Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/02/2020

A Comisión Europea e o Fondo Europeo de Investimentos poñen en marcha o Fondo BlueInvest, cuxo importe ascende a 75 millóns de euros

O novo Fondo BlueInvest apoiará a empresas emerxentes, empresas en fase inicial e pemes activas da UE adicadas á economía azul. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafa: Patricia de Melo.jpg
  • Este novo fondo público canalizará novos investimentos a fin de garantir o crecemento económico de empresas emerxentes, empresas en fase inicial e pemes activas da UE dedicadas ao sector da economía azul.
Bruxelas, 4 de febreiro de 2020. A Comisión Europea asociouse co Fondo Europeo de Investimentos, que forma parte do Grupo do Banco Europeo de Investimentos (BEI), para poñer hoxe en marcha o Fondo BlueInvest. Durante a conferencia da xornada  BlueInvest celebrada en Bruxelas, a vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, e o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, puxeron en marcha un fondo de investimento cuns recursos propios de 75 millóns de euros dedicado á economía azul.

O Fondo BlueInvest será xestionado polo Fondo Europeo de Investimentos e proporcionará financiamento a outros fondos subxacentes con recursos propios que se destinen e dean apoio de forma estratéxica a unha economía azul innovadora. Este sector pode contribuír considerablemente á transformación nunha economía neutra en emisións de carbono de aquí a 2050, un obxectivo que foi anunciado no Pacto Verde Europeo. O novo programa está apoiado polo Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos, o piar financeiro do Plan de Investimentos para Europa.

A economía azul consta das actividades económicas relacionadas cos océanos, os mares e as costas. Abarca desde empresas do medio mariño ata empresas terrestres que producen bens ou servizos que contribúen á economía marítima. A economía azul engloba numerosas empresas prometedoras que se atopan nunha fase inicial e que a miúdo emanan de programas de I+D financiados pola UE. Estas empresas desenvolven solucións, entre outras moitas cousas, para a enerxía renovable, os produtos da pesca sostibles, a biotecnoloxía azul ou os sistemas informáticos marítimos.

O novo fondo do programa compleméntase coa plataforma BlueInvest da Comisión Europea, que axuda a que melloren a dispoñibilidade dos investimentos e o acceso ao financiamento para as empresas en fase inicial, as pemes e as empresas en expansión. A través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a Comisión financia ademais un sistema de subvencións por un importe adicional de 40 millóns de euros, destinado a axudar ás pemes da economía azul a desenvolver e comercializar novos produtos, tecnoloxías e servizos que sexan innovadores e sostibles.

O actual comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, declarou o seguinte sobre a creación deste novo fondo: «Os océanos son o primeiro que se ve afectado polo cambio climático, pero tamén contan con múltiples solucións para facer fronte á emerxencia climática dentro de cada industria mariña, desde a pesca e a acuicultura ata a enerxía eólica mariña, a enerxía undimotriz e mareomotriz, a biotecnoloxía azul e moitos outros ámbitos relacionados coa innovación. Un fondo de investimento cuns recursos propios de 75 millóns de euros é unha ferramenta que liberará o potencial da economía azul, tanto para contribuír ao Pacto Verde Europeo, como para garantir o crecemento económico de pemes europeas que desenvolven produtos e servizos innovadores e sostibles».

A vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, responsable da Economía Azul, declarou o seguinte: «Os océanos son esenciais para a vida na Terra, pero atópanse ameazados e necesitan protección. Por iso estamos a desenvolver solucións financeiras innovadoras en apoio da economía azul, solucións que nos permitan proporcionar financiamento para protexer os océanos e converter os mares nun recurso económico sostible. O Fondo  BlueInvest que poñemos hoxe en marcha contribuirá notablemente a que se mobilicen investimentos privados neste sector e a que despeguen algúns proxectos críticos. Constitúe outra importante asociación entre o FEI e a Comisión Europea».

Alain Godard, xefe executivo do FEI, declarou o seguinte: «Os océanos ofrecen un enorme potencial de crecemento económico, pero ese crecemento debe ser sostible. Os investimentos no sector da economía azul que asinamos hoxe mostran como poden destinarse fondos públicos da UE para atraer o investimento privado e  catalizar o desenvolvemento deste sector. Estou moi contento de que xa podamos poñer en marcha o Fondo BlueInvest, que, combinado con capital privado adicional, axudará a impulsar a axenda europea para a economía azul».

Contexto
BlueInvest é unha iniciativa da Comisión Europea cuxo obxectivo é mellorar o acceso ao financiamento e aumentar a dispoñibilidade dos investimentos para as empresas emerxentes, as empresas en fase inicial e as pemes activas na economía azul. Caracterízase, entre outras cousas, por contar cunha comunidade en liña, por axudar ás empresas para que poidan dispoñer de investimentos, polo seu compromiso cos investidores, pola organización de actos e por contar así mesmo cunha academia e unha carteira de proxectos. 

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a entidade de crédito a longo prazo da Unión Europea, e é propiedade dos seus Estados membros. Facilita financiamento a longo prazo para investimentos sólidos co fin de contribuír a conseguir os obxectivos políticos da UE.

O Fondo Europeo de Investimentos (FEI) forma parte do Grupo do Banco Europeo de Investimentos. A súa misión principal é prestar apoio ás microempresas e as pequenas e medianas empresas europeas, axudándoas a acceder a financiamento. O FEI deseña e desenvolve tanto fondos de capital risco e de crecemento como garantías e instrumentos de microfinanciación que se dirixen especificamente a este segmento do mercado. Nesta función, o FEI promove os obxectivos da UE en apoio da innovación, a investigación e o desenvolvemento, o emprendemento, o crecemento e o emprego.

O Plan de Investimentos para Europa céntrase en impulsar o investimento para xerar postos de traballo e crecemento facendo un uso máis intelixente dos recursos financeiros, eliminando os obstáculos ao investimento e proporcionando visibilidade e asistencia técnica aos proxectos de investimento.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante