Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/10/2019

Os ministros dos Estados membros da UE adoptan novas conclusións sobre a economía do benestar

Os ministros da UE reunidos no cume mantido hoxe en Luxemburgo. Fonte: © European Union 2019.jpg
  • O Consello da UE remarcoulles á Comisión e aos Estados membros a importancia de incluír a perspectiva da economía do benestar nas futuras medidas estratéxicas e políticas públicas.
Luxemburgo, 24 de outubro de 2019. O Consello da UE mantivo durante a xornada de hoxe na cidade de Luxemburgo un cume no que se adoptaron unhas Conclusións sobre a economía do benestar, entre outros asuntos prioritarios na axenda dos ministros da UE como a loita contra a discriminación, a lexislación máis eficiente en política social ou o futuro do traballo na Unión. Nestas Conclusións solicítase tanto á Comisión como aos Estados membros que teñan en conta, de forma sistemática, a perspectiva da economía do benestar á hora de elaborar novas medidas estratéxicas e políticas públicas.

E é que o concepto de economía do benestar esixe ir máis aló do PIB, que se limita a medir o rendemento económico e non o benestar das persoas. A afirmación principal do concepto é que, aínda que o benestar das persoas é un valor central en si mesmo, tamén é vital para garantir un crecemento económico sustentable a longo prazo. A economía do benestar favorece un enfoque  intersectorial da formulación de políticas, sobre unha base de coñecementos sólida, tendo en conta que o crecemento económico sustentable a longo prazo citado antes depende desta aposta polo benestar:
  • Unha protección social máis inclusiva pode dar lugar a un maior crecemento do PIB.
  • A mellora da igualdade entre homes e mulleres podería dar lugar a un aumento do PIB de ata o 9,6 % de aquí a 2050.
  • Unha mellor asistencia sanitaria pode reducir o número de persoas que morren cada ano na Unión por mor de enfermidades non transmisibles (550.000 casos de morte, o que supón 115.000 millóns de euros en potencial económico perdidos anualmente).
  • Unha educación e formación máis accesibles. As estimacións mostran que nos países da OCDE, as persoas cun alto nivel de educación viven unha media de 6 anos máis que as persoas cun baixo nivel de educación.
Así o expresaba a ministra de Asuntos Sociais e Sanidade de Finlandia,  Aino-Kaisa  Pekonen, á saída do encontro: «A economía do benestar marca un cambio de paradigma ao trasladar a énfase do crecemento económico ao benestar das persoas, que constitúe un dos obxectivos principais do proxecto da UE no seu conxunto. Convidamos á Comisión a que propoña unha nova estratexia a longo prazo que reflicta a economía do benestar, para que a Unión leve a cabo con éxito a Estratexia Europa 2020 para o crecemento e o emprego», declarou a política finesa.

O Consello da UE publicou posteriormente na súa web unha infografía que ilustra á perfección as diferentes variables que afectan á economía do benestar na actualidade, e como o crecemento económico e o benestar son dous elementos interdependientes que se reforzan entre si. Pode consultar este gráfico aquí.

Loita contra a discriminación
Os ministros da UE tamén mantiveron un debate público sobre a maneira de reforzar as medidas contra a discriminación na Unión Europea. A finalidade do debate, baseado nunha nota da Presidencia, foi facer un balance da situación actual e identificar os retos e as posibles formas de impulsar a loita contra a discriminación máis aló do ámbito do emprego. A Presidencia redactará un resumo do debate para apoiar á nova Comisión e ás presidencias entrantes nas súas actuacións contra a discriminación.

Lexislación máis eficiente en política social
Na reunión de Luxemburgo tamén se abordou o tema de lexislar mellor en materia de política social. A Comisión Europea presentou hoxe a súa Comunicación sobre como lexislar de maneira máis eficiente en política social. Neste escrito anímase a pasar ao voto por maioría cualificada ou a recorrer ao procedemento lexislativo ordinario en ámbitos que aínda están sometidos á unanimidade ou que requiren un procedemento lexislativo especial («cláusula pasarela xeral»). Tras a presentación da Comisión, á hora do xantar mantívose un debate informal sobre o mesmo tema.

O futuro do traballo nun mundo laboral cambiante
Así mesmo, o Consello da UE adoptou unhas Conclusións que teñen por obxecto promover a Declaración do Centenario da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre o futuro do traballo, unha declaración adoptada pola Conferencia Internacional do Traballo o pasado 21 de xuño de 2019.

Os ministros da UE tamén mantiveron un debate de orientación sobre a adecuación das capacidades ás necesidades do mercado de traballo nun mundo laboral cambiante, a fin de explorar o mellor enfoque estratéxico sobre a aprendizaxe permanente. Timo  Harakka, ministro de Emprego de Finlandia, expresouse claramente sobre este tema: «Os mercados de traballo e as necesidades de readaptación profesional están a cambiar a un ritmo sen precedentes. Necesitamos un enfoque máis estratéxico sobre a aprendizaxe permanente na UE e temos que animar ás persoas que ocupan unha posición máis inestable no mercado laboral a que participen nel. A aprendizaxe permanente é fundamental para garantir a competitividade, a inclusión social e o benestar en Europa».

Por outra banda, e no marco do Semestre Europeo, o Comité de Emprego e o Comité de Protección Social tamén presentaron aos ministros as mensaxes clave dos seus respectivos exames anuais sobre o emprego e sobre a situación social na UE e a evolución das políticas nos Estados membros. O Consello referendou as mensaxes antes de que a Comisión publique o paquete de medidas económicas de outono.

Outros puntos da axenda
A reunión serviu ademais para que a Comisión informase os ministros da UE acerca da Conferencia sobre o fomento da igualdade das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transxénero e intersexuais (LGBTI) na UE (Bruxelas, 23 e 24 de setembro de 2019). Así mesmo, a Presidencia e a Comisión Europea aproveitaron este encontro para proporcionar información sobre o Cume Social Tripartito mantido en Bruxelas o pasado 16 de outubro.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante