Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/09/2019

A Unión Europea é líder no comercio agroalimentario mundial

A UE é o maior exportador mundial de produtos agroalimentarios, con EE.UU., China, Suíza, Xapón e Rusia como principais destinos. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafo: Sakis Mitrolidis.jpg
  • Segundo un informe recente da Comisión Europea, a balanza comercial da UE para este sector alcanza un saldo neto positivo de 22.000 millóns de euros.
Bruxelas, 6 de setembro de 2019. Nun informe publicado onte pola Comisión, a Unión Europea confirma un ano máis a súa posición como maior exportador mundial de produtos agroalimentarios, cunhas exportacións da UE que alcanzaron os 138.000 millóns de euros en 2018.

Os produtos agrícolas representan unha sólida porcentaxe do 7% do valor do total das mercadorías exportadas pola UE en 2018, situándose en cuarta posición despois da maquinaria, outros produtos manufacturados e os produtos químicos. A agricultura e as industrias e servizos relacionados coa alimentación proporcionan en conxunto case 44 millóns de postos de traballo en toda a UE. A cadea de produción e transformación de alimentos representa o 7,5% do emprego e o 3,7% do valor engadido total na Unión.

Phil Hogan, comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, declarou o seguinte respecto diso: «A Política Agrícola Común, cada vez máis orientada ao mercado, contribuíu de forma decisiva ao éxito da UE no comercio agrícola. A reputación da UE de contar con produtos seguros, de produción sustentable, nutritivos e de calidade é unha fórmula gañadora no mercado mundial. A Comisión está aquí para axudar aos produtores para aproveitar plenamente as oportunidades que se lles ofrecen en todo o mundo, á vez que se asegura de que os nosos sectores máis sensibles dispoñan de suficientes garantías», sentenciou o político irlandés.

Os cinco principais destinos dos produtos agroalimentarios da UE seguen sendo os Estados Unidos, China, Suíza, Xapón e Rusia, que representan o 40% das exportacións da UE. Ademais de negociar acordos comerciais que ofrecen novas oportunidades aos agricultores da UE, a Comisión Europea axuda aos exportadores da UE para entrar en novos mercados e a beneficiarse das posibilidades empresariais a través de actividades de promoción, incluídas misións de alto nivel dirixidas polo comisario Hogan. En 2018 e 2019, o comisario irlandés, acompañado de produtores europeos, viaxou a China, Xapón e os Emiratos Árabes Unidos.

Os viños e o vermut seguen dominando a cesta de produtos exportados, mentres que as bebidas espirituosas e os licores ocupan o segundo lugar. Logo veñen os alimentos infantís e diversas preparacións alimenticias, chocolate, pasta e pastelería.

En canto ás importacións, o informe conclúe que a UE se converteu no segundo maior importador de produtos agroalimentarios, con 116.000 millóns de euros en importacións. Con iso, a balanza comercial da UE para este sector alcanza un saldo neto positivo de 22.000 millóns de euros.

A UE obtén principalmente tres tipos de produtos: produtos que non se producen na UE, ou se producen en escasa medida, como as froitas tropicais, o café e as froitas frescas ou secas (que representan o 23,4% das importacións en 2018); produtos destinados á alimentación animal (incluídas as tortas de aceite e soia, que en conxunto representan o 10,8% das importacións); e produtos utilizados como ingredientes na transformación posterior (como o aceite de palma).

As importacións procedentes de EE.UU. foron as de maior crecemento en 2018, cun aumento do 10%, o que converte a este país no principal provedor de produtos agroalimentarios da UE.

O informe completo tamén inclúe unha visión xeral dos resultados comerciais dos principais socios da UE (Estados Unidos, China, Brasil, Xapón e Rusia) e dos seus fluxos comerciais cos países da Unión, así como un capítulo sobre comercio e cooperación cos países menos desenvoltos (PMA).


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante