Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/02/2018

Galicia: 720.000 euros para axudar a 303 traballadores téxtiles a atopar emprego

4210F_1519830697_c3adndice.jpg
  • Un total de 303 traballadores da industria téxtil que perderon o seu traballo recibirán 720.000 euros de axuda económica da UE.
  • A comisión de Orzamentos do Parlamento apoiou a medida o xoves, con 30 votos a favor, un en contra e unha abstención.

 Bruxelas, 22 de febreiro de 2018. Os despedidos traballaban para cinco empresas da localidade de Ordes: Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creacións, Viriato e Shivshi. Todas elas víronse afectadas o aumento das importacións téxtiles e a subseguinte baixada dos prezos. Esta tendencia levou aos fabricantes a trasladar parte da súa produción a países extracomunitarios con custos de produción máis baixos, propiciando o peche de varias empresas e despedimentos de traballadores.

A liberalización do comercio téxtil na UE carrexou unha diminución constante do número de empresas de confección localizadas na rexión galega. A resolución preparada por Esteban González Pons (PPE, España) destaca que entre decembro de 2016 e abril de 2017 o desemprego aumentou un 40% na comarca de Ordes, mentres que un 26% das empresas téxtiles afincadas en Galicia pecharon entre 2010 e 2016.

O diñeiro do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización complementará as medidas que xa tomaron as autoridades españolas. Os 303 traballadores despedidos, dos que o 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e os 54 anos, poderán acceder a talleres, orientación profesional, formación, apoio na procura de emprego, seguimento tras a reintegración ao traballo, e incentivos económicos.

Próximos pasos 
O pleno do Parlamento debe confirmar o respaldo á medida, o 1 de marzo. O Consello de Ministros pronunciarase o 27 de febreiro.


Máis información 
O Fondo Europeo de Adaptación á Globalización financia paquetes personalizados de servizos para axudar a traballadores despedidos a atopar un novo emprego. O seu teito anual é de 150 millóns de euros. O fondo ofrece aos traballadores despedidos apoio para a creación de empresas, axuda na procura de emprego, orientación e asesoramento profesional individualizado e varios tipos de formación. Na maioría dos casos, as autoridades nacionais comezan a aplicar as medidas e a UE reembolsa os custos unha vez aprobada a dotación.

Fonte: Parlamento Europeo

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante