Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

02/10/2017

Nova estratexia europea de política industrial: Investir nunha industria intelixente, innovadora e sustentable

O comisario Katainen durante a presentación do paquete industrial. © Unión Europea
  • A Comisión presentou unha estratexia renovada de política industrial da UE, que agrupa nun mecanismo global todas as iniciativas horizontais e sectoriais existentes e novas
  • A industria representa dous terzos das exportacións da UE e dá emprego a 32 millóns de persoas. Pero para manter e reforzar a súa vantaxe competitiva, precísase un importante esforzo de modernización

Bruxelas, 2 de outubro de 2017. Con motivo do Discurso sobre o Estado da Unión do pasado setembro, a Comisión presentou unha estratexia renovada de política industrial da UE, que agrupa nunha estratexia global todas as iniciativas horizontais e sectoriais existentes e novas. Así mesmo, aclara as futuras funcións de todas as partes implicadas e establece os foros que permitirán á industria e á sociedade civil en particular orientar a actuación da política industrial no futuro: un Día da Industria anual, cuxa primeira edición tivo lugar en febreiro de 2017, e unha Mesa Redonda Industrial de Alto Nivel.

Jyrki Katainen, vicepresidente responsable de Fomento do Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, afirmou que «ao adoptar os cambios tecnolóxicos, converter os investimentos en investigación en ideas empresariais innovadoras e manternos á vangarda da economía circular e hipocarbónica, achandaremos o camiño para unha industria intelixente, innovadora e sustentable en Europa». Pola súa banda, Elżbieta Bieńkowska, comisaria de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes, engadiu que «moitas das industrias europeas atópanse nun punto de inflexión. Hoxe en día, política industrial significa empoderar ás nosas industrias para que sigan ofrecendo crecemento sustentable e emprego ás nosas rexións e cidadáns».

Entre os principais novos elementos da nova Estratexia de Política Industrial da UE cabe citar:

  • Un paquete global de medidas para reforzar a ciberseguridade da nosa industria. Inclúe a creación dun Centro Europeo de Competencias e Investigación en Ciberseguridade, con obxecto de apoiar o desenvolvemento das capacidades tecnolóxicas e industriais no ámbito da ciberseguridade, así como un sistema de certificación de produtos e servizos a escala da UE, recoñecido en todos os Estados membros (adoptado o 13 de setembro de 2017).
  • Unha proposta de Regulamento sobre a libre circulación dos datos non persoais, que permitirá que os datos circulen libremente a través das fronteiras, contribuíndo así a modernizar a industria e a crear un auténtico espazo común europeo de datos (adoptada o 13 de setembro de 2017).
  • Unha nova serie de medidas en relación coa economía circular, en particular unha estratexia sobre os plásticos e medidas destinadas a mellorar a produción de recursos biolóxicos renovables e a súa conversión en bioproductos e bioenergía (outono de 2017).
  • Un conxunto de iniciativas para modernizar o marco de propiedade intelectual, entre as que se inclúe un informe sobre o funcionamento da Directiva relativa ao respecto dos dereitos de propiedade intelectual e unha Comunicación sobre un marco europeo claro e predicible de licenzas de patentes esenciais sobre normas (outono de 2017).
  • Unha iniciativa para mellorar o funcionamento da contratación pública na UE, incluído un mecanismo voluntario para achegar claridade e orientacións ás autoridades que planifican grandes proxectos de infraestruturas (outono de 2017).
  • Ampliación da Axenda das Capacidades a novos sectores industriais clave, como a construción, a siderurgia, o papel, as tecnoloxías verdes e as enerxías renovables, a fabricación e o transporte marítimo (outono de 2017).
  • Unha estratexia en materia de financiamento sustentable para canalizar mellor os fluxos de capital privado cara a investimentos máis sustentables (principios de 2018).
  • Iniciativas en prol dunha política comercial equilibrada e progresiva e un marco europeo para o control dos investimentos estranxeiros directos que poidan supoñer unha ameaza para a seguridade ou a orde pública (adoptados o 13 de setembro de 2017).
  • Unha lista revisada de materias primas fundamentais respecto das cales a Comisión seguirá axudando a garantir a subministración segura, sustentable e alcanzable para a industria manufactureira da UE (adoptada o 13 de setembro de 2017).
  • Novas propostas para unha mobilidade limpa, competitiva e conectada, en particular normas de emisións de CO2 máis estritas para os turismos e os vehículos comerciais lixeiros, un Plan de acción de infraestruturas para os combustibles alternativos para apoiar a implantación dunha infraestrutura de carga, e accións para promover a condución autónoma (outono de 2017).

A posta en práctica desta estratexia global é unha responsabilidade compartida. O seu éxito dependerá dos esforzos e a cooperación das institucións da UE, os Estados membros e as rexións, pero, sobre todo, do papel activo da propia industria.

 

Antecedentes

A industria europea é unha industria forte e mantivo unha posición de liderado en moitos sectores dos mercados mundiais. A industria representa dous terzos das exportacións da UE e dá emprego a 32 millóns de persoas; 1,5 millóns destes postos de traballo creáronse a partir de 2013. Pero para manter e reforzar a súa vantaxe competitiva, precísase un importante esforzo de modernización. Esta é a razón pola que a industria é un elemento central das prioridades políticas da Comisión Juncker. Todas as políticas da Comisión oriéntanse a empoderar este sector para crear postos de traballo e potenciar a competitividade europea, promover o investimento e a innovación en tecnoloxías limpas e dixitais, e defender ás rexións e os traballadores europeos máis afectados polas transformacións industriais.

As novas tecnoloxías de produción están a cambiar a paisaxe industrial de Europa e desempeñan un papel cada vez máis importante á hora de determinar a capacidade das empresas europeas de competir a escala mundial. Contribuirán á creación de emprego a través dunha serie de canles, e as tecnoloxías que permitan aumentar a produtividade poden beneficiar á economía en xeral. Tamén é posible que teñan un impacto máis profundo na natureza do traballo e a súa dispoñibilidade. O futuro da industria europea dependerá da súa capacidade para adaptarse e innovar continuamente mediante o investimento en novas tecnoloxías e a asunción dos cambios que trae consigo o aumento da dixitalización e a transición a unha economía hipocarbónica e circular. Ao mesmo tempo, a competencia a nivel mundial é máis intensa que antes e as vantaxes da globalización e os avances tecnolóxicos están desigualmente repartidos nas nosas sociedades. A Comisión Juncker quere abordar tamén esta cuestión.

 Fonte: Comisión Europea

Comunicación da Comisión Europea: Unha estratexia renovada de política industrial para Europa


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante