e as bolsas e os intercambios  Marie  Skł odowska- Curie, pero tamén traerá consigo unha serie de novidades:

  • Un Consello Europeo de Innovación que axude á UE a situarse á vangarda da innovación creadora de mercados: a proposta da Comisión implica a creación dun portal único que permita levar as tecnoloxías punteiras, cun elevado potencial e máis prometedoras desde o laboratorio á aplicación comercial, e que axude tanto ás empresas xa establecidas como ás empresas emerxentes máis innovadoras a desenvolver as súas ideas. O novo Consello Europeo de Innovación contribuirá a atopar e financiar innovacións de alto risco, de rápida evolución e cun forte potencial para crear novos mercados. Proporcionará axudas aos innovadores de forma directa a través de dous instrumentos principais de financiamento, un para as primeiras etapas e outro para o desenvolvemento e a implantación no mercado. O Consello Europeo de Innovación complementará ao Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT).
  • Novas misións de investigación e innovación a escala da UE enfocadas cara aos retos sociais e a competitividade industrial: no marco de Horizonte Europa, a Comisión poñerá en marcha novas misións con metas ambiciosas e ousadas e un marcado valor engadido europeo destinadas a facer fronte aos problemas que afectan á nosa vida cotiá. Poderán ir, por exemplo, desde a loita contra o cancro ata o transporte limpo ou os océanos sen plástico. Estas misións deseñaranse en colaboración cos cidadáns, as partes interesadas, o Parlamento Europeo e os Estados membros.
  • Maximizar o potencial de innovación en toda a UE: redobrarase o apoio aos Estados membros que van á zaga nos seus esforzos para sacar o máximo partido ao seu potencial de investigación e innovación. Ademais, as novas sinerxias cos Fondos Estruturais e de Cohesión farán que resulte máis fácil coordinar e combinar o financiamento e contribuirán a que as rexións se somen á innovación.
  • Maior apertura: o principio de «ciencia aberta», que esixe un acceso aberto ás publicacións e aos datos, será o modus operandi de Horizonte Europa. Isto non só favorecerá a penetración no mercado dos resultados obtidos grazas ao financiamento da UE, senón que tamén os dotará dun maior potencial de innovación.
  • Unha nova xeración de asociacións europeas e máis colaboración con outros programas da UE: Horizonte Europa racionalizará o número de asociacións que a UE programa ou financia xunto con socios como a industria, a sociedade civil e os organismos de financiamento con miras a aumentar a súa eficacia e a súa repercusión de fronte ao cumprimento das prioridades políticas da Unión. Horizonte Europa promoverá vínculos eficaces e funcionais con outros futuros programas da UE, como a política de cohesión, o Fondo Europeo de Defensa, o Programa Europa Dixital ou o Mecanismo «Conectar Europa», así como co proxecto internacional de enerxía de fusión ITER.
O Centro Común de Investigación (JRC), servizo científico e técnico da Comisión, seguirá achegando a súa contribución mediante o asesoramento científico, o apoio técnico e investigacións específicas. 

A dotación orzamentaria proposta de 100.000 millóns de euros para o período 2021-2027 comprende 97.600 millóns no marco de Horizonte Europa (dos que 3.500 millóns se asignarán mediante o fondo  InvestEU) e 2.400 millóns para o Programa de Investigación e Formación de  Euratom.

O programa de  Euratom, que financia a investigación e a formación no ámbito da seguridade nuclear física e tecnolóxica e a protección  radiolóxica, centrarase en maior medida nas aplicacións non relacionadas coa enerxía, como a atención sanitaria e os equipos médicos, e apoiará tamén a mobilidade dos investigadores nucleares no marco das Accións  Marie  Skł odowska- Curie.


Contexto

A proposta de Horizonte Europa apóiase no éxito do programa actual, Horizonte 2020. A avaliación intermedia de Horizonte 2020 puxo de manifesto que o programa vai por bo camiño para contribuír a xerar emprego e crecemento, facer fronte aos principais retos sociais e mellorar a vida das persoas. O programa presenta un claro valor engadido europeo e produce beneficios demostrables en comparación coas axudas a nivel nacional ou rexional. En maio de 2018, Horizonte 2020 xa proporcionara axudas a máis de 18.000 proxectos e concedido máis de 31.000 millóns  de euros.

Máis información. 

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante