Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

01/07/2021

Europa Global: o novo instrumento de acción exterior da UE

Foto: Comisión Europea
  • Adóptase definitivamente o novo orzamento da UE para a acción exterior a longo prazo. A UE poderá utilizar 79 500 millóns de euros para estimular a recuperación mundial durante os próximos sete anos.
  • Por primeira vez en cincuenta anos de política de desenvolvemento, todos os instrumentos de financiamento exterior simplificaranse nun instrumento principal que se axuste mellor ás prioridades políticas da Comisión e ás necesidades emerxentes.
Bruxelas, 1 de xullo de 2021. A Comisión Europea congratúlase da decisión do Parlamento Europeo de adoptar o Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional (IVDCI) – Europa Global para o período 2021-2027. Trátase do último paso do proceso de adopción tras as negociacións entre o Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión. 

Con esta decisión, a UE poderá utilizar 79 500 millóns de euros a prezos correntes para cooperar con terceiros países durante o período 2021- 2027 (excepto para os beneficiarios de preadhesión e os países e territorios de Ultramar, que están suxeitos a instrumentos específicos), o que representa un aumento do 12% en comparación co orzamento a longo prazo anterior 2014-2020. Esta dotación utilizarase para asociacións internacionais sobre desenvolvemento sostible, cambio climático, democracia,  gobernanza, dereitos humanos, paz e seguridade nos países veciños e noutros países.

A asignación global de 79 500 millóns de euros dividirase como segue:
  • 60 380 millóns de euros para programas xeográficos, do cales:
    • polo menos 19 320 millóns de euros para a Veciñanza
    • polo menos 29 180 millóns de euros para o África subsahariana
    • 8 480 millóns de euros para Asia e o Pacífico
    • 3 390 millóns para as Américas e o Caribe
  • 6 360 millóns de euros para programas temáticos dirixidos a financiar accións relacionadas cos dereitos humanos e democracia, organizacións da sociedade civil, paz, estabilidade e prevención pacífica de conflitos, e retos mundiais
  • 3 180 millóns de euros para actuacións de resposta rápida
Ademais, un «colchón» de fondos sen asignar de 9 530 millóns de euros podería complementar calquera destes programas e o mecanismo de resposta rápida para facer fronte a circunstancias imprevistas, novas necesidades ou retos emerxentes, e apoiar novas prioridades.

O novo instrumento apoiará especialmente aos países máis necesitados para superar os seus retos de desenvolvemento a longo prazo e contribuirá á consecución dos compromisos e obxectivos internacionais que a Unión acordou, en particular dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030 e o Acordo de París. Fusiona varios instrumentos actuais de financiamento exterior con cargo ao orzamento da UE.

IVDCI – Europa Global tamén unifica as subvencións, o financiamento mixto e as garantías, que permitirán á UE promover o investimento público e privado en todo o mundo en prol do desenvolvemento sostible. O investimento contará co respaldo de 53 400 millóns de euros da Garantía de Acción Exterior, que tamén abarcará os Balcáns Occidentais.

Seguintes etapas: Decisións de programación e financiamento
O  IVDCI – Europa global entrará en vigor con efectos retroactivos a partir do 1 de xaneiro de 2021.

A execución do  IVDCI – Europa global segue un proceso en dúas fases.
  • Nun primeiro momento, os servizos da Comisión, xunto co Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE), traballan na planificación a medio e longo prazo da UE para cada país, rexión e programa temático, denominada «programación». A programación do IVDCI – Europa global púxose en marcha en novembro de 2020 e debería quedar ultimada a finais deste ano coa adopción pola Comisión de documentos de programación indicativos plurianuais xeográficos e temáticos. Tras debater cos países socios, a sociedade civil, os Estados membros da UE, outros doantes e as partes interesadas, a Comisión e o  SEAE sentan as bases para futuras intervencións da UE a medio e longo prazo. En concreto, fixa os ámbitos prioritarios, os obxectivos específicos, os resultados previstos e as asignacións indicativas para as accións da UE a nivel nacional, rexional e temático.
  • Nunha segunda fase identificaranse e formularanse intervencións específicas nun país ou rexión (programas xeográficos) ou nun tema (programas temáticos) dados de forma anual, e adoptaranse decisións de financiamento en consecuencia. Esta segunda fase achegará maior flexibilidade para poder responder de mellor maneira ás circunstancias cambiantes. 
A través da formulación «Equipo Europa», están a buscarse iniciativas cos Estados membros a nivel nacional e rexional nas que as accións financiadas pola UE e polos Estados membros poidan ter un impacto transformador.

O Parlamento Europeo e a Comisión están a participar actualmente nun diálogo xeopolítico informal sobre as orientacións xerais de programación. En consonancia co  IVDCI – Europa global, a Comisión adoptará un acto delegado para enmarcar o exercicio de programación que entrará en vigor en 2021, sempre que o Parlamento Europeo e o Consello non formulen obxeccións.

Contexto
O orzamento a longo prazo da UE, xunto co instrumento NextGenerationEU, o instrumento temporal concibido para impulsar a recuperación de Europa, será o maior paquete de estímulo financiado xamais co orzamento da UE. Un total de 1,8 billóns de euros (a prezos de 2018) axudarán a reconstruír a Europa posterior á COVID-19, unha Europa que será máis ecolóxica, máis dixital e máis  resiliente.

O IVDCI – Europa Global incorpora no orzamento comunitario á cooperación con África, o Caribe e o Pacífico, que foi financiada durante décadas mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento. Este Fondo era financiado directamente polos Estados membros, non polo orzamento da UE, polo que non estaba suxeito ao control do Parlamento Europeo.


Máis información:

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante