Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/04/2019

A Xunta de Galicia expón en Bruxelas a súa experiencia na xestión de programas sociais financiados co Fondo Social Europeo

Carlos Santos expón en Bruxelas a experiencia da Xunta de Galicia na xestión de programas sociais financiados co Fondo Social Europeo.jpg
A Consellería de Política Social participou nun evento organizado pola Rede Europea de Servizos Sociais (ESN).

O representante galego expuxo o uso dos fondos comunitarios por parte da Xunta para o reforzo activo dos servizos sociais en Galicia como os programas de inclusión social, os programas de apoio á infancia ou os proxectos de innovación social. 

Bruxelas, 9 de abril de 2019. O subdirector de Servizos Sociais e Xestión Económica da Xunta, Carlos Santos Guerrero, participou hoxe nun evento organizado pola Rede Europea de Servizos Sociais (ESN) que tivo lugar no Parlamento Europeo. A cita serviu para debater en presenza dos europarlamentarios Sofía Ribeiro, Verónica Lope Fontagné e  Brando Benifei diversos proxectos locais financiados con fondos da UE, e concretamente co Fondo Social Europeo, que promoven e reforzan a prestación de servizos sociais a nivel local. O evento chega nun momento clave, posto que as negociacións para o novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 xa están en marcha.

Carlos Santos, en representación da Xunta de Galicia, introduciu neste debate ante varios membros do Parlamento Europeo, da Comisión Europea e outros servicios sociais públicos, a experiencia do goberno galego en materia de xestión e promoción de programas sociais financiados con fondos comunitarios. Santos presentou durante a súa intervención varias iniciativas sufragadas co Fondo Social Europeo como o ‘Programa Mentor’, un programa de inserción sociolaboral para xoves e mozas e mozos maiores de 16 anos tutelados pola Xunta de Galicia.

O representante autonómico tamén explicou o ‘Programa Reconduce’, un proxecto de apoio social e asesoría legal e económica para persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual; xunto ás iniciativas de innovación e inclusión social do ‘Proxecto Symbios’ para o intercambio transnacional de coñecementos, experiencias e metodoloxías sobre os desafíos xurdidos polo declive e envellecemento demográfico de cara a prestación de servizos públicos.

Rede Europea de Servizos Sociais (ESN)
A Rede Europea de Servizos Sociais (ESN) iniciou en 1999 as súas actividades como unha entidade benéfica con base en Reino Unido. Desde esa data, a institución mantivo unha relación especial coa Comisión Europea. Xa desde o ano 2006, a Rede Europea de Servizos Sociais converteuse nun socio estratéxico da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, firmando varios acordos marco de colaboración para apoiar a inclusión social na axenda da Comisión Europea. A partir de 2018, a ESN sitúa a súa sede en Bruxelas. Actualmente, esta entidade establécese como unha rede en constante crecemento con máis de 125 organizacións membros en 33 países europeos, e promove o intercambio de coñecementos, prácticas e políticas entre os diversos servizos sociais de toda Europa. Galicia é unha das rexións representadas dentro deste organismo.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante