Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

31/10/2018

A educación e a formación profesionais no corazón de Europa: lanzamento da terceira Semana Europea da Formación Profesional

4434F_1540989047_logo.jpg
  • Do 5 ao 9 de novembro de 2018, a Comisión Europea, en cooperación coa Presidencia  austriaca, organiza a terceira Semana Europea da Formación Profesional
  • No marco desta celebración Galicia celebrará a o V campionato galego de formación profesional: Galiciaskills 2018
Bruxelas, 31 de outubro de 2018. Baixo o lema «Descobre o teu talento», miles de mozos de toda Europa terán a posibilidade de informarse sobre as oportunidades de formación e de traballo que ofrece a formación profesional en máis de 1.000 eventos que se celebrarán en toda Europa ata decembro de 2018. A iniciativa reúne a organismos de formación, organizacións da sociedade civil, poderes públicos, organizacións empresariais, sindicatos e o público en xeral para divulgar as vantaxes da formación profesional.

Educación e formación profesionais: unha opción intelixente para o futuro

O obxectivo desta semana é demostrar que optar pola formación profesional é unha decisión intelixente, tanto para os mozos como para os adultos, que conduce á excelencia en educación, e permite obter empregos de calidade e incrementar a  empregabilidade.

Deste xeito, a Semana contribúe á Axenda das Capacidades para Europa e á implantación do alicerce europeo de dereitos sociais. Mediante a Semana Europea da Formación Profesional, a Comisión Europea pretende concienciar sobre a ampla gama de oportunidades que brinda a formación profesional, e animar a máis persoas a que participen e descubran o que pode ofrecerlles. Este ano, a Semana centrarase especialmente no futuro da formación profesional, abordando temas como a dixitalización e a internacionalización da formación.

Como parte da campaña, están a celebrarse eventos de apertura e días do empregador en varios Estados membros, nomeáronse  26 embaixadores nacionais e  paneuropeos para difundir a iniciativa, e concederanse premios durante a Semana para celebrar a excelencia na formación profesional.

O Centro Europeo para o Desenvolvemento da Formación Profesional (Cedefop) e a Fundación Europea de Formación colaboraron activamente na organización desta semana Europea.

Galiciaskills 2018

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca o V Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2018, tras o éxito conseguido nas anteriores edicións e referendado polos nosos competidores nas edicións dos campionatos estatais SpainSkills e a presenza de alumnado galego nos campionatos internacionais WorldSkills e EuroSkills.

Organizado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, GaliciaSkills 2018 pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte na nosa Comunidade Autónoma.

Este é un campionato eminentemente práctico e consistirá no desenvolvemento de 25 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas.

Galiciaskills 2018 celebrarase en Silleda, no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, do 28 ao 30 de novembro de 2018. 

Cifras crave sobre a formación profesional en Europa
  • O 49 % dos alumnos de ensino secundario de segundo ciclo de Europa participan en formación profesional secundaria de segundo ciclo (2016). 
  • O índice de emprego dos titulados recentes de formación profesional en Europa é do 74,8 % (2017)
  • A porcentaxe de adultos con baixa cualificación en Europa foi diminuíndo progresivamente grazas á axuda do Fondo Social Europeo (FSE), pero segue sendo demasiado elevada (un 22,5 % en 2017)
  • O 10,9 % da poboación europea participa no ensino para adultos (2017)
Semana Europea da Formación Profesional:

A primeira edición da Semana Europea da Formación Profesional celebrouse en 2016. En 2017, celebrouse a segunda edición con máis de 1.585 actividades organizadas en toda Europa, que chegaron a un millón de persoas. 

Consulta aquí todos os eventos da terceira edición!




© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante