Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/10/2019

Os europeos seguen apoiando o desenvolvemento internacional segundo unha enquisa realizada por Eurobarómetro

Tres de cada catro europeos están de acordo en que a UE debería reforzar a súa asociación cos países de África. Fonte: © European Union 2016. Fotógrafo: Seyllou Diallo.jpg
  • Os cidadáns da UE priorizaron os obxectivos clave do desenvolvemento sustentable destacando por orde: a educación, a paz e a seguridade, a auga e saneamento, a saúde, a seguridade alimentaria e a agricultura, o crecemento económico e o emprego e os dereitos humanos.
  • Tres de cada catro europeos están de acordo en que a Unión debería reforzar a súa colaboración con África, aumentando o investimento nos países africanos a fin de crear traballo e garantir o desenvolvemento sustentable.
Bruxelas, 23 de outubro de 2019. Unha enquisa do Eurobarómetro deste ano sobre a cooperación ao desenvolvemento da UE mostra un amplo consenso entre os cidadáns europeos sobre a importancia da cooperación internacional e o desenvolvemento. Case nove de cada dez cidadáns da UE afirman que a cooperación ao desenvolvemento é importante para apoiar ás persoas nos países en desenvolvemento, o que confirma a tendencia observada nos últimos anos. Dita enquisa reflicte que a cooperación ao desenvolvemento é unha das políticas da UE percibidas de forma máis positiva pola cidadanía europea.

O comisario de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, Neven Mimica, comentou ao respecto a súa satisfacción ao «ver que os europeos seguen apoiando firmemente a cooperación ao desenvolvemento da Unión e están de acordo nas prioridades clave nas que estiven traballando nos últimos anos: reforzar as asociacións, como con África; profundar no noso compromiso de crear postos de traballo e atraer máis investimentos privados. Trátase dunha base sólida para que a Unión Europea manteña o seu papel de liderado mundial e aborde os importantes retos que quedan por diante», asegurou o político croata.

Tres de cada catro europeos están de acordo en que a UE debería reforzar a súa asociación con África e incrementar os investimentos financeiros para crear postos de traballo e garantir o desenvolvemento sustentable en ambos continentes. Ademais, os cidadáns europeos apoian os esforzos da UE para impulsar o investimento privado na cooperación ao desenvolvemento: tres de cada catro europeos consideran que o sector privado ten un papel máis importante que desempeñar no desenvolvemento internacional.

Así mesmo, os cidadáns europeos apoian o traballo que se está realizando para lograr cumprir a axenda de desenvolvemento global común programada no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable propostos por Nacións Unidas. Cando se lles preguntou sobre os principais desafíos para o desenvolvemento, os cidadáns da UE deron prioridade a obxectivos clave do desenvolvemento sustentable na seguinte orde: educación, paz e seguridade, auga e saneamento, saúde, seguridade alimentaria e agricultura, crecemento económico e emprego e dereitos humanos.

Máis de sete de cada dez cidadáns da UE afirman que a asistencia financeira é unha forma eficaz de abordar a migración irregular, e unha proporción igualmente grande está de acordo en que a prestación de asistencia financeira aos países en desenvolvemento contribúe a reducir as desigualdades neses países. O mesmo número de europeos cre que a axuda financeira aos países en desenvolvemento é unha forma eficaz de reforzar a influencia e o papel da UE en todo o mundo.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante