Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/12/2019

A Comisión Europea reforza os instrumentos para garantir os intereses de Europa no comercio internacional

O comisario irlandés Phil Hogan explicando os detalles da nova proposta da Comisión. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafo: Claudio Centonze.jpg
  • A Comisión quere centrarse no cumprimento e a aplicación dos acordos comerciais da UE e para iso tamén creou o posto de Xefe de Aplicación da Lexislación Comercial, o cal se cubrirá a principios de 2020.
Bruxelas, 12 de decembro de 2019. A Comisión Europea presentou hoxe unha proposta que permitirá á Unión Europea protexer os seus intereses comerciais a pesar da parálise do sistema multilateral de solución de diferenzas da Organización Mundial do Comercio (OMC). A fin de facer maior fincapé no cumprimento e a vixilancia da aplicación dos acordos comerciais da UE, a Comisión creou na xornada de hoxe o cargo de alto responsable da aplicación da política comercial.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou respecto diso de que «unha Europa máis forte no mundo implica un liderado eficaz da UE no comercio mundial e unhas facultades adecuadas para garantir o respecto das normas do comercio internacional. Por este motivo, inicio o meu mandato adoptando medidas rápidas para reforzar os nosos instrumentos comerciais. A proposta de hoxe permitiranos defender os nosos intereses nestes tempos especialmente difíciles para o comercio internacional. Dado que están en xogo moitos postos de traballo en Europa, a UE debe equiparse para garantir que os nosos socios respecten os compromisos que contraeron e esa é a finalidade desta proposta», sinalou a presidenta  von  der  Leyen.

Pola súa banda, o comisario de Comercio, Phil Hogan, afirmou que o actual «é un momento crucial para o multilateralismo e para o sistema de comercio mundial. Ao quedar o Órgano de Apelación fóra de xogo, perdemos un sistema de solución de diferenzas aplicable que foi un garante independente da posta en práctica imparcial das normas da OMC. A pesar de que tentamos reformar a OMC e restablecer un sistema que funcione correctamente dentro desa organización, non podemos permitirnos permanecer indefensos se non existe ningunha posibilidade de obter unha solución satisfactoria no seo da OMC. As modificacións que propoñemos permitirannos defender ás nosas empresas e aos nosos traballadores e consumidores sempre que os nosos socios incumpran as normas», remarcou o político irlandés.

A proposta de hoxe de modificar o Regulamento de aplicación existente constitúe unha reacción directa ao bloqueo de onte das operacións do Órgano de Apelación da OMC. O Regulamento vixente —que constitúe unha base en virtude do Dereito da UE para a adopción de  contramedidas comerciais— esixe que as diferenzas se sometan a todos os procedementos da OMC, incluída a fase de apelación, antes de que a Unión poida reaccionar. A ausencia dun Órgano de Apelación da OMC funcional permite que os membros da OMC eludan as súas obrigacións e eviten unha resolución vinculante simplemente apelando contra un informe dun grupo especial.

Detalles da nova proposta da Comisión
A proposta da Comisión permitirá á UE reaccionar mesmo se a OMC non emite unha resolución final no nivel de apelación porque o outro membro da OMC bloquee o procedemento de resolución de diferenzas ao apelar á nada.

Este novo mecanismo aplicarase tamén ás disposicións en materia de solución de diferenzas incluídas en acordos comerciais bilaterais ou rexionais subscritos pola UE. A UE ha de ser capaz de dar unha resposta firme no caso de que os socios comerciais obstaculicen a resolución efectiva de diferenzas, por exemplo, mediante o bloqueo da composición dos grupos especiais.

En consonancia coas orientacións políticas da presidenta von der Leyen, a Comisión está a reforzar os instrumentos da Unión para centrarse no cumprimento e a aplicación dos acordos comerciais da UE e creou o posto de Xefe de Aplicación da Lexislación Comercial que se cubrirá a principios de 2020.

O respecto dos compromisos contraídos con outros socios comerciais é unha prioridade clave da Comisión von der Leyen. Por conseguinte, a UE está a facer un maior fincapé en garantir o cumprimento dos compromisos contraídos polos seus socios nos acordos comerciais multilaterais, rexionais e bilaterais. Para iso, a Unión apoiarase nun conxunto de instrumentos. A proposta presentada hoxe someterase agora á validación do Parlamento Europeo e dos Estados membros da UE no Consello mediante o proceso lexislativo ordinario.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante