Si quieres recibir la actualidad de la UE en tú correo: noticias, convocatorias, búsquedas de socios, conferencias...
19/05/2006
A Comisión Europea adoptou o pasado martes 16 os informes de seguimento do nivel de preparación dos dous países candidatos, nos que considera que a súa adhesión o primeiro de xaneiro de 2007 está condicionada á resolución dalgúns problemas pendentes. Estes documentos analizan os avances feitos por Bulgaria e Romanía dende outubro de 2005, data dos últimos informes.
Segundo Barroso, Presidente da Comisión, “a UE desexa honra-los seus compromisos; isto esixe o cumprimento dos criterios de adhesión establecidos. Animo ás autoridades búlgaras e romanas a considerar a nosa recomendación coma un incentivo para concluí-los seus preparativos”.
Os eidos nos que se lles esixe progresos cuantiosos son o poder xudicial e a loita contra a corrupción basicamente. Así, o executivo comunitario establece unha formulación moi específica coa que pretende garantir a continuidade das reformas en ámbolos dous países ate o momento da adhesión e tamén despois de esta. As cuestións que deben ser abordadas para a súa incorporación na data prevista son as seguintes:
• Bulgaria debe aportar probas tanxibles dos resultados da loita contra a corrupción, presentando investigacións e procedementos xudiciais. Tamén ten que profundiza-la reforma do poder xudicial, en particular con obxecto de reforza-la súa transparencia, a eficiencia e a imparcialidade.
• Romanía ha de facer esforzos suplementarios e presentar resultados da loita contra a corrupción. Debe tamén consolida-la aplicación da reforma da xustiza en curso e aumenta-la transparencia, a eficiencia e a imparcialidade do poder xudicial.
Por outro lado, débense tratar algunhas cuestións determinadas pola Comisión como fonte de grave preocupación en materia de transposición das leis e normas da UE.
A institución comunitaria revisará os logros do ámbolos dous países a principios de outubro coma moi tarde e, sobre esta base, examinará se pode ser mantida ou non a data de adhesión de 2007.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidade Política de Cookies Perfil de contratante