Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/03/2019

Aberto o prazo da II edición da Capital Europea de Turismo Intelixente

Capital Europea de Turismo Intelixente.jpg
  • O prazo límite para que todas as cidades de máis de 100.000 habitantes presenten as súas candidaturas é o 10 de maio 

Bruxelas, 13 marzo de 2019. A II edición do premio Capital Europea de Turismo Intelixente, iniciativa impulsada pola Comisión Europea, para recoñecer ás dúas cidades que mostren as solucións máis intelixentes, innovadoras e inclusivas en accesibilidade, sustentabilidade, dixitalización e patrimonio cultural e creatividade, está aberta ata o 10 de maio.

O obxectivo desta iniciativa da Unión Europea é fomentar a innovación dos destinos turísticos, apoiar o turismo culturalmente diverso e inclusivo e resaltar a contribución  multifacética do turismo ao desenvolvemento sustentable.

O sector turístico é a terceira actividade socioeconómica en importancia na UE e desempeña unha función fundamental pola súa contribución ao crecemento e ao emprego.

As dúas cidades que mostren as solucións máis intelixentes, innovadoras e inclusivas recibirán o título de «Capital europea do turismo intelixente 2020». Ademais, catro cidades europeas recibirán os galardóns europeos ao turismo intelixente polos seus logros destacados en cada unha das categorías anteriormente referidas.

Que fai que unha cidade sexa capital do turismo intelixente?

Esta iniciativa define como cidade de turismo intelixente a unha cidade que: implemente solucións innovadoras, intelixentes e inclusivas no ámbito turístico; utilice os seus recursos territoriais, sociais e humanos para o desenvolvemento do seu sector turístico, dé prosperidade á cidade e mellore a calidade de vida dos seus habitantes.

Ademais é necesario que ofreza experiencias turísticas enriquecidas e personalizadas, revalorizando os recursos locais, á vez que respecte e involucre ás comunidades locais; facilite o acceso aos servizos e produtos turísticos a través das novas tecnoloxías, a  interconectividade e a interoperabilidade dos servizos.

Con esta actuación preténdese dar visibilidade ás prácticas no ámbito do turismo intelixente aproveitando este potencial sen explotar. A Unión Europea quere fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras e inclusivas dentro do turismo sustentable e accesible, promover dixitalmente o turismo intelixente e reforzar o patrimonio cultural e as industrias creativas como recursos turísticos.

Esta iniciativa contribuirá a elevar o perfil de Europa como destino turístico e a establecer unha plataforma para o intercambio de boas prácticas no sector turístico entre as cidades europeas.

Primeira edición Capital Europea Turismo Intelixente

A iniciativa, á que poden optar as cidades cunha poboación de máis de 100.000 habitantes, premiou na pasada edición ás cidades de Helsinqui e Lyon, mentres que os premios por categorías recaeron en  Liubliana por sustentabilidade, Málaga por accesibilidade, Copenhague por dixitalización e  Linz por patrimonio cultural.

O xurado ten en conta como son de innovadoras e intelixentes as medias implementadas na cidade, así como a sustentabilidade das accións no tempo.

Ademais valórase se as actuacións que se comentan son inclusivas para os diferentes grupos sociais, así como se o grao das medidas expostas contribúen a elevar o perfil da cidade como destino turístico e os impactos que tiveron na cidade.

Datas a ter en conta
O prazo límite para presentar a candidatura é o 10 de maio, en tanto que o período de avaliación terá lugar entre maio e xuño. Será en agosto cando se anuncien as cidades preseleccionadas.

O 8 de outubro reunirase o xurado en Helsinqui e o 9 de outubro terá lugar a cerimonia de entrega de premios con motivo do Foro Europeo de Turismo.

Toda a información sobre a convocatoria está dispoñible aquí

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante