Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/03/2019

Día Internacional da Muller 2019: máis igualdade, pero o cambio é demasiado lento

Día Internacional da Muller 2019 .png
Bruxelas, 8 de marzo de 2019. Con motivo do Día Internacional da Muller, a Comisión publicou o seu informe de 2019 sobre a igualdade entre mulleres e homes na UE. A boa noticia é que Europa fai progresos, pero é preciso acelerar o cambio.

A Comisión  Juncker actuou en todas as frontes para mellorar a vida das mulleres en Europa, combatendo a violencia contra as mulleres, pechando a fenda salarial entre homes e mulleres e tamén mellorando as condicións para que as familias poidan conciliar a vida familiar e a vida profesional.

O informe de mostra algúns avances en materia de igualdade de xénero, pero as mulleres seguen enfrontándose a desigualdades en moitos ámbitos:
  • A taxa de emprego das mulleres na UE alcanzou o seu nivel histórico máis alto en 2017, cun 66,4 %, pero a situación difire dun Estado membro a outro. O ano pasado, oito Estados membros recibiron recomendacións no marco do Semestre Europeo para mellorar a participación feminina no mercado laboral (Austria,  Chequia, Alemaña, Estonia, Irlanda, Italia, Polonia e Eslovaquia).
  • As mulleres corren máis risco de caer na pobreza e os seus salarios son, máis ou menos, un 16 % máis baixos que os dos homes. Isto tradúcese na fenda das pensións, que en 2017 era do 35,7 %. Nalgúns países, máis do 10 % das mulleres de máis idade non pode permitirse a atención sanitaria que necesita.
  • As mulleres seguen estando moi infrarrepresentadas nos Parlamentos e no Goberno. Só seis dos 28 Parlamentos nacionais da UE están presididos por unha muller, e sete de cada 10 deputados dos Parlamentos nacionais na UE son homes. Aínda que o nivel do 30,5 % de mulleres en altos cargos ministeriais é o máis elevado desde a primeira vez que se dispuxo de datos para todos os Estados membros en 2004, segue habendo indicios de que se tende a asignar ás mulleres carteiras consideradas de menor prioridade política.
  • O teito de cristal segue sendo unha realidade no mundo empresarial e só o 6,3 % dos postos de conselleiro delegado en grandes empresas que cotizan en bolsa na UE estaban ocupados por mulleres.
Compartir responsabilidades asistenciais con novas normas da UE para conciliar a vida profesional e a vida privada

O recente acordo acerca da Directiva sobre conciliación da vida familiar e profesional fixa unha norma europea mínima de 10 días de permiso de paternidade pago para o pai despois do nacemento dun fillo, remunerado ao nivel do subsidio de enfermidade. 

Refórzase así o dereito existente a catro meses de permiso  parental, facendo dous meses non  transferibles entre os proxenitores e introducindo a remuneración para eses dous meses a un nivel que determinarán os Estados membros. Inclúe tamén prestacións por permiso para coidadores ao asignar cinco días por traballador e ano como un novo dereito para os traballadores. Por último, pero non por iso menos importante, as novas normas reforzan o dereito de todos os proxenitores e coidadores a solicitar fórmulas de traballo flexible.

As mulleres no Parlamento Europeo e na Comisión Europea

En novembro de 2018, as mulleres representaban o 36,4 % dos 749 deputados do Parlamento Europeo, lixeiramente por baixo do punto máximo do 37,3 % que se alcanzou a finais de 2016. Finlandia destaca claramente cun 76,9 % de deputadas. Os representantes de sete Estados membros contan polo menos cun 40 % de deputados de cada xénero (Irlanda, España, Francia, Croacia, Letonia, Malta e Suecia), mentres que máis do 80% dos deputados de  Bulgaria, Estonia,  Chipre, Lituania e Hungría son homes.

Dentro da Unión Europea, o esforzo permanente para alcanzar o obxectivo do 40% de mulleres nos seus postos de dirección superiores e intermedios para 2019, fixado polo Presidente Jean-Claude  Juncker, está a dar os seus froitos. A proporción de mulleres directivas alcanzou o 39 % en todos os niveis, un 37 % no nivel directivo superior e un 40% no nivel directivo intermedio.

Contexto

A igualdade entre mulleres e homes é un valor fundamental da Unión Europea que está consagrado no Tratado desde os mesmos comezos, pois o Tratado de Roma incluía unha disposición sobre a igualdade de retribución salarial.

O labor actual da Comisión en canto á política de igualdade de xénero baséase no «Compromiso estratéxico para a igualdade de xénero 2016-2019», que á súa vez está centrado en cinco ámbitos prioritarios:
  • o aumento da participación da muller no mercado laboral e a equiparación da independencia económica de mulleres e homes;
  • a redución da disparidade salarial, de ingresos e de pensións por razóns de xénero e, por conseguinte, a loita contra a pobreza entre as mulleres;
  • a promoción da igualdade entre mulleres e homes na toma de decisións;
  • a loita contra a violencia de xénero e a protección e o apoio ás vítimas; e
  • a promoción da igualdade de xénero e os dereitos das mulleres en todo o mundo. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante